CANS
XERAIS

Celebrarte

A parella de Javier Álvarez e mais el buscaban un local acondicionado para organizar unha festa de aniversario para a súa filla e non o daban atopado. Entón decidíronse a facelo eles mesmos. Estes veciños de Teis atoparon un local que quedou libre na zona, convertérono nunha especie de apartamento con salón, cociña e unha zona infantil equipada cunha casa de madeira con tobogán e unha cama elástica. A diversión tamén está servida para o público adulto, cunha diana de dardos, un televisor e unha máquina recreativa con máis de 5.000 videoxogos retro. O local pódese alugar por horas coa intención única de que grupos familiares ou de amigos desfruten dun tempo de calidade sen preocuparse por máis nada.

Desde que se inaugurou en xaneiro, Celebrarte case non tivo unha fin de semana libre. «Sabemos que para os pais non é agradable ver chorar os nenos por non querer marchar, pero para nós é síntoma de que o pasaron ben», comenta Javier con orgullo. Froito do boca a boca dos pais e nais dos colexios da zona, reciben moitas reservas para aniversarios infantís, pero Javier quere deixar claro que Celebrarte é para todas as idades: «Se das unha charla ou impartes un obradoiro esporádico, aquí tes onde facelo».

Abren todos os días da semana en tres faixas horarias: mañá, mediodía e tarde. Pero tamén ofrecen a posibilidade de alugar o día enteiro. Avistan a temporada de verán sen medo e con algunha reserva xa programada. «O lugar é fresco e pode servir como alternativa para os días de moita calor», apunta Javier, que engade que, se o negocio funciona ben, ten outra ilusión a longo prazo: dispoñer dun local con terraza para os días de sol.

celebrartevigo.com | 604 02 79 07 | celebrarte.vigo

Érika Martínez
Redactora

Lara Alonso
Fotógrafa

REVISTA MAIO