CAMELIAS MASCOTAS

Por que todos os concellos da contorna teñen festivais de jazz e Vigo non?

Esta semana celébranse, a poucos quilómetros de Vigo, a 30ª edición do Festival Internacional de Jazz e Blues de Pontevedra e o VIII Festival de Jazz de Moaña. Nun par de semanas Cangas alberga a XVII edición do Canjazz, e o mes pasado xa tivo lugar o XVIII Nigranjazz na Ramallosa. A pregunta é obrigatoria: por que Vigo non ten o seu propio festival de jazz?

NigránJazz | Lara Alonso

O jazz é unha amalgama de estilos musicais de orixe afroamericana xurdida no sur de Estados Unidos a finais do séxulo XIX. Nas seguintes décadas, especialmente ata mediados do século XX, gozou dunha enorme popularidade, primeiro no país norteamericano e despois en Europa. Duke Ellington, Miles Davis, Billie Holliday, John Coltrane, Louis Armstrong, Ella Fitzgerald, Chet Baker, Dizzie Gillespie, Lester Young ou Herbie Hancock son algúns dos nomes máis destacados deste xénero.

En Vigo o jazz sempre gozou de moi boa acollida desde que arribou a través da radio e do porto alá pola década dos vinte. Soaba nos salóns de baile e mesmo o Tamberlick acolleu a proxección de The Jazz Singer, o primeiro filme sonoro da historia. Nos anos setenta e oitenta, antes da chegada da Movida e grazas a asociacións como Xuventudes Musicales, era o xénero que máis soaba e máis se programaba nos locais olívicos. O Satchmo, antes de que Siniestro Total o puxera patas arriba, era unha sala de jazz. A Casa de Arriba leva décadas programando semanalmente concertos e jams de jazz por onde pasaron os mellores músicos galegos deste xénero. Gonzalo Villar fixo un enorme labor como xerente de El Malecón, La Negra Tomasa, El Manteca e, finalmente, o Xancarajazz, pechado en 2016 a causa das queixas veciñais. Na actualidade, ademais da Casa de Arriba, o Café Vitruvia mantén vivo este xénero centenario con concertos semanais e, de cando en vez, ciclos ou festivais sen demasiada continuidade noutros espazos.

Jam session na Casa de Arriba | P. Vázquez

En 2005 naceu en Vigo o ImaxinaSons, un festival de jazz que achegaba un enorme valor cultural e social á cidade ao longo de varias semanas co mellor jazz europeo. Pola súa dirección pasaron Baldo Martínez, Nani García, Lucía Martínez e, xa nos seus últimos estertores, Felipe Villar e Yago Vázquez. Tras 14 anos de actividade, en 2019 o Concello cancelou o festival. De feito, no seu último ano de vida cambiara o nome a Festival de Jazz de Vigo porque se trataba dunha “nova senda como festival con entidade propia para responder á enorme afición ao jazz que hai en Vigo”, comentaba o alcalde Abel Caballero. Seis anos despois seguimos sen saber cal era esa nova senda, e tamén sen festival.

Unha anécdota simpática: en 2023 a pantalla led situada na rotonda de Rosalía de Castro, que tivo un custe de 40.000 € e non hai día que non teña algún problema, mostrou un cartel coa programación do Imaxinasons, que levaba catro anos baixo terra.

A desaparición deste festival súmase á doutros eventos como Vigo Transforma, Latitudes, Vigo Urban, Are More, Para Vigo Me Voy, Festival Nun Local ou o nunca realizado Rock In Vigo, anunciado polo gobernante vigués antes do fatídico concerto de Guns N Roses en 2023.

Como comentabamos ao comezo, moitos dos concellos da contorna de Vigo si que teñen, e algúns desde hai décadas, o seu propio festival de jazz. Falamos do Nigránjazz (25-27/7), Festival Internacional de Jazz e Blues de Pontevedra (5-9/8), Festival de Jazz de Moaña (9-10/8) e Canjazz (18-21/8). Aínda que non é unicamente de jazz, o Música no Claustro de Tui tamén achega concertos gratuítos deste xénero. Fóra da nosa área, Ferrol, Ribadeo, Lugo, Courel e A Coruña tamén teñen os seus propios eventos jazzísticos. Se ampliamos o espectro estílisto a un xénero irmán como o blues, atopamos propostas en A Guarda, Nigrán ou Fisterra.

REVISTA NOVEMBRO
Boa asistencia de público nunha xornada do NigránJazz | Lara Alonso

O Vigo Jazz-Class, promovido polos responsables do Vitruvia Café, foi o último intento de levar o jazz ao público en forma de festival. Naceu en 2021 coa idea de mesturar música clásica e jazz e celebrou, non sen algúns contratempos de última hora, tres edicións na Praza de Compostela co apoio do Concello de Vigo. Este verán, en cambio, non houbo noticias sobre o evento, cortando a súa progresión ascendente e poñendo en dúbida a súa continuidade. De novo o Vitruvia puxo en marcha en novembro de 2023 o Musicav, un ciclo de catro concertos de jazz e música clásica celebrado no Auditorio do Teatro García Barbón, este sen apoio do goberno local.

Mentres que cada ano a factura dos concertos de Castrelos sube (e o número de concertos e variedade de estilos non), o Concello non parece estar polo labor de apoiar outro tipo de propostas, quizais menos populares, pero igual de necesarias á hora de construír cidade. Falamos tamén daquel ciclo de concertos de artistas locais que só tivo lugar en 2020, cando a pandemia da Covid-19 impedía traer artistas de fóra a Castrelos. Un ano despois, non quedou rastro desta outra iniciativa.

Vigo Jazz-Class | P. Vázquez
The following two tabs change content below.

Pablo Vázquez

Graduado en Comunicación Audiovisual pola Universidade de Vigo, é un apaixoado do cine, da música e da fotografía. É director dos documentais 'O profesor', 'The Death: el reencuentro' e 'Cuna de músicos', ademais de coautor do libro 'Son da cidade', o que lle fixo coñecer aínda máis a escena musical viguesa. Ten traballado con distintos grupos e salas da cidade, ademais de participar nos últimos anos como Xurado Novo nos festivais de cine de San Sebastián e Novos Cinemas.