WELGOOD

Mercado de Teis

A Praza de Abastos de Teis chegou a contar con máis dun cento de postos dedicados a fornecer a veciñanza de alimentación. A partir dos anos noventa, cando proliferan os hipermercados, a función transfórmase: «A xente deixou de acudir exclusivamente para comprar e isto converteuse nun punto de encontro», sinala Roberto Giráldez, xerente do Mercado de Teis desde 2016.

As novas formas de consumo fixeron que o número de postos fose minguando paulatinamente. Á falta de remuda xeracional, súmase a perda de poder adquisitivo da clientela, buscan opcións máis económicas. Fronte a isto, Roberto reivindica o papel do comercio de proximidade. «Aquí hai case unha trintena de pequenos empresarios, e a maioría son de Teis; a praza de abastos xera emprego e riqueza, ademais de ter unha función social fronte a tendencia da venda online».

No entanto, admite que o papel de Internet cobra cada vez máis importancia e o Mercado publica diariamente ofertas e recibe reservas a través das redes sociais, ademais de que moitos negocios da praza aceptan pedidos a través de WhatsApp. O xerente recoñece que a pandemia cambiou hábitos, e agora acode máis xente nova ao Mercado. A afluencia de xente depende, sobre todo, das peixerías: como o luns non hai peixe, é o día máis frouxo da semana; a diferenza dos martes, venres e sábados. De cara ao futuro, Roberto toma exemplo: «En Lisboa ou Madrid funciona o sistema mixto de mercado e restauración nun mesmo espazo; penso que esa é unha garantía de continuidade para mercados coma o noso».

mercado.teis@gmail.com | mercadodeteis.es | 986 37 15 15 | @mercadodeteis

Érika Martínez
Redactora

REVISTA MAIO

Lara Alonso
Fotógrafa