Que facer en Vigo esta fin de semana
Decálogo de plans para desfrutar da vida cultural de Vigo contra vento e treboada. Pódese ampliar a información de cada actividade premendo no título. Encontra moitos máis eventos para esta fin de semana en Vigo na axenda de eventos de A Movida.
Presentación do libro Presentación de Nos días encantados de agosto, de Manolo González – Venres ás 19:30h
O historiador Manolo González presenta na Casa del Libro unha minuciosa biografía sobre José Gil, cineasta e fotógrafo e considerado o precursos da vangarda cinematográfica galega. Acompañando ao autor estarán dos realizadores galegos Ignacio Vilar, Xisela Franco e Miguel Ángel Romero.
CAER en Santiago – Venres ás 20:00h – 10,00 €
Desfrutar da ausencia de gravidade e caer nas redes da performance a danza contemporánea con esta proposta do Teatro Ensalle. Trátase da ramificación galega dun proxecto internacional que teoriza sobre o acto de caer e que, neste caso, conta coa participación de artistas galegos como Laura Iturralde, Sam Fuentes, Alberto Cernadas e Da Rocha.
#Quenonosfrunjanlafiesta, de David Guapo – Venres ás 20:30h – Desde 16,00 €
O cómico catalán trae ao Teatro Afundación un espectáculo no que combina música e humor e no que o humorista lánzase á improvisación. O espectáculo é apto para todas as idades.
San Brais – Toda a fin de semana
Os furanchos que levantan a persiana estes días en Bembrive para ofrecer cuncas de viño da casa e todo tipo de viandas como acompañamento. Por suposto, onde hai festa, hai música e a organización infórmanos de que haberá bandas itinerantes tanto venres com9o sábado, ademáis do concerto de Lume de Cana Folk no palco.
Obra de teatro infantil Hugo – Sábado ás 18h – 8,00 €
A Sala Ártika programa esta peza para público miúdo da compañía Os náufragos teatro cuxo protagonista é un neno con TEA. a través dos seus pensamentos e inquedanzas Hugo fala de inclusión e empatía e do enriquecedoras que son as diferencias na sociedade.
Concerto de despedida de Sondarúa – Sábado ás 21:00h – Desde 10,00 €
Sen dúbida unha das pistas de baile desta fin de semana será a Sala Rebullón inundada polos sons do trío de rap e reggae Sondarúa. Os de Ponteareas están inmersos na súa xira de despedida, logo de seis anos de actividade sobre os escenarios, polo que esta pode ser unha das últimas oportunidades de velos en directo.
Presentación do novo disco de Laura Lamontagne e Picoamperio – Sábado ás 21:30
Un dos dúos que representan a nova música tradicional galega, que mesturan con maestría con percusións marcadas e bases electrónicos. O seu primeiro disco puidemos escoitalo en moitos (moitísimos) dos festivais do pasado verán e agora volven á carga cun segundo traballo, no que seguirán reinterpretando cantigas e poemas da tradición galega con melodías suaves e bases apegadizas. Se aínda non os coñeces, podes ler esta entrevista que lles fixemos hai uns meses.
Facer compras sostibles no III Mercado Reciclado – Sábado de 12:00 a 21:00 h
A terceira edición deste mercado organizado por Simia Coworking no seu espazo está 100% dedicado a artistas que se dedican á moda sostible, proxectos que nacen de residuos, marcas de autoxestión e roupa de segunda man. A entrada é libre e haberá pinchos veganos e DJ.
Concerto de Lorre e Family Folks – Sábado ás 22:00 h – 10,00 €
Sábado de boa música en La Pecera con Lorre e Family Folks. Jorge Lorre, coñecido por ser a alma de proxectos como os Wavy Gravies, The Bo Derek’s e Family Folks, lidera a banda Lorre, coa que nos presenta o seu primeiro álbum, un traballo escuro e macabro cargado de historias de terror e folclore máxico. Despois actuarán Family Folks, banda de folk rock viguesa capitaneada por Rubén Suárez e Bosco Hill.
Visitar a exposición de Cristina Daura
Géminis, escendente en tus pelotas non é o título de algo feito para agradar a todo o mundo e así é o universo creativo de Cristina Daura: rebelde, cáustica e incluso perverso, pero cun estilo colorista que conquista os corazóns do editores do New York Times, El País, Penguin Books, Blakie Books, Primavera Sound ou Nike. Esta é a súa primeira exposición individual en Galicia e poderemos vela na Galería Maraca ata o 15 de febreiro.
Paula Cermeño
Últimos posts de Paula Cermeño (ver todos)
- A quen queres ver en Castrelos en 2025? - 22 Novembro, 2024
- Beldade: cociña de autora en Tui - 22 Novembro, 2024
- Stoned at Pompeii, Compañía Ártika e Fran Sieira esta fin de semana en Vigo - 21 Novembro, 2024
- Batalla de bocatas en As Cunchas: ‘Friends’ ou ‘The Bear’? - 20 Novembro, 2024
- Sukha Funk evoluciona: máis vegano e a domicilio - 18 Novembro, 2024