CAMELIAS MASCOTAS

Rubén de Marina conta a historia do Tony’s nun documental

O actor e escritor Rubén de Marina estrea o seu primeiro filme Tony’s Club, una vida nocturna, un documental sobre o lonxevo club nocturno vigués protagonizado polos irmáns que o rexentaron durante 60 anos. A primeira proxección é o xoves 30 de marzo nos Multicines Norte.

De Marina, Lalo e Charly | Foto: P. Cermeño

Tres tramos de escaleiras separaron durante 60 anos o mundo real da moqueta e sofás de terciopelo do Tony’s Club, un local nocturno localizado en Doutor Cadaval que abriu as súas portas en 1962 e baixou definitivamente a persiana en 2021. Tras a barra estiveron sempre os irmáns López Silveira; primeiro Eladio “Lalo” e despois Carlos “Charly”, que hoxe teñen 85 e 79 anos respectivamente.

A clave dun negocio tan exitoso e lonxevo, en palabras de Lalo, era que o atendían eles mesmos. “Abría de tres a tres e non me importaba. Que hai de esforzo en ir botar a partida despois de comer e quedar tomando unha copa? Iso para un empregado non é o mesmo”, conta o irmán maior, que ademais tocaba habitualmente a guitarra no seu bar, acompañdo de quen se animase a cantar. Os tres coinciden en que a familiaridade era a esencia que facía adictivo o local.

Rubén de Marina era cliente habitual do Tony’s, onde entrou por primeira vez con 23 anos. A amizade cos donos que o facía volver cada fin de semana levouno a querer plasmar a historia de Lalo e Charly no documental que estrea mañá. Alén de ser o exercicio de nostalxia que parece, de Marina asegura que descubriremos un reducto descoñecido da noite viguesa no filme. ” Os dous son homes moi cultos e ao Tony’s íase falar sobre cine, teatro ou cuestións de actualidade mentres tomabas unha copa con calma, algo que xa non existe na noite viguesa e que probablemente non volverá existir”, explica o director.

Este ambiente cultural fixo que ata o bar dos irmáns López se achegasen persoeiros como Laxeiro, Carlos Oroza (a quen se refiren como Carlitos) ou o cantaor flamenco Bambino a quen os irmáns definen como un tipo triste fóra do escenario que nunca se arrancou a cantar con Lalo: “Non houbo maneira”. Cando Charly colleu a remuda en 2002 comezou a abrir só polas noites e confluía no Tony’s unha pintoresca mestura dos clientes de sempre e estudantes Erasmus, atraídos pola autenticidade do local.

REVISTA NOVEMBRO
Os irmáns López Silveira | Foto: P. Cermeño

Lamentan non ter fotografías daqueles momentos “poderíamos empapelar unha parede coas caras dos famosos que pasaron por aquí “, pero defínense como homes de palabras afastados da tecnoloxía. Esta falta de material tamén a acusa de Marina que, a pesar de preguntar aos habituais do pub, apenas conseguiu algunhas fotografías de baixa calidade e un vídeo que el mesmo fixo co móvil para rexistrar a fugaz reapertura de 2021. Nese momento Rubén estaba na metade da rodaxe do documental, que comezou en 2019 e alongouse máis do previsto debido á pandemia e problemas de saúde dos protagonistas.

A falta de imaxes de archivo, Tony’s Club, una vida nocturna reconstrúe 60 anos de noite viguesa a través do testemuño de Lalo e Charly e a súa ocurrencia á hora de contar anécdotas. Xunto a eles aparecen clientes habituais e músicos da escena local. O filme estréase o xoves 30 de marzo, ás 20:00 h, nos Multicines Norte, pero as entradas levan días esgotadas. Ante a boa acollida, haberá un segundo pase o xoves 13 de abril.

CONSULTA A AXENDA MÁIS COMPLETA DE VIGO

The following two tabs change content below.

Paula Cermeño

Paula Cermeño é licenciada en xornalismo pola USC, pero a súa principal ocupación é viaxar. Mentres aforra para dar a volta ao mundo, traballa como redactora e xestora cultural. Gústanlle os libros, o audiovisual, o teatro e o rock and roll, por iso é doado avistala en moitos dos saraos vigueses.