Guía de sendeirismo polos montes de Vigo
Case un 20 % da superficie de Vigo está ocupado por montes. O que se coñece como o cinto verde da cidade é unha franxa vexetal de 1.600 hectáreas que abraza o núcleo urbano polo sueste, desde o monte da Guía ata Saiáns e que, dada a natureza colectiva tan especial que posúe, é posible gozar de diferentes maneiras. Podes consultar todos os sendeiros premendo aquí.
O excesivo tempo no que tivemos que estar pechados nos últimos meses e mais a escaseza de opcións para o tempo de lecer provocaron que os montes municipais estean a ser escenario habitual da síndrome pandémica, un alivio para a ansia colectiva de poder ter bos momentos de xeito seguro. Uxío González, presidente da mancomunidade Montes de Vigo, así o testemuña: «Nestes momentos, o monte é o destino preferido, non acordo unha afluencia tan grande».
Abrir camiño
Coutadas, bosques frondosos, lagoas, paseos ribeiráns, vestixios do pasado en forma de petróglifos; vistas espectaculares, pontes medievais, muíños, mámoas, castros… son algunhas das armas de sedución coas que contan os nosos parques forestais, ademais de áreas recreativas con bancos de pedra á sombra e asadeiros. Uxío González sinala ademais «a proximidade dos nosos montes co mar, unha peculiaridade desta bisbarra que os fai aínda máis desfrutables».
Non cabe dúbida de que a mellor forma de gozar das devanditas marabillas naturais é movéndose a pé, ao longo dalgún dos 18 sendeiros sinalizados en 15 parroquias. Á hora de elixir un itinerario debemos ter en conta a lonxitude do percorrido, pero case máis importante é coñecer a pendente ou o desnivel acumulado. Con estes dous parámetros poderemos coñecer a dificultade aproximada da ruta que queiramos facer, escolléndoa en base ás nosas capacidades físicas e avituallarnos en consecuencia. Nacho Pequeno, guía de montaña, recoméndanos o sendeiro de San Miguel de Oia «polas vistas ás illas Cíes», e o do río Eifonso «pola vexetación ribeirá e os muíños».
Outro dos puntos a ter en conta para facer un percorrido seguro é coñecer o significado dos sinais que marcan a senda. Como explica González, por varias razóns, non é recomendable botarse fóra das rutas: «por seguridade, polo impacto ecolóxico e pola interferencia no traballo dos comuneiros».
A presión humana é, xunto co monocultivo forestal, a causa principal da degradación dos nosos montes. Antón Lois, educador medioambiental e voceiro da asociación ecoloxista Amigos da Terra, considera que a solución para non xerar un impacto excesivo pasa por non masificar e «non querer levar a cidade posta» á hora de visitarmos espazos naturais. Este naturalista cita unha frase da celebre activista alemá Petra Kerry: «Todo o mundo quere volver á natureza, pero ninguén quere facelo a pé».
Para Lois, as cidades son espazos fracasados e paradoxais: «Cada vez máis xente vive na urbe, pero fuxindo á natureza cando se pode». Segundo nos explica, o problema é que moita desa xente non ten conciencia de uso comunitario, ademais de descoñecer o impacto de, por exemplo, levar para a casa as flores silvestres que se encontren ao paso.
Desde as devanditas agrupacións, sinálase a crecente aparición de vehículos motorizados como unha das ameazas que cómpre abordar canto antes. «En xeral, son prexudiciais para o monte, porque non temos ningún control sobre os movementos que fan; as rodeiras crean escorras e infiren en áreas de valor ecolóxico», explica González. Lois recorda que «o uso está terminantemente prohibido durante o verán, pois as chispas que saltan da chapa contra as pedras poden provocar un incendio».
Sendeiros polos montes de Vigo
[Esta reportaxe pertence á revista A Movida de abril 2021. Se queres comezar a recibir un exemplar na túa casa, apoiar o noso proxecto e participar en numerosos sorteos, faite #AMOVIDALOVER nesta ligazón. ]
Paula Cermeño
Últimos posts de Paula Cermeño (ver todos)
- A quen queres ver en Castrelos en 2025? - 22 Novembro, 2024
- Beldade: cociña de autora en Tui - 22 Novembro, 2024
- Stoned at Pompeii, Compañía Ártika e Fran Sieira esta fin de semana en Vigo - 21 Novembro, 2024
- Batalla de bocatas en As Cunchas: ‘Friends’ ou ‘The Bear’? - 20 Novembro, 2024
- Sukha Funk evoluciona: máis vegano e a domicilio - 18 Novembro, 2024