CAMELIAS MASCOTAS

Porto Café, almorzos e merendas gorentosos

Porto Café, cafetería da rúa González Sierra, a dous pasos de Praza América, ten unha ampla terraza na que desfrutar da súa carta de torradas, pancakes e doces caseiros. Ademais, serven un dos mellores cafés da cidade, torrado en Galicia.

Desde hai algúns meses, Porto Café é un local de referencia para quen busca un bo café e gozar dun brunch na zona das Travesas. O barrio estaba orfo deste tipo de negocios tan populares nos últimos tempos, ata que chegaron eles en 2019 cunha atractiva carta de almorzos e merendas. A chave do éxito desta cafetería está na calidade dun café torrado en Galicia que, a petición dos clientes, tamén venden en gran ou moído para preparar na casa. Ademais das opcións clásicas, preparan receitas especiais como o moccaccino, con chocolate; o frappé moka, con xeo picado, cacao e nata montada ou o café con xeo ao estilo da casa.

Esa excelencia está levada ao resto da carta, na que as grandes protagonistas dos almorzos son as torradas, elaboradas con pan artesán de masa madre. Sobre as rebandas de pan déitanse aguacate, froitas bañadas en crema Nutella, humus caseiro, salmón, tomates cereixeiros confeitados con alfábega e burratta e así ata unha vintena de combinacións diferentes ás que se lle poden engadir bacon e ovo.

Nas tardes teñen máis éxito os gofres e os pancakes caseiros, que se serven en versións doces ou salgadas. Froita, chocolate, doce de leite e galletas Oreo son algunhas das opcións. Os máis larpeiros porán as barbas de mollo coas que levan crema Kinder e xeado amendoado Magnum, namentres que os máis atrevidos seguro que desfrutan da mestura de doce e salgado das Americanas, que levan crema de queixo, aguacate, ovo e xamón ibérico.

REVISTA NOVEMBRO

A carta é extensa e ademais das devanditas lambonadas, tamén podemos gozar do café cun anaco de biscoito caseiro, un croissant ou un bol de iogur con cereais, froitas tropicais e mel. Tamén se ofrecen alternativas sen glute e pratos sen produtos de orixe animal, ademais dunha selección de pratos saudables ou mesmo pensados para deportistas, como o bol feito con iogur proteico.

A cociña está aberta polas mañás e polas tardes, que no verán se prolongan ata as once da noite. O local admite cans no interior e conta cunha terraza ampla e tranquila. Tamén se poden pedir algúns pratos a domicilio a través de Glovo. Recoméndannos as pulgas, uns bocadilliños de xamón, salmón, tortilla ou humus que podemos pedir en cómodas caixas de catro unidades para levar connosco tara tomar cun zume natural e un café. Un petisco para chegar a bo porto.

Rúa do Doutor González Sierra, 4 | 986 04 26 96 | @portocafevigo

The following two tabs change content below.

Paula Cermeño

Paula Cermeño é licenciada en xornalismo pola USC, pero a súa principal ocupación é viaxar. Mentres aforra para dar a volta ao mundo, traballa como redactora e xestora cultural. Gústanlle os libros, o audiovisual, o teatro e o rock and roll, por iso é doado avistala en moitos dos saraos vigueses.