Roberto Giráldez (Mercado de Teis): ‘Gastamos 200 € á semana só en xel’
Biscoitos, guisos, paellas, tortitas…esta cuarentena puxémonos ás pilas coa cociña, saudable ou non, e basta botar un ollo ao Instagram para coñecer os menús dos nosos amigos e veciños, pero como se vivu o abastecemento de comida desde o punto de vista dos tendeiros? Quixemos falar con Roberto Giráldez, xestor do Mercado de Teis, para saber como viviron o confinamento os encargados de abastecernos e facer unha modesta homenaxe a todos eles.
Aínda que a maior parte do Mercado permanecese aberto durante a pandemia, afectouvos dalgunha forma a pandemia?
Por suposto. En primeiro lugar tivemos que facer varios cambios, como retirar os bancos e a zona infantil, cousa que xa fixemos antes do estado de alarma. Pouco a pouco, e segundo ían aparecendo medidas adicionais, tivemos que pechar todas as portas de entrada agás unha, na que o conserxe vixiaba que a xente levase luvas ou usase xel. Non foi doado ao principio, pois a xente maior non entendía as novas normas e chegamos a ter algún altercado. Por outra banda, os gastos disparáronse,xa que tivemos que facer fronte a centos de luvas de plástico e xel alcólico, cuxo prezo se multiplicou por cinco nos últimos meses. Gastamos 200 € á semana só en xel. Quero deixar claro que facer a compra no Mercado de Teis é seguro.
Cociñar foi unha das actividades coas que nos entretivemos durante o confinamento, notastes un aumento nas vendas?
Si, houbo un boom grande nas compras, especialmente durante as primeiras semanas, nas que axente aínda non confiaba en que o abastecemento continuaría. Nunca houbo escaseza de alimentos, pero os hábitos de compra cambiaron moito. Había moitos que facían compras inmensas, para que lles durasen o máis posible, e quen viña ao mercado tres veces nunha mañá , pois vir ao Mercado era unha causa xustificada para saír da casa.
E como foi a experiencia para os praceiros?
Estresante sen dúbida. Principalmente por estes picos tan grandes e algo imprevisibles que os deixaban sen suministros nun momento no que o camión non chegaba todos os días. Na lonxa de Vigo, por exemplo, establecéronse turnos de compra para os peixeiros. A nós tocábanos o luns, mércores e venres, pero o luns é un día malísimo para ir á lonxa, polo que había que ter moi boa planificación do produto e apoiarse uns aos outros cando algo escaseaba.
Todos os praceiros permaneceron abertos?
Non. No mercado hai unha cantina e unha tenda de flores. Ambas tiveron que pechar por lei e non se lles cobrou o aluger. Este foi outro dos contratempos económicos dos que che falaba ao inicio.
Plantexástesvos nalgún momento paliar os efectos da crise para estes negocios pasándovos á venda online?
Iso é algo que xa tiñamos pensado antes do covid e que actualmente temos en marcha coa axuda dunha subvención do Concello. É un traballo longo, xa que cada un dos 30 praceiros terá na web unhas 50 referencias con foto. Calculo que para outubro a teremos funcionando.
Paula Cermeño
Últimos posts de Paula Cermeño (ver todos)
- A quen queres ver en Castrelos en 2025? - 22 Novembro, 2024
- Beldade: cociña de autora en Tui - 22 Novembro, 2024
- Stoned at Pompeii, Compañía Ártika e Fran Sieira esta fin de semana en Vigo - 21 Novembro, 2024
- Batalla de bocatas en As Cunchas: ‘Friends’ ou ‘The Bear’? - 20 Novembro, 2024
- Sukha Funk evoluciona: máis vegano e a domicilio - 18 Novembro, 2024