Vinte e tres furanchos participan este ano no San Brais de Bembrive
A festa xa arrancou en Bembrive. San Brais celébrase oficialmente o 3 de febreiro pero estas semanas xa podemos achegarnos a parroquia viguesa e comezar a nosa ruta polos 23 furanchos que participan nesta edición.
Unha das festas favoritas dos romeros de Vigo e arredores volve a celebrarse este ano por todo o alto. Falamos do San Brais, a festa máis popular da parroquia de Bembrive. O cocido, o viño e a música tradicional son os ingredientes principais desta romería, que celebra o seu día grande o próximo venres día 3 de febreiro.
Nesta nova edición, participan 23 furanchos repartidos por toda a parroquia. Os máis anticipados penduraron o letreiro de aberto a pasada fin de semana, pero será a partir do venres 27 de xaneiro cando todos abran as portas. Nestes garaxes e bodegas reconvertidos durante uns días en furanchos atopamos viño e licores a esgalla, tapas tradicionais e moita música. Aínda que o prato por excelencia do San Brais é o cocido a maioría de establecementos ofrecen tapas típicas como tortilla, zorza ou pementos.

Unha das novidades deste ano é que, paralelamente a música improvisada que podemos vivir en calquer momento nos furanchos, desde o pasado día 13 a comisión de festas está organizando diferentes actuacións musicais. Esta noite a partir das 21:00 h o cuarteto Os Furancheiros amenizará coa súa música a parroquia ao igual que mañá o farán O Melidaos a partir das 20:00 h. O domingo en sesión vermú, ás 12:30 h, actuarán Lume de Cana Folk no palco dos Novelos. O cartel o completan Os Podridos (venres 27), Pelepau (sábado 28), a banda de gaitas Charamuscas e Treboada do Baixo Miño (domingo 29), Regueifas Caruncho e Benito (xoves 2) e Banda Cultural de Alcabre (venres 3).
Aínda que todos estamos convidados a levar e tocar o noso instrumento tradicional, hai furanchos que non o deixan todo o azar e programan as súas propias actuacións musicais. É o caso do furancho Endulza tu vida, situado no camiño dos Novelos, que hoxe acolle a actuación de Algarabía e mañá a da Batucada Bate no Cobre. O venres 27 a banca local Os Vacalouras estarán repartindo estopa nun dos furanchos que máis xente nova congrega durante estas festas.

Tamara Novoa
Últimos posts de Tamara Novoa (ver todos)
- A música en directo volve aos chiringuitos de Vigo - 4 Agosto, 2026
- Cecilia F. Santomé: «Trátase de escribir cos ollos antes que coas mans» - 21 Xullo, 2026
- 15.000 espectadores acreditan o bo facer da Sala Ártika - 1 Xullo, 2026
- Uxía Senlle: «Non podía eu soñar que a xente iría ás foliadas como vai agora, a bailar e mocear» - 29 Xuño, 2026
- Viva Vigo, tamén en Castrelos? Analizamos a presenza (e asuencia) de artistas locais no auditorio vigués - 29 Xuño, 2026

