REVISTA ABRIL

Santiago Cortegoso: “Cada un debe facer o que lle apetece sen autocensurarse, a nós funciónanos”

Despois da estrea de ‘Casa O’Rei’ o pasado mes de marzo en Vigo, este xoves chega ‘Raclette’; outra das pezas da triloxía dedicada á gastronomía de Ibuprofeno Teatro. O espectáculo acontece durante unha cea a tempo real. Parte do público verá a obra dende unhas butacas situadas no escenario do Teatro García Barbón. Falamos con Santiago Cartegoso director da compañía.

Como xurde Raclette?
Foi un reto dramatúrxico que ten que ver coa estrutura da peza. Tivera en varias ocasións a tentación de resolver proxectos de escrita anteriores cunha estrutura baseada na unidade de acción, tempo e espazo. Pero nunca o conseguira. Así pois, decidín profundar na posibilidade dun espectáculo que acontecese durante unha cea, a tempo real.

“Unha ironía que busca a risa no máis negativo do ser humano”

Por que unha cea?
Encontro na situación exposta en Raclette un bo punto de partida para atopar eses recunchos da cotidianidade, aparentemente inocua, que nos permiten atrapar elementos do noso carácter individual e colectivo que nos axuden a achegarnos ao universal. As cinco personaxes representan outras tantas liñas de fuxida cara a unha identidade persoal que os axuda a sobrevivir: o traballo, a arte, a mistificación, a alimentación, a indiferenza… A súa posta en común nun contexto aparentemente inocente xera un choque entre visións do mundo que se volven antagónicas e incompatibles. Deste conflito profundo entre seres que han de convivir a pesar das súas diferenzas xurde un humor escuro, incómodo. Unha ironía que busca a risa no máis negativo do ser humano.

O texto recibiu o Premio Álvaro Cunqueiro para textos teatrais 2014. Como foi recibir ese galardón?
Os premios son das poucas opcións que temos os dramaturgos para que os nosos textos acaden difusión. Ademais da gratificación económica, que é moi importante para os que nos dedicamos unicamente ao teatro, sen traballos paralelos. É unha ocasión para que o texto sexa publicado e se coñeza enseguida. Nós decidimos producilo ao ano seguinte, para aproveitar ese impulso. E pensamos que a estratexia funcionou.

Este espectáculo é a segunda parte da “triloxía gastronómica” que agora xa se pechou con Casa O’Rei da que xa puidemos gozar na cidade o pasado 2 de Marzo. O consumo destas pezas nunha orde alterna afecta algo a súa concepción global?
Tanto ten a orde na que se vexan. De feito, Casa O’Rei foi o primeiro en escribirse (2008) e o último en estrearse. Son tres espectáculos e tres proxectos ben diferentes. Teñen como nexo común a comida, pero esta só é unha escusa para unir a certos personaxes, e para desenvolver outros temas que acaban sendo moito máis importantes. As tres pezas teñen tons e concepcións estéticas moi diversas, aínda que dalgún xeito acaban sendo complementarias.

REVISTA ABRIL

“A clave son as interpretacións, as personaxes: que sexan ben cribles e que cheguen ao público desde o primeiro momento”

Foi sinxelo atopar ó elenco axeitado para esta obra?
Non o foi. Démoslle moitas voltas. Non fixemos casting ningún, pero pensámolo moito. É unha obra na que a clave son as interpretacións, as personaxes: que sexan ben cribles e que cheguen ao público desde o primeiro momento. Estou convencido de que a clave fundamental do éxito da función é o reparto. Cada un encarna perfectamente o seu rol e ademais funcionan perfectamente en grupo.

Esta obra chama a atención a ollos do público polo feito de que o escenario é unha prolongación do patio de butacas e algúns privilexiados poderán estar en cadeiras nun espazo habilitado no escenario ao redor da mesa. Por qué se decide facer isto no espectáculo final?
Esta é unha peza de distancias curtas. O peso da función recae no que transmiten as personaxes, na intensidade das relacións que se establecen entre eles, na transcendencia do que din e do que calan, nos xestos, nas miradas… Son cinco persoas que están pasando por momentos cruciais nas súas vidas, momentos de cambios, de inestabilidade, marcados por acontecementos que deixan pegadas profundas para o resto da vida. Coas bancadas integradas no escenario, conséguense acurtar as distancias entre o público e os actores. Estes senten os espectadores pegados a eles, rodeándoos polos catro costados, o cal reforza a súa sensación de sentírense observados, de que están deixando ao descuberto a súa intimidade. Os espectadores, ademais de ver aos actores, ven ao resto dos espectadores, o cal os implica máis na función, facéndoos sentir que eles tamén poderían estar nesa mesa xunto cos demais. Hai unha idea de comunión entre todos -actores e público-, que están orientados cara ao mesmo punto, cara o centro da mesa, cara á Raclette que os une, que fai que todos estean alí. Non en van, como se explica na función, a Raclette é un xeito de comer en comunidade, que crea confraternidade entre as persoas, aínda que neste caso sirva para desvelar os conflitos e as diferenzas entre eles.

“A Raclette é un xeito de comer en comunidade que neste caso sirve para desvelar os conflitos”

Este espectáculo chega novamente a Vigo noutro escenario e tras moitos éxitos. Agardaban unha recepción tan positiva?
Raclette superou todas as expectativas, mesmo as máis optimistas que podiamos imaxinar. Nunca se nos ocorrería nin sequera soñar con chegar a ser finalistas nos Premios Max, ou ganar o Premio ao Mellor espectáculo en Ciudad Rodrigo, ou xirar por unha chea de cidades de Galicia e da península, cunhas críticas moi positivas. Asumimos un risco bastante grande con este proxecto, tanto a nivel económico como artístico, e agora decatámonos de que pagou a pena. A conclusión é clara: cada un debe facer o que lle apeteza, con humildade e con honestidade, pero tamén con valentía, sen autocensurarse e sen autolimitarse. A nós, polo menos, estanos funcionando.

(GMT+01:00) Teatro Afundación

The following two tabs change content below.
É graduado en lingua e literatura española pola Universidade de Santiago de Compostela. Actualmente cursa un máster dedicado a formación e investigación literaria e teatral no contexto europeo na UNED. Ten coñececementos de varias linguas, participa e dirixe iniciativas culturais, colabora con distintas editoriais e participa en xurados de premios literarios. Na súa bitácora persoal 'Palabra de Gatsby' exerce a crítica literaria e teatral. Un proxecto en continua revisión coa intención de amosar o seu amor polas letras. www.palabradegatsby.com