UVIGO
FILLOAS

Entradas esgotadas para o ciclo Solpores do Museo

O Museo do Mar de Galicia albergará este verán numerosos concertos na terraza da súa cafetería, nunha localización de luxo para gozar do solpor cunha banda sonora de gran nivel. Zenet, Joe Crupúsculo, Soleá Morente, Xosé Manuel Budiño ou os vigueses Moon Cresta, Presumido e Amaro Ferreiro serán algunhas das bandas que poderemos ver neste novo ciclo chamado Solpores do Museo.

Por se a proposta musica estival che parecía insuficiente, no Museo do Mar de Galicia están preparando unha boa. Desde finais de xullo ata que remate agosto terán lugar dous concertos cada xoves, agás o día da inauguración que será un mércores. Todos serán ás 20:30 na terraza da cafetería e de balde. As invitacións xa están esgotadas para todos os concertos.

Solpores do Museo nace coa vontade de poñer en valor o traballo de artistas locais, tanto emerxentes como consagrados, a través dunha programación de concertos transversal. Ademais, todos as actuacións se desenvolverán no serán, co obxectivo de contemplar o solpor na ría de Vigo desde o Museo do Mar de Galicia, un conxunto arquitectónico realizado polos arquitectos Cesar Portela e Aldo Rossi.

O cartel consta de seis xornadas, con dous concertos en cada unha delas. A inauguración será o mércores 24 de xullo e correrá a cargo de dous proxectos de electrónica ben novidosa, cada un ao seu estilo. Falamos de Baiuca, artista que mestura a música popular coa vangarda, e de Presumido, dúo vigués de pop electrónico ben coñecido por estes lares. Á semana seguinte, o xoves, dous artistas locais serán os encargados de poñerlle música ao primeiro atardecer de agosto: Amaro Ferreiro e Villanueva. Ambos teñen sendos discos no forno que esperan poder sacar á luz máis cedo que tarde.

Continuando coa racha da música autóctona, o xoves 8 será a banda de power & funk Moon Cresta a que actuará na terraza do museo, que dará paso a Aurora & The Betrayers, a quenes puidemos ver no pasado Vigo SeaFest. O 15 de agosto Soleá Morente e Budiño recollen o testigo coas súas músicas propias do folclore andaluz e galego, respectivamente.

Ao xoves seguinte, o ecléctico Joe Crepúsculo volve a terras galegas acompañado pola cantautora pontevedresa Cora Velasco, quen vén de actuar no PortAmérica ao igual que Presumido. Para rematar, o artista malagueño Zenet e Bliusvai, proxecto artístico de música ecolóxica.

Tamén se avanzou que o Goberno galego presentará o vindeiro outono Vigo Emerxe, un encontro musical protagonizado por grupos locais emerxentes que rememorará “os tempos da movida viguesa”. Polo de agora non se coñece máis información ao respecto.

(GMT+01:00) Museo do Mar

(GMT+01:00) Museo do Mar

(GMT+01:00) Museo do Mar

(GMT+01:00) Museo do Mar

(GMT+01:00) Museo do Mar

CAMELIAS NADAL

(GMT+01:00) Museo do Mar