“Puerto Calma”, o documental vigués sobre a crise migratoria en Canarias, busca financiamento
A avogada viguesa Paula M. Molares pon en marcha unha campaña de crowdfunding para gravar Puerto Calma, un documental no que quere contar a situación dos inmigrantes que chegan a España a través de cinco relatos vitales, os de cinco africanos que desembarcaron en Canarias o ano pasado e foron recolocados no Hotel Puerto Calma. A directora ten previsto gravar a peza no mes de xuño e precisa recadar 10.000 € para facelo.
Hai puco máis dun mes, Paula Martínez Molares reduciu ás horas que lle ocupaba o seu traballo nun coñecido despacho de avogados vigués para dedicarlle tempo ao seu doutoramento. Quería centrarse na investigación sobre a situación dos menores migrantes que chegan a España sen compañía de adultos, un tema que sempre interesara á xove xurista. Pouco despois aconteceu en Canarias algo que chamaría a súa atención: ante a saturación das vías asistenciais convencionais, o goberno estaba recolocando en hoteis aos miles de inmigrantes que chegaban a Canarias en pateras. Paula buliu a poñerse en contacto, precisaba información de primeira man para a súa tese, “ven mañá se queres, aquí hai moita información”, escoitou ao outro lado do teléfono, e ao pouco presentouse no Holiday Club Puerto Calma.
O que atopou no gran complexo hoteilero a pé de praia impactouna en dous sentidos. Por unha parte a crueza das historias dos inmigrantes: “Sorprendéronme as ganas que tiñan de falar”, conta “a pesar de que se lles fai complicado falar da travesía, pois moitos perderon polo camiño a familiares e amigos”. Unha travesía que, no mellor dos casos dura entre cinco e oito días a bordo dunha patera e se prolonga indefinidamente unha vez chegados a terra. “É un sinsentido. Moitos deles teñen contactos na península ou en Europa e veñen cun plan. Se deixaramos que seguisen o seu camiño non se crearían tapóns como o do 2020 en Canarias”.
A outra cara da moeda eran as ganas de axudar que percibiu por parte dos donos do hotel, que a moveron a proporlles realizar o documental. “Acolleron por cuestións económicas, non había turistas e o goberno pagáballes por acoller a inmigrantes”, explica Paula, pero aquela situación de emerxencia, xestionada pola Cruz Roja, convertiuse pouco a pouco en ganas por contribuír ao benestar de todas aquelas persoas e moitas continúan alí hospedadas á espera de solucións e oportunidades, a pesar de que Puerto Calma non conta con apoio económico oficial desde marzo. Unha onda de solidariedade que se expandiu tamén pola veciñanza que a diario aportan refuxio, comida ou roupa.
Paula ten demostrado en varias ocasións o seu interese e compromiso coas persoas inmigrantes. En 2014 ocupou páxinas dos xornais locais despois de acoller a un menor bangladesí na súa casa e axudalo a conseguir a residencia e reunirse coa súa familia. “Faysal Ahmed é parte da miña familia e esa experiencia de acollida supuxo un antes e un despois na miña vida”. Agora, Martínez sente que descubrindo a historia dos inmigrantes atrapados en Canarias está contando, en certo modo, parte da historia de Faysal.
Puerto Calma está dirixido pola propia Paula e producido desde o Estudo Santamarta. O equipo ten previsto volver a Canarias a mediados de xuño para gravar o documental, que xirará arredor da historia de cinco das persoas que viven no hotel, procedentes de Senegal, Mali e Marrocos; dúas delas menores de 16 e 13 anos. Para levar o proxecto a bo porto precisa un orzamento mínimo de 10.000 € que queren conseguir a través dunha campaña de micormecenado en Verkami. Un dos motivos para facelo deste xeito é procurar a implicación da xente, “quero facelo en comunidade, como fan cada día en Puerto Calma, involucrando a todas as persoas que poida”. Ese é o obxectivo último, difundir a mensaxe de “se eles poden axudar, nós tamén” que Martínez leva inherentemente impregnado na voz e da que nos quere convencer a todos.
Paula Cermeño
Últimos posts de Paula Cermeño (ver todos)
- A quen queres ver en Castrelos en 2025? - 22 Novembro, 2024
- Beldade: cociña de autora en Tui - 22 Novembro, 2024
- Stoned at Pompeii, Compañía Ártika e Fran Sieira esta fin de semana en Vigo - 21 Novembro, 2024
- Batalla de bocatas en As Cunchas: ‘Friends’ ou ‘The Bear’? - 20 Novembro, 2024
- Sukha Funk evoluciona: máis vegano e a domicilio - 18 Novembro, 2024