CAMELIAS MASCOTAS

Rei Zentolo – Máscaras zentolas

Aínda queda alguén na sala que non coñezo a Reizentolo? É pouco probable, xa que as súas frases cheas de retranca e humor galego coáronse no imaxinario de todos desde o inicio da andaina da marca. Se falamos de Reizentolo (www.reizentolo.es) seguramente mencionaremos a Pablo Rodríguez, a Salvo ou a Óscar Sendón. Pero sería dicir pouco porque actualmente hai case trinta persoas detrás da marca, moitas delas centralizadas en Vigo.

O vocábulo que da nome a esta arriscada idea é un múltiple xogo de palabras: o «centolo», o animal máis querido e codiciado de Galicia; e as covas do «rei Cintolo», en Mondoñedo. Tamén é un xogo de identidades: a actitude zen contra a tolemia. Xa que, canto comezaron e aínda eran tres, sempre dicían que un era o rei, outro o zen e outro, o tolo. A día de hoxe, confésannos, que hai quen segue a preguntar se son una marisquería.

Reizentolo naceu no 2003 froito do «emprendemento» de tres licenciados en Belas Artes que quixeron plasmar as súas creacións sobre camisetas. Baixo esta idea, comezaron a vendelas en festas e festivais, e pronto caeron na conta de que esas creacións gustaban. Logo viñeron as tendas, franquías e o éxito mundial. Éxito merecido, vaia iso por diante! Sempre traballan ligados á arte, á cultura (e ás «subculturas»), ao bo humor e, por suposto, a Galicia. Sempre quixeron poñer en valor os referentes da nosa terriña, que son superpotentes e abundantes, e no momento no que naceron aínda non tiñan a presenza e a consideración que agora teñen. Pero choiaron o seu e, a día de hoxe, son un referente das nosas tradicións e carácter.

Os produtos son case infinitos: roupa con mensaxe en galego, mandís para os que somos ración, parches para os máis punks, láminas, axendas, tote bags… e ata condóns para os que falan galego sen pelos na lingua! Engaden un extra de agarimo ás prendasorgánicas que comezaron a traballar este ano: camisetas, bolsos e suadoiros de algodón orgánico, e mesmo algunha chaqueta con poliéster feito a partir de botellas de auga recicladas. A súa filosofía non esquece o coidado do noso medio natural e a sustentabilidade.

REVISTA NOVEMBRO

Queiramos ou non, as máscaras hixiénicas (11,95 €) viñeron para quedar converténdose no único complemento indispensable para pisar a rúa. Cómpre elixir as que cumpren todos os certificados de protección sanitarios e que resulten cómodas de levar. E se lles engadimos deseños orixinais e unhas doses de retranca? O agasallo de moda! Ademais, estas máscaras veñen acompañadas dun xeneroso plan renove. Se a vida útil da túa máscara acábase tras os vinte e cinco lavados obrigatorios e queres unha nova, pasa pola tenda da rúa do Príncipe, 11 e terás desconto na próxima que merques.

Web: www.reizentolo.es

Dirección: Rúa do Príncipe, 11

The following two tabs change content below.

Estela Gómez

Estela naceu no 92 (o ano de Cobi) preto do mar. É filóloga e correctora literaria, cirurxiá de textos, amiga das redes sociais e ten un interese case innato pola moda e a cultura. Estela é aprendiza de todo e especialista en nada, ten incontinencia verbal crónica, e, grazas á mellor das sortes, as palabras danlle de comer.

Últimos posts de Estela Gómez (ver todos)