GALAXIA

Suso Hidalgo (Elepé): “As tendas de discos sempre estamos a loitar á contra”

Poucas persoas debe haber na cidade cun maior coñecemento musical que Suso Hidalgo, unha verdadeira enciclopedia vivinte. O pasado sábado 4 de maio Discos Elepé (Doutor Cadaval, 35) celebraba o seu 40 aniversario cunha gran festa entre amigos na que non faltaron as actuacións en directo por parte dos irmáns Cunha, Suso Cortegoso e Desertores. Falamos longo e tendido con Suso sobre estas catro décadas ao mando da tenda, sobre a industria musical e sobre a escena local, esa á que tanto axuda semana tras semana desde o seu bastión discográfico.

Nas paredes de Elepé poden verse entradas e posters de concertos de bandas como The Clash ou AC/DC | Pablo V.

O primeiro, preguntarche pola festa de aniversario deste sábado. Que tal foi?

Moi ben. Pola mañá, por exemplo, estaban a tocar os irmáns Cunha e uníuselles Valeriano de Desertores a tocar a batería e pillaron un feeling tremendo. Saímos todos contentísimos de aquí, foi algo sorprendente ata para eles. Pola tarde isto petouse de xente co concerto de Desertores, e eles deron un concertazo fantástico. Ademais vendimos bastante, así que estivo moi ben.

Por que escolliches estas bandas para o Aniversario?

Contactei con The Soul Jacket pero estaban fóra tocando e o mesmo con Óscar Avendaño e os Bo Derek’s. Cos irmáns Cunha falei porque xa viñeran máis veces e temos moi boa relación e Desertores son un grupo moi importante para min, porque cando comezaron estivemos moi unidos e traballei moito con eles. Son amigos de toda a vida e gústanme un montón. Foi moi especial que tocaran aquí.

Que balance fas destes 40 anos?

Chegamos ata aquí, que non está mal, así que o balance é positivo. Emocionalmente é positivo, a nivel cartos pois é un curro máis. Eu non son un empresario, son un currante. Todo o que podo sacar de estar aquí é positivo, e do que me quede. Se aguantei ata agora poderei aguantar un pouco máis, ou bastante máis, porque espero que isto non se acabe comigo.

Cando se fala de piratería sempre se pensa no que afecta aos artistas, pero nunca nas tendas de discos. Como vos afectou a vós?

Cada un ve o que lle interesa. A piratería converteu ás compañías de discos no diaño, e ás tendas un pouco tamén. Agora mesmo a piratería dá igual, xa non fai falla pirtaear, para que? Coas plataformas de streaming gratuítas ou case gratuítas non é necesario. De feito son unha axuda para nós, porque a xente coñece os discos e os que queren mercalos veñen aquí. Xa non tes que vir á tenda a escoitar o disco a ver se che gusta. Hai xente que combina ambas e vén a tenda a curiosear e a falar de música. Estas plataformas están ben para todos, incluso para os músicos para darse a coñecer.

Entón cal é o voso maior inimigo a día de hoxe?

O coco das tendas é a venda online, sobre todo dos grandes monopolios. Cos salarios que hai hoxe en día a xente tira máis da compra online, que é onde está máis barato, aínda que é un “barato” relativo, porque ás veces está incluso máis caro pero só pola comodidade de facelo desde a casa non consulta outras opcións. As compañías de discos están ao pés desta xente, que non quero dicir o seu nome pero todos sabemos quen é. Ademais é xente que xoga coa fiscalidade, porque se eu puidese vender os discos sen IVE pois serían un 21% máis baratos.

Para ti as plataformas de streaming son máis positivas que negativas?

Para min si, unha tenda de discos non se pode preocupar diso, senón de conseguir bo material e de manter a clientela. Neste negocio hai que afinar moito, porque cada disco no que te equivocas vale por tres, hai que estar fino.

E ao longo destes 40 anos, foi máis daniña a piratería ou a venda online?

As dúas. Antes da piratería as compañías vendéronse ás grandes superficies comerciais, onde vendían os discos a prezo de custe. Crearon un mal ambiente poñendo á clientela na nosa contra, porque non se entendía esa diferenza de prezo. Agora as grandes superficies non venden nin discos, só son compañías destrutoras que tratan de romper o mercado e afundir todo o que teñen ao redor que venda algo parecido ao delas. Despois chegou a piratería e agora hai o que hai, e despois pasará outra cousa… sempre hai alguén a fodernos (risos).

Ese é o resumo entón.

Si, é o estigma das tendas de discos. Ademais estas grandes superficies, que agora están a abandonar os discos e os libros, quitáronnos os “superventas”, discos que saían e vendían 200 ou 300 unidades. Tivemos que dedicarnos máis ao noso, que é a boa música, porque hai superventas bos e outros que non tanto. Nós non temos prexuízos á hora de vender cousas comerciais, porque ti podes ser moi roqueiro pero podes vir a por un disco para a túa nai. Nós tamén queremos vender iso. Sempre estamos a loitar á contra.

Algunha vez pirateaches música? Aínda que fose fai moitos anos cos casetes…

Iso si. En realidade, a piratería dos casetes non afecta ao artista. Eu gravo moitas cintas, pero sempre de discos que xa paguei, só fodería que non puidese. Gústame gravar cintas variadas para o coche. De feito os casetes orixinais eran unha estafa, porque eran caros, de moi mala calidade e información cero. A principios dos 90 comezaron a meterlles libretos e cintas de mellor calidade. Pero si, gravei un montón de cintas e discos para o coche. A min en realidade o que máis me gusta é coller un disco, levalo para o coche e estar un mes enteiro escoitándoo sen parar, ata que o sei de memoria. O do casete non me parece piratería nin nada comparado co que veu despois. A piratería dixital é o paraíso para o que nunca mercou un disco na súa vida, o típico gorrón que vivía dos discos dos colegas.

Sempre había quen dicía “con estes prezos normal que haxa piratería”. Non vaste por a darlle explicacións a todos os que solten esa chorrada, pero as veces dicíalles “se lle pirateasen o seu traballo igual vostede estaba no paro”. Só vemos o que nos doe directamente. Cando non había piratería era cando máis discos se vendían, e eran incluso máis caros que agora, sobre 3000 pesetas (uns 18€). Saía un disco novo de AC/DC e vendías 200 copias, tamén antes non gastabas no móbil, en internet nin en videoxogos.

Centos de vinilos e CDs cobren os estantes de Elepé | Pablo V.

Pensas que se está a recuperar o de escoitar os discos enteiros, máis aló de escoitar só cancións soltas?

Está a medias. A xente que non é aficionada á música dálle igual, son os que mercaban discos como Lo mejor de Los 40 e cousas así. Pero si te interesa a música interésache o artista e a súa evolución. Se sae un disco quero escoitar da primeira á última canción, na súa orde. Se o artista o fixo así terá un sentido, un motivo. Iso é o ideal. Outra consecuencia do peche das tendas de discos e da chegada de novas tecnoloxías foi o peche das tendas de venda de equipos de música. Aquí en Vigo non hai ningunha, só hai tendas de alta fidelidade de segunda man. Agora trátase de recuperar iso, porque se queres gozar da música tes que inverter nun equipo, non vale co teléfono conectado a unha torre de bluetooth. Os que non o coñecen non o saben.

Nos últimos anos vimos o renacer dos vinilos. Hoxe en día que vendes máis, vinilos ou CDs?

Están aí máis ou menos parellos. Subiu moito a venda do vinilo pero o CD mantense. Sobre todo coa xente nova, que con 20€ pode levarse tres discos, en cambio só podería mercan un vinilo e de oferta. Estanse a compatibilizar as dúas cousas: podes mercar algo moi especial en vinilo e un par de CDs de segunda man. Eu son partidario dos dous formatos. O CD é un formato caralludo, ten moi boa calidade, moi manexable e está moi por enriba dos pendrives e estas cousas.

Estes días, ademais de moitas mostras de agarimo por parte de clientes, tamén vimos a músicos de toda a península felicitarte. Supoño que debe ser moi reconfortante para ti.

É un orgullo. Colaborei con esa xente, sempre tratei de dar a coñecer as bandas de fora aquí en Vigo e temos vendido moitos discos de bandas como Empty Bottles, Uncle Sal, Schizophrenic Spacers, The Milkyway Express, Riverboy… son bandas caralludas pero están no undergorund. As emisoras programan moita música superficial, unha especie de “tontipop” do que non damos saído, unha copia da copia da copia dos grupos dos oitenta. Hai unha serie de bandas que soan igual. Falo sobre todo de Radio 3 e cousas así.

Entendo entón que falas da escena indie.

Indie en realidade é independiente, pero as multinacionais tamén venden iso. Refírome a ese pop de xoguete. A música graciosa está ben, pero cando xa lle pillas a gracia… A min gústanme as traxectorias de longo recorrido, nas que os músicos van madurando e profundizando. Se imitas á Velvet Underground es guay, pero se imitas aos Rolling Stones es un retrógrado. Algúns chamaranme carca polo que estou a dicir, pero tamén hai bandas novas que sinten a música de verdade. Eu agora vexo algo máis estético que musical. Cando levo ao neno á escola vou escoitando a radio e digo “pero que merda é isto?”. Seguro que a pesar da promoción logo non venden tampouco, pero son os que van a todos os festivais.

É por todos coñecida a túa admiración polos Soul Jacket. Que outros grupos ou artistas locais recoméndasnos seguir de preto?

O novo disco dos Bo Derek’s paréceme tremendo, rock n roll potente e vigoroso. Está moi ben o último traballo de Family Folks, melloraron moito respecto ao seu anterior traballo, que xa estaba bastante ben. É moi bo tamén o último disco de Nicolás Pastoriza, sacou petróleo do seu estudio caseiro. É un tío cun nivel de composición espectacular. E non sei… igual ti me lembras algún máis.

A min gustoume moito Colorama de Basanta, por exemplo.

Tamén, é un disco moi potente, un traballo moi minucioso e un coidado dos detalles impresionante. Moito nivel, incluso nivel internacional. Aphonnic tamén é unha banda moi poderosa no seu, tamén con proxección internacional. Todas as bandas que mencionei antes, nacionais e internacionais, volven ter un moi bo nivel de produción. Están a dominar de novo os estudios de gravación. Antes xa sabías cando un disco era español, sen necesidade de que cantasen. Só con ouvir as baterías botábache para atrás. Os discos de rock en español soaban a cartón, e despois en directo eran moi bos. Tanto en composición como en produción agora mesmo hai un nivel como nunca o houbo.

Entón para ti hoxe faise mellor música que noutras épocas con máis sona, como os 60s ou os 70s?

Si, eu creo que si. O que pasa é que se tarda un tempo en chegar a ese punto de madurez. Todas estas bandas que che digo son xente preto dos 40 anos. Empezar a tope de mozo é complicado, iso só pasa nos Estados Unidos, en Inglaterra ou facendo chorradas. A experiencia é importante na música, e iso que eu non teño nin puta idea de como coller un instrumento, pero é o que me di o meu ouvido. Aquí en Vigo nunca houbo grupos do nivel de agora.

Dicías que o disco que máis vendiches foi o debut dos Soul Jacket, Wood Mama. Sorpréndeche que sexa dunha banda local e non dun gran nome internacional?

Non, ao ser local xa só cos familiares vendes a hostia (risos). Foi unha banda que gustou, e a xente que escoitaba o disco na tenda preguntábache que era iso, e non esperaban que fose de Vigo. Os seguintes discos tamén venden moi ben, pero o que máis foi o primeiro CD. Vendimos un montón fóra de Galicia porque eramos os únicos que o tiñan. Do primeiro fixéronse unhas 1500 copias e vendéronse moitísimas. Estou moi contento con eles.

Que plans a curto e longo prazo tes?

O noso plan e seguir manténdonos. Con estar como estamos é suficiente. Confórmome co que hai, non preciso ter un coche da hostia aí fóra. Eu vivo o día a día, e con estar ben é suficiente, ese é o meu plan. Seguir vendendo boa música e que a xente goce coa música, e bo rollo xeral, iso é o que necesito.

The following two tabs change content below.

Pablo Vázquez

Graduado en Comunicación Audiovisual pola Universidade de Vigo, é un apaixoado do cine, da música e da fotografía. É director dos documentais 'O profesor', 'The Death: el reencuentro' e 'Cuna de músicos', ademais de coautor do libro 'Son da cidade', o que lle fixo coñecer aínda máis a escena musical viguesa. Ten traballado con distintos grupos e salas da cidade, ademais de participar nos últimos anos como Xurado Novo nos festivais de cine de San Sebastián e Novos Cinemas.
REVISTA MAIO