Rubén Fernández (Bliusvai): “Eu xa fai tempo que escribo case soamente sobre o mal que nos estamos a facer a nós mesmos neste planeta”
O ciclo dos Solpores do Museo chegan ao seu fin cos concertos de Zenet e a proposta local Bliusvai, un proxecto de vangarda musical liderado por Rubén Fernández. A súa voz e a ecoloxía son os dous protagonistas desta banda, na que colaboran outros destacados artistas da escena máis experimental da música. Falamos con Rubén, que mañá poderá mostrar ao público vigués as súas particulares melodías nunha fermosa paraxe.
Como e cando nace Bliusvai?
O meu instrumento é a voz, así que foi un proxecto que saíu fai un tempo dunha necesidade de explorar como sería facer un disco eu só, a partires da voz como elemento base. O núcleo do traballo foi básicamente letras, melodías e harmonías creadas desde o meu sentido musical máis físico. Pero este sentido físico tan potente que ten a voz ao final levoume a un estado de conciencia moi enriquecedor, tanto polas letras e as temáticas como polas harmonías.
Vos autodefinides como música ecolóxica. Que vén significando esta etiqueta?
Para mín, a etiqueta ten sentido se a xente lembra algo con ela que é importante, xa sea na música ou noutro ámbito. Esta etiqueta ten o sentido de lembrar a ecoloxía. Eu xa fai tempo que escribo case soamente sobre o mal que nos estamos a facer a nós mesmos neste planeta, é un tema que considero moi importante. Eu trato de facer o posible por loitar contra cousas como o plástico cada día, pero considero que este só bé un dos moitos problemas que temos coma “seres”, e creo que podemos mellorar. Por exemplo, se penso na maioría das letras que se escriben na música a verdade e que case todas falan dun amor falso e egoísta, incluso letras de temas recoñecidos ao longo da historia, e en realidade temos as chaves para seres máis intelixentes e libres; frases como “sen ti non son nada”, “quero facerte miña”… non axudan desde o meu punto de vista.
De onde xorde o nome do grupo?
Basicamente dos morcegos. Durante a miña vida acompañáronme case todas as noites que camiñei polo bosque ou por camiños, teñen un sistema de ecolocación moi potente cunhas frecuencias imposibles para nós, e o feito de que atopen o seu lugar no mundo emitindo e recibindo sons sempre me fascinou, quizáis pásame un pouco o mesmo… “bliusvai” é unha onomatopea que inventei do son que fan ao voar. E teño que dicir que Macarena Palacios (a directora artística do proxecto, gran artista e colega) animoume moito a poñer ese nome.
O proxecto vai máis aló da música, convertendo os directos nunha performance. Fálanos un pouco da importancia do visual no grupo.
O proceso visual creo que é o seguinte paso natural nos directos dos músicos, que ás veces estamos moi pendentes do musical e olvidamos que están a mirar para nós, a xente tamén quere compartir un espazo visual. Os plantexamentos de novas formas escénicas son importantes para que o arte musical avance, por exemplo, as ideas revolucionarias do artista Robert Wilson, por mencionar un icono do teatro escénico de vangarda, creo que son referencias que os músicos podemos aproveitar. En Bliusvai lamentablemente só podemos facer escenografía cando temos un caché que nos permite traballar ben esa parte. As experiencias que tivemos facendo escenografía foron moi boas pero nos gustaría traballalas máis. Unha das compositoras que máis admiro, Björk, ten esta sinerxia moi clara e o fai en directo de maneira que a música non perde o seu valor, que para mín é algo moi importante, que a imaxe non engada nin quite nada á música, ás dúas cousas teñen que funcionar xuntas e separadas.
Quen o formades?
Ana Shi Yu ao violín, Esteban Varela ao baixo e elecrónica, Macarena Montesinos ao cello, Macarena Palacios á dirección artística e eu á voz, composición e arranxos. Pero non podo deixar de mencionar músicos e artístas increíbles que colaboraron no seu momento como Alberto Sotelo, Margarida Olivé, Zamak Quartet, Carme Canela, Néstor Giménez, Adrià Plana, Iago Marta, Malvasía e a gran directora de cine Sara Traba.
Como xorde a idea de darlle ese protagonismo á voz?
Realmente foi unha idea do principio do proxecto e da grabación do disco, pero a dirección que está tomando agora cos musicazos cos que teño a sorte de compartir isto a verdade e que xa non me fai pensar tanto na voz. Supoño que se temos a sorte algún día de poder pagarlle a un coro de voces pra facer realmente todas as voces que hai metidas no disco sería incrible! e as voces aí serían moi protagonistas!
Que tal resultou a acollida do voso primeiro disco? Como reacciona a xente nos vosos directos?
Non sei a acollida que ten neste mundo a música en xeral a verdade… polo xeral á xente cóstalle, pero é normal, os músicos estamos todos tolos. Os directos penso que son festas comunitarias de sons, e polo de agora sentímonos en comunidade coa xente que ven a os nosos directos, supoño que se teño que medir iso como reacción diría que temos un fluír intenso coa xente.
Que vos parece esta iniciativa de Solpores do Museo?
Obviamente boa, pero penso que debería haber moitos más espazos nesta cidade para darlle oportunidade á xente de coñecer as músicas tan increíbles que fan persoas que viven a dous pasos das súas casas. Non saen pola “tele”, pero existen, soamente hai que ter o valor de saír da casa e ir a concertos nos pocos garitos que ofrecen música en directo.
Que proxectos musicais destacarías dos que se están a facer agora en Vigo?
Gústame moito a música de Loiros, creo que hai pocos grupos que transmitan desa maneira en directo. Su Garrido paréceme unha artista increíble que temos moi preto, é unha experiencia escoitala cantar. Lagoa paréceme un proxecto moi intenso, da terra. A Metamovida paréceme un proxecto fermoso cheo de boa música. Hai verdadeiros maestros do jazz nesta cidade e poucos sitios que o valoren, de feito xa non hai festival de jazz nesta cidade, non podemos deixar que pase isto… tamén a orquesta OV430 é un exemplo de todos os musicazos que tocan increíble música clásica, ademáis de xente que non ten a oportunidade de tocar por que non hai espazos para esta música. Déixome moitos proxectos que seguro que son incribles e que o unico que temos que facer e ir a escoitar. Só entón os garitos, as produtoras, as institucións, etc. daránse de conta de o importante que é en realidade a música, algo que consumimos sen reparar en que costa moito traballo de facer. Non a escoitemos no móbil ou no sofá, por favor.
Tes pensado retomar as jams vocais que organizabas en El Contrabajo, aínda que sexa noutro local?
Sí, as “vocal free jam session” xa están en marcha os últimos xoves de cada mes na Kominsky, un dos poucos garitos que está a facer boísimas propostas realmente de cultura de vangardia. As sesións HALO parécenme outra boísima proposta que a xente desta cidade debería coñecer.
Pablo Vázquez
Últimos posts de Pablo Vázquez (ver todos)
- Buscamos imaxes e historias para manter viva a lembranza do Súbete ao Castro - 20 Novembro, 2024
- Elite Barber Shop: tradición e modernidade - 20 Novembro, 2024
- O “fracaso estrepitoso” do Súbete ao Castro ou como non entender a cultura local - 15 Novembro, 2024
- O Cirque du Soleil volve a Galicia cun orixinal espectáculo en pavillóns - 13 Novembro, 2024
- Reúnese Foggy Mental Breakdown, o ‘dream team’ da música viguesa - 6 Novembro, 2024