VIALIA
REVISTA MARZO

Abertas as inscricións para a VI Andaina polos Montes de Vigo

Hoxe presentouse a ruta da Andaina polos montes de Vigo, que terá lugar o 12 de maio con diferentes percorridos que van desde os 7 km ata os 39 km. A ruta parte do Parque Forestal de Zamáns e pasa polos montes de Beade, Bembrive, Cabral e Candeán.

Mapa cos diferentes tramos da ruta | Montes de Vigo

Este luns pola mañá presentouse no Concello a nova edición da andaina polos montes de Vigo, que este ano cumpre seis edicións. Esta proposta, que forma parte do programa municipal de educación medioambiental Camiño a Camiño, terá lugar o domingo 12 de maio.

Unha das principais particularidades desta ruta é que ten percorridos de 7, 21, 32 e 39 km, o que a fai accesible a todo o mundo. En palabras de Uxío González, presidente da Mancomunidade de Montes de Vigo, trátase dunha actividade “para todos os públicos“. De feito, existe unha Pequerruta polo monte do Vixiador de aproximadamente unha hora de duración.

Aqueles que fagan a ruta completa de 39 km ou os que opten polos 32 km terán que estar ás 7 da mañá na praza do Rei para comezar a camiñar ás 8:15 desde o parque forestal de Zamáns cara o de Beade onde terán o primeiro avituallamiento ás 10:30. De aquí porán rumbo a Cotogrande, cumio que alcanzarán arredor das 12:30. A continuación camiñarán ata o Vixiador onde a chegada está prevista para ás 14:30. Hora á que xantarán todos os participantes xuntos. Aqueles que queiran facer o percorrido completo terán que camiñar 7 kilómetros máis pola tarde.

Os que escollan a ruta de 20 km sairán ás 8:30 da praza do Rei e comezarán o percorrido no parque forestal de Beade ás 9:30, tras pasar por Cotogrande chegarán ao Vixiador cara as 14:00 horas. Por último, os que se decidan polos 7 km ou pola pequerruta e a ruta adaptada deberán estar na praza do Rei as 10:30 para comezar a súa marcha polo Vixiador ás 11:00 da mañá.

Banner A Movidiña

A ruta parte do Parque Forestal de Zamáns e pasa polos montes de Beade, Bembrive, Cabral e Candeán. Despregarase un dispositivo de cen persoas ao longo dos 39 quiómetros do percorrido, composto por axentes da Policía Local, Protección Civil, voluntarios da Comunidade de Montes, médicos e socorristas. O evento conta co patrocinio de Vegalsa-Eroski e de Coca Cola, que contribúen a que o evento se poida facer dun xeito máis agradable a través dos kits de avituallamento previstos ao longo do percorrido.

Aqueles/as interesados en participar na Andaina polos Montes de Vigo pódense inscribir ata o 10 de maio no 010 (986 81 02 60 dende móbil) ou na solapa Inscrición Andaina do blog de Camiño a Camiño. A inscrición leva asociado a aceptación do regulamento da andaina e asumir o custe do desprazamento en autobús urbano dende a Praza do Rei ata o lugar de saída e a correspondente volta, podéndose empregar a tarxeta Pass-Vigo.

O mesmo día da andaina na Praza do Rei terá lugar o proceso de control de asistencia e entregarase a camiseta conmemorativa da VI Andaina polos montes de Vigo, e proporcionarase un kit con material de avituallamento.
Está previsto pechar a actividade e facer a comida no Parque forestal do Vixiador, agás os que fagan todo o percorrido, que continuarán pola tarde. A partir das 16:00 horas, estarán dispoñibles as lanzadeiras que volverán á Praza do Rei. 

Nesta VI edición da andaina vaise propor á cidadanía viguesa comprobar como paulatinamente se recuperan os montes asolagados polos lumes de outubro de 2017 e o bo estado no que se atopan os montes non queimados, por onde circula a rede de sendeiros locais e por onde próximamente vai atravesar o Anel verde.