VIALIA
bannerPicnicSesions

‘Polvorones’ reconquista o teatro cómico

Esta fin de semana de reconquista con moita auga e choripáns, deixounos tamén a posibilidade de asistir o domingo a representación do espectáculo cómico e teatral Polvorones no teatro García Barbón. Nel un público, non moi numeroso pero entregado, participou dun espectáculo desenfadado e terriblemente divertido.

Polvorones presentouse na escena cun elenco integramente feminino e unha representación baseada en pequenas escenas cun formato semellante ós sketchs. As historias estaban fiadas polas diferentes aventuras e desventuras dun grupo de amigas (in)fieis. A proposta aliméntase directamente doutros estilos como o Stand up comedy, o monólogo clásico ou o teatro de improvisación, polo que xera un produto dinámico onde o público pode participar.

O escenario responde a ese principio de dinamicidade e componse de elementos móbiles intercambiables que xeran a impresión dun crebacabezas adaptable a cada situación. A simpleza do elemento escénico esixe tamén un traballo extra por parte do discurso e das actrices que o souberon salvar con solvencia.

A comicidade do texto baséase nas confrontacións entre as personaxes e principalmente nos seus ataques de impulsividade. Aínda que non se renuncia ó humor máis clásico, desenfadado ou castizo a obra integra elementos de humor máis intelixente como os conflitos lingüísticos e fonéticos ou os dobres sentidos. Consegue manter unha estabilidade que fai que todos os sucesos sexan divertidos e estean ben combinados.

REVISTA ABRIL

A actuación do elenco é sensacional. Vese a complicidade entre elas que xorde de moitos bolos do mesmo espectáculo en combinación coa credibilidade que achegan as súas personaxes. Tamén é ineludible sinalar que a comedia esixe unha naturalidade e un perfil que fai que non sexa un eido apto para todos os profesionais, neste caso estas mulleres aproban con nota.

Non podo finalizar esta análise sen mencionar a brillante actuación da viguesa Jazmín Abuín. A actriz, que esta vez xogaba na casa, achega nesta obra unha personaxe con moitísimos matices e que protagoniza un momento de improvisación moi destacado e probablemente co que o público vigués máis gozou.

En resumo, ‘Polvorones’ é un espectáculo que garante rir a esgalla grazas ó traballazo de elenco e texto. Unha obra que elimina as súas limitacións grazas a un ritmo frenético e o dinamismo en escena. Comedia con C maiúsculo.

The following two tabs change content below.
É graduado en lingua e literatura española pola Universidade de Santiago de Compostela. Actualmente cursa un máster dedicado a formación e investigación literaria e teatral no contexto europeo na UNED. Ten coñececementos de varias linguas, participa e dirixe iniciativas culturais, colabora con distintas editoriais e participa en xurados de premios literarios. Na súa bitácora persoal 'Palabra de Gatsby' exerce a crítica literaria e teatral. Un proxecto en continua revisión coa intención de amosar o seu amor polas letras. www.palabradegatsby.com