Barbie contra a desigualdade de xénero
O pasado xoves día 12, inaugurouse na Casa das Artes do Concello de Vigo a exposición “Rompe. Xoga en Igualdade”. Este proxecto é un movemento artístico-poético de vangarda que xurde do movemento 8M e que emprega as Barbies para visibilizar a discriminación feminina.
“Rompe. Xoga en Igualdade” é unha mostra innovadora e abraiante. Racha cos estereotipos dados e usa por primeira vez a boneca Barbie para representar situacións de agravio ás mulleres. De clara intención didáctica, a propia creadora, Isabel Blanco, fala da importancia deste proxecto para educar, mobilizar e crear conciencia. Estas bonecas queren dicir máis do que parece e representan máis do que din. Cada obra vai acompañada dunha frase poética que complementa á parte plástica. Visibiliza temas tales como o matrimonio forzoso, a trata de mulleres, a escravitude sexual, a opresión as mulleres e, máis en concreto, a que se exerce sobre a súa propia imaxe. Trátase dunha exposición itinerante impulsada pola Deputación de Pontevedra, percorrerá todos aqueles concellos e cidades de Galicia que queiran contar con ela, comezando o seu tour en Vigo. A esta estrea acudiron algunhas das personaxes máis salientables do panorama político da provincia de Pontevedra, como o alcalde de Vigo, a presidenta da Deputación de Pontevedra, a deputada de Igualdade e o concelleiro de Cultura.
Neste período a Deputación ten posto en marcha unha serie de proxectos nos que as mulleres son protagonistas. Primeiro, porque o mes pasado celebrouse o Día Internacional da Muller é, segundo, polo impacto social que se produciu en toda España polas marchas que se realizaron nese día a favor dos dereitos das mulleres. Ademais destes dous factores, existe outro motivo: a grande implicación asumida polo goberno provincial está moi relacionado con que Carmela Silva sexa a primeira presidenta da Deputación dende a súa creación no S.XIX. Altamente involucrada nesta iniciativa fala do moito que se mellorou neste ámbito e das metas que aínda están por alcanzar. Como ela mesma comenta: Por que só un 23% dos postos de responsabilidade en España son ocupados por mulleres?, Por que hai máis mulleres nas universidades ca homes pero menos neses postos importantes?, Por que existe aínda unha brecha salarial tan grande entre os dous xéneros? Ou por que segue a haber sexismo nos xoguetes e nas escolas?
Os estereotipos de xénero comezan na infancia. Existe un estudo da revista “Science” cuxo resultado non é duro, senón desgarrador: As nenas deixan de sentirse brillantes os 6 anos. O que é o mesmo, a partir dos seis anos séntense máis brillantes os nenos cás nenas. Como, se educamos a un neno e a unha nena igual, é isto posible? A resposta é a seguinte: Non os educamos igual polo que o resultado non é o mesmo.
Esta desigualdade na educación afecta á imaxe que teñen delas mesmas dende pequenas, as súas aspiracións, ao seu nivel de felicidade e, dende logo, ao noso futuro (laboral, sentimental, social, sexual, lúdico…). Romper coa desigualdade empeza na casa, segue no colexio e o complementa a sociedade. Aquí a educación é clave; nais, país, avós, avoas, tíos e tías, mestres e mestras. Na escola non se aprende o que na casa non se ensina.
Non se pode educar en igualdade se a un neno se lle agasalla un coche e a unha nena unha cociña ou un bebé por defecto, ou se facemos distinción de cores. Non podemos ensinar valores de respecto se lles pomos dende pequenos música reggaetón, na que a tónica imperante é a falta de respecto a muller. Non podemos vivir nun mundo onde exista una repartición xusta das tarefas do fogar se somos máis permisivos cos nenos que coas nenas. Tampouco podemos cambiar as cousas usando termos como feminismo ou machismo, pero si con palabras como bondade, humanidade e respecto.
Erín López
Últimos posts de Erín López (ver todos)
- ‘Cantares Gallegos’: a historia tralo libro - 17 Maio, 2018
- Barbie contra a desigualdade de xénero - 16 Abril, 2018
- Lectura clave para rematar marzo: ‘Pioneiras galegas que abriron camiños’ - 29 Marzo, 2018
- Verne con V de Vigo - 25 Febreiro, 2018
- A importancia do Pergamiño Vindel para Galicia e o galego - 24 Febreiro, 2018