VIALIA
PLAYDOC

A cultura xaponesa gaña adeptos en Vigo

Nos últimos anos estamos a vivir como a cultura asiática, máis concretamente a xaponesa, goza de máis seguidores e fanáticos. Manga, anime, cosplay, moda, K-Pop… moitas son as vertentes deste movemento que xa goza de eventos e tendas especializadas na nosa cidade.

Para moitas persoas o anime xa forma parte da súa vida desde a infancia, en parte grazas a influencia do Xabarín Club e as series que alí se emitían: Bola de Dragón, Detective Conan, Doraemon, Heidi, Shin Chan, Sarxento Keroro… Esta paixón non decreceu, nin moito menos, cos anos, onde cada vez existe máis xente interesada pola cultura asiática, en especial pola xaponesa.

Un exemplo é Kokoro Japan Expo, unha gran feira que se celebra os días 8 e 9 de xullo no Ifevi e que conta con expositores, obradoiros, videoxogos, cosplay e moitas máis propostas relacionadas coa cultura nipona. O departamento de xaponés da Escola Oficial de Idiomas tamén realiza recurrentemente actividades para dar a coñecer os costumes do país asiático, como a elaboración de sobremesas, aprender a vestir kimonos ou en que consiste a cerimonia do té matcha. O seu evento máis destacado é a Semana de Cine Xaponés, que ten lugar nos Multicines Norte. Este bo facer levoulles a que en 2021 Keito Morito, directora da Fundación Japón (entidade similar ao noso Instituto Cervantes), voase ata Vigo para coñecer esta metodoloxía na que foi a súa primeira visita oficial.

A tenda Fnac, situada no Centro Comercial Vialia, tamén realiza actividades relacionadas: obradoiros de manualides para facer carpas xaponesas, espectáculos de K-Pop, taller de ilustración de manga, iniciación á escritura xaponesa, club Otaku… Por último, o festival de cinema Galician Freaky Film Festival dedica a súa edición deste ano a Akira, o mítico manga de Katsuhiro Ōtomo. Por iso, convoca un concurso de cómic no que a acción ten que transcurrir en Neo-Vigo, unha versión futurista e distópica da nosa cidade.

Zenryoku, roupa e complementos kawaii
Praza de América, 1 | @grupo.zenryoku.vigo

A comezos de ano Eva Gallardo abriu no Centro Comercial Camelias Zenryoku, unha tenda de roupa e complementos orixinais de estilo kawaii, importados de Xapón, Corea e China. Este termo xaponés significa “idealista e apaixonado”, rasgos que definen a actitude desta venezolana que reside desde hai poucos anos en Vigo. O balance deste primeiro semestre tivo “altos e baixos”, e un dos cambios que notou respecto ao seu país de orixe é que a roupa é moi estacional: “O que pretendo coa tenda é que utilicen estas prendas en calquera mes do ano, combinándoas con diferentes tipos de roupa”, explica.

Ao longo destes meses Eva organizou multitude de eventos na tenda e no centro comercial que a acolle: obradoiros de debuxo e origami, Mei Café, a Festa do Medo… Para a última semana de agosto está a preparar un sobre videoxogos. Zenryoku tamén estará presente na Kokoro Japan Expo desta fin de semana e no Galician Freaky Film Festival, que se celebra a finais de setembro. Eva opina que “en Vigo hai moitas persoas interesadas neste tipo de cousas, pero faltan eventos e tendas que incentiven e motiven á xente a non ten vergoña, porque aínda existen xente á que lle fan bulllying polos seus gustos”, finaliza.

REVISTA ABRIL

Mundo Manga
Rúa Perú, 4 | mundo-manga.com | @mundomanga.vigo

Hai catro anos que Mundo Manga abriu as súas portas na rúa Perú, a escasos metros da céntrica rúa do Príncipe. A tenda nacía coa intención de cubrir un oco no mercado vigués, que carecía dun amplo comercio dedicado exclusivamente ao merchandising de cómics, series e películas, especialmente de manga e anime. Os produtos estrela son os Funko Pop e, sobre todo, as figuras. Nos últimos tempos tamén sumaron á súa oferta unha variedade de mangas, tanto shōnen (dirixidos a público xuvenil) como propostas máis adultas como Berserk.

Lucía Martínez entrou a traballar en Mundo Manga pouco despois da súa apertura. A súa paixón pola cultura xaponesa vén de moi nova: “Empecei a ver Evangelion hai 20 anos cando o botaban na Televisión de Galicia”, lembra. Lucía cre que o agarimo cara o país nipón sempre estivo presente, máis agora acentuose coa aparición das plataformas de streaming e a práctica desparición do “estigma social” que supoñía ser friki. Agora, pensa, ese termo perdeu o seu significado pexorativo, e mesmo grandes marcas “como Inditex” utilizan esta imaxinería para as súas prendas. A tendeira recomenda, para adentrarse no mundo do manga, o xénero shōnen: “É unha aposta segura. Teñen moita acción e un fondo ou crítica pouco complexa pero que aporta á trama. Ademais, a variedade de estilos de debuxo é brutal”, resume. Tamén destaca como adrentarse neste tipo de produtos abre a porta a outras disciplinas (arte, literatura,cinema, moda, música…) dunha cultura moi diferente á occidental.

The following two tabs change content below.

Pablo Vázquez

Graduado en Comunicación Audiovisual pola Universidade de Vigo, é un apaixoado do cine, da música e da fotografía. É director dos documentais 'O profesor', 'The Death: el reencuentro' e 'Cuna de músicos', ademais de coautor do libro 'Son da cidade', o que lle fixo coñecer aínda máis a escena musical viguesa. Ten traballado con distintos grupos e salas da cidade, ademais de participar nos últimos anos como Xurado Novo nos festivais de cine de San Sebastián e Novos Cinemas.