CANS
XERAIS

A Granxa

Con 17 anos de historia e seis tendas repartidas ao largo e longo de Vigo, A Granxa é unha das carnicerías máis coñecidas da cidade. A de Teis é a segunda máis antiga, e alí aténdenos Antía Juiz, a moza de 27 anos que rexenta o establecemento. A Granxa naceu da arela da súa irmá de montar un negocio de cara ao público con produto de primeira necesidade. Antía admite que lle dedica moitas horas ao seu traballo, pero non o cambiaría por nada.

Ás sete e media da mañá acode puntualmente á tenda para preparar o mostrador desde cero, onde se poden atopar todo tipo de carnes, desde as máis asumibles ata as gamas máis altas de tenreira. Do outro lado, unha clientela que decote se achega unicamente para parolar un anaco. «O oitenta por cento son veciños e o que máis me gusta é o trato co cliente», confesa a carniceira.

Tamén recoñece que a marca atrae clientes doutras zonas de Vigo. «Moita xente que pasa por aquí para porque recoñecen A Granxa». A intención é seguir sumando establecementos para a franquía, sempre velando polo negocio familiar.

carniceriasagranxa.es | 886 13 86 34

Érika Martínez
Redactora

Lara Alonso
Fotógrafa

REVISTA MAIO