CAMELIAS MASCOTAS

Sala Rebullón, sete anos de música e activismo

A Sala Rebullón celebra esta fin de semana sete anos ao pé do activismo cultural e veciñal. Lonxe de núcleos poboacionais, esta sala de concertos madura ano a ano unha programación musical e cultural comprometida, na que abundan os artistas galegos. Este venres 10, ás 22h, comezan os festexos que continúan o sábado de concertos e xantar popular. Aquí toda a información e link á billeteira.

Membros da Asociación Cultural da Comunidade de Montes de Tameiga | Lara Alonso

Hai sete anos que a Comunidade de Montes de Tameiga decidiu ampliar o seu Centro Cultural, As Pedriñas, co obxectivo de ter un espazo no que celebrar eventos culturais. Poderían ter feito un auditorio ao uso, pero os comuneiros optaron por construír unhas instalacións da alta calidade nas que se priorizasen os concertos de pé. “Xa que o facíamos, facer algo guapo”, resume Cao, vicepresidente da Comunidade e implicado xestor da Sala. Aínda que popularmente o nome se asocie ao lindeiro hospital psiquiátrico, en desuso desde 2016, o certo é que se trata da denominación do lugar no que se asentan, polo que pouco teñen que ver ambos edificios máis que pola súa ubicación.

A Rebullón naceo co obxectivo de axudar a dinamizar a parroquia de Tameiga e aportar propostas de calidade para toda Galicia. “Temos unha liña política evidente que inflúe na programación que facemos. Fuximos dos 40 Principales e a música de masas e apostamos por proxectos galegos. Aquí a xente vén porque valora os directos, non para fardar en Instagram”. O apoio a bandas galegas e en galego é evidente con só botar unha ollada aos últimos concertos programados. Fillas de Casandra, Berto, Lontreira, De Ninghures, Migallas Teatro, Residuos do Sistema, Paulinha e outra ducia de artistas, subíronse a este escenario de Mos só no último mes. Cao considera que en xeral, a música en galego non recibe apoio suficiente por parte das salas da contorna. “Quitando a Kominsky, que é un templo para as bandas que comezan, somos prácticamente os únicos”, lamenta o comuneiro.

REVISTA NOVEMBRO
Cao, vicepresidente da comunidade e xestor da Sala Rebullón | Lara Alonso

Habendo tanta oferta no centro da cidade é claro que algo están a facer ben na Rebullón cando ducias de vigueses se desprazan a Tameiga cada fin de semana. “Temos 30 ou 40 persoas de Vigo e de Mos que veñen haxa o que haxa e ata quedan a barrer se é preciso”, bromea o programador sobre a fidelidade do seu público. Ademais da amentada curadoría musical, a Rebullón tamén destaca por un apartado técnico inusualmente impecable que a converte na sala con mellor calidade de son de Galicia. O estudio acústico foi feito por Tomás Enxeitos, “un técnico do copón”, dono de Estudios A Ponte; e a dirección de obra por Xabi Carnota, coordinador da Sala Capitol. “É como se xuntas ao Messi e a Cristiano Ronaldo facendo a sala na que lles gustaría traballar”, sentencia Cao.

Ser a única Comunidade de Montes galega cunha sala de concertos ten moitas cousas boas, pero algunha mala, como que non sempre te tomen en serio, especialmente as autoridades. “A Rebullón ten ánimo de lucro, pero os cartos repártense e úsanse para o ben común”, explica Cao, que lamenta que o que para el é un sistema xusto e compatible coa profesionalidade do espazo, non o é para as institucións. Ainda así, en 2023 foron recoñecidos nos Premios Martín Códax da Música como a mellor sala de Galicia do ano.

Para celebrar estes sete anos sendo gorida da boa música e punto encontro veciñal teñen preparado, en palabras de Cao, “un fiestón do carallo” con varios tipos de música para que resulte atractivo a varias xeracións. Do ambiente tradicional da Banda de Música Cultural de Barbadás ao pop electrónico de Nadie González, pasando polos ritmos ska de Keixa. Un dos pratos fortes da xornada do sábado será o concerto de Hey Hematoma, a banda que reúne a varios exmembros de Siniestro Total e interpreta o seu repertorio. As entradas teñen un prezo de 10,00 € para toda a xornada do sábado. Comunidade incluida.

The following two tabs change content below.

Paula Cermeño

Paula Cermeño é licenciada en xornalismo pola USC, pero a súa principal ocupación é viaxar. Mentres aforra para dar a volta ao mundo, traballa como redactora e xestora cultural. Gústanlle os libros, o audiovisual, o teatro e o rock and roll, por iso é doado avistala en moitos dos saraos vigueses.