REVISTA OUTUBRO

A artista viguesa que visibiliza os sorrisos tras as máscaras

A ilustradora viguesa Emma Romero lanzou hai uns días a iniciativa Sorresistindo, a través do que seleccionará 40 sorrisos que se converterán en 40 acuarelas e formarán parte dunha pequena mostra. O proxecto está aberto a calquera persoa que queira participar enviando unha foto antes do día 28.

Feed do Instagram da conta de @sorresisitindo

Ao mal tempo, boa cara. Iso debeu pensar a ilustradora Emma Romero antes de levar a cabo esta iniciativa. Sorresistindo nace para volver centrar a nosa atención nos sorrisos que, aínda que cubertos, seguen sendo o noso motor. Para iso vai seleccionar 40 bocas que se converterán en 40 acuarelas e formarán parte dunha pequena mostra. Estas pezas irán acompañadas dunha pequena reflexión sobre a pandemia por parte do/a protagonista.

Queres participar? Só tes que enviar unha foto do teu sorriso (canta máis calidade teña a imaxe mellor) a emeiema.art@gmail.com, xunto co voso nome, idade, cidade de orixe e un pequeno texto sobre o ano que nos cambiou a vida: pode ser un momento que vos marcara, un sentimento, aquilo que vos fixo manter o sorriso… Iso xa é cousa vosa.

A data límite para enviar as imaxes é o 28 de febreiro. A propia Emma xa fixo como exemplo o seu propio sorriso, acompañado da frase: “Ao final non melloramos como sociedade, pero aprendimos a facer unhas sobremesas de p*** nai”. Xa o dicían os Monty Phyton, mira sempre o lado bo das cousas.