VIALIA
PLAYDOC

Repasamos a relación de Vigo e o Xabarín Club polo seu 30º aniversario

O mítico programa infantil da Televisión de Galicia, Xabarín Club, fai este xoves 18 de abril 30 anos de vida. Malia que viviu tempos mellores, o seu recordo segue moi vivo na memoria de varias xeracións. Recuperamos algúns artigos que publicamos nos últimos anos sobre o programa do porco bravo máis famoso de Galicia. Preme nos titulares para acceder aos artigos.

O XABARÍN CLUB E VIGO

Na revista de abril de 2019, cando o Xabarín Club facía un cuarto de século, dedicamos varios artigos da nosa revista a falar do mítico programa. Un deles foi esta reportaxe de Valeria Pereiras, no que nos fala da relación da nosa cidade co Xabarín: “Poder ver Dragon Ball e o Doutor Slump dobradas ao galego constituíu un fito que mudou as nosas vidas”, comentou a escritora Ledicia Costas. O actor vigués Antonio Durán Morris, pola súa parte, encargouse de dobrar ao coñecido mestre Mutenroi nun estudio de gravación situado en Torrecedeira.

“SEN VIGO NON PODERÍA SER”

Ata o seu propio creador, Suso Iglesias, recoñece a importancia capital de Vigo na xestación do Xabarín Club neste artigo da nosa revista de abril de 2019. Ademais, Iglesia faise numerosas preguntas moi interesantes sobre o contexto do nacemento do programa e o momento actual que está a vivir: “Como é posible que un programa menosprezado actualmente pola TVG nacese e se desenvolvese con tanta liberdade durante o mandato de Manuel Fraga? Como pode ser que o camiño do rock ultraísta e galegofalante da banda Os Resentidos, minoritario dalgún xeito aínda que de sobra coñecido, tivese un fillo lexítimo chamado Xabarín, capaz de ilusionar milleiros de nenos e nenas do país en tan pouco tempo? Tería futuro unha versión actualizada do Xabarín?”

A BANDA SONORA DA NOSA INFANCIA

Ademais de polos seus marabillosos programas (Bola de dragón, Shin Chan, Detective Conan…), se por algo destacaba o Xabarín Club era pola súa banda sonora, repleta de artistas galegos que facían cancións ex profeso para o programa. En palabras de Suso Iglesias: “Unha cousa si que podo asegurar, que a banda de son do Xabarín nunca existiría como tal se no sur de Galicia non existise unha cidade tan barullenta, tan poboada e tan chea de costas (en todos os sentidos) como a de Vigo“. Para a revista de abril de 2019 falamos con tres artistas vigueses que prestaron a súa música ao programa infantil: Julián Hernández, Miguel Costas, Antón Reixa e Pablo Novoa. Este último resúmeo dun xeito moi claro: “O programa requiría facer música sinxela, pero boa”, comenta Novoa, “porque aínda que os nenos non teñen demasiadas referencias musicais, non son parvos”.

E FINALMENTE ONLINE

A comezos deste ano anunciouse a creación de AGalega, unha plataforma de vídeo baixo demanda para poder ver, na televisión ou no ordenador, multitude de contidos en galego no momento que nos apeteza. A outra gran nova foi a creación de xabarin.gal, unha canle infantil que recupera o espírito do mítico programa que marcou a varias xeracións de galegos e galegas. Aínda que non todas as series están dispoñibles, si que podemos atopar clásicos como EvangelionO detective ConanAs aventuras de Rocky e BullwinkleTeletubbies ou Rantaro, o ninja pequeno, ademais doutras como Sarxento KeroroKiteretsu (spin off de Doraemon), Cocorico, A tropa de trapo, Ideafix, Spirit ou Sakura, cazadora de cartas. Tamén hai dispoñibles uns poucos filmes, como Valentina, A galiña Turuleca, Meigallos, Maimiño e A tropa de trapo no país onde sempre brilla o sol.

REVISTA ABRIL

Esta novidade non sería posible sen o traballo da Mesa pola Normalización Lingüística. Hai 3 anos que esta asociación lanzou a Iniciativa Xabarín reclamando contidos infantís e xuvenís en galego nas televisións públicas. Co apoio de 33000 sinaturas a iniciativa debateuse no Parlamento galego en maio de 2021, que aprobou un aumento da oferta en galego destinada á infancia e mocidade dispoñible en todos os dispositivos e plataformas de contidos audiovisuais, así como aplicacións actualizadas. Tiveron que pasar tres anos para que a iniciativa se fixera realidade: “Foron as 33000 persoas que asinaron a Iniciativa Xabarín e todos os concellos e entidades sociais que apoiaron a proposta as que impulsaron este triunfo da sociedade galega que hoxe celebramos”, domentou na presentación Xela Armas, secretaria xeral da Mesa.

OUTRAS REFERENCIAS

Ao longo de todos estes anos, algunhas das persoas que entrevistamos en A Movida, cada unha dun ámbito diferente, mencionaron o Xabarín Club como un programa que marcou a súa vida. Tamén recollimos a influencia que tivo, por exemplo, na chegada e popularización do anime a Galicia.

  • O británico residente en Vigo Jeffrey Gordon aprendeu galego vendo o programa: “Lembro os meus primeiros anos en Galicia vendo na TVG programas como A repanocha, Pratos combinados ou o Xabarín Club. Tiña fillos pequenos e era o mellor que había para os nenos. Gustábame moito, porque era do meu nivel de comprensión e de humor, gustábanme a música, os debuxos animados…”
  • O vigués Álex Cal (ACO) decidiu dedicarse a debuxar cómics grazas ás series de animación que se emitían no Xabarín Club.
  • A cantante Sés afirmaba nunha entrevista o seguinte: “Eu son da xeración Xabarín, teño 36 anos. De pequena ía ao parque e berraba «onda vital xaaa!». Eu era unha nena criada en español, pero o Xabarín conseguiu que xogásemos en galego e cantásemos «churras, churras, churras!» e «eu o que quero é xamón». Para min, a normalización lingüística que conseguiu o Xabarín non a conseguiu ningunha política”
  • Para o humorista local Mítico Jicho de Vigo, o día máis mítico posible ten que incluír que apareza a túa foto de neno durante a emisión do Xabarín.
  • O extinto grupo local Beethoven Rollers recoñecía a influencia da música do Xabarín á hora de compoñer os seus propios temas: “Temas como ‘O rock da bañeira’ xurdiron coa idea de ser para o Xabarín Club, na liña de ‘Estou na lavadora’.
  • Pablo Rodríguez, de Rei Zentolo, afirmaba que os deseños da marca eran en galego porque “crecemos co Xabarín Club e os Heredeiros da Crus”.
  • O festival de cine freak Galician Freaky Film Festival propuxo desde os inicios “montar unha auténtica festa da cultura freak tan incorporada no ADN de toda a xeración Xabarín”.