CAMELIAS MASCOTAS

Pasear pola historia viguesa con Pedro Feijoo

Son as seis e media da tarde do mércores e, entre as casetas da Feira do libro, 30 persoas arrómbanse nas escaleiras do MARCO. Algunhas levan baixo o brazo un exemplar de Camiñar o Vigo vello, sinal inequívoco de que están a agardar por un dos codiciados roteiros para coñecer Vigo da man do escritor Pedro Feijoo.

El xa está alí, camuflado entre un círculo de mulleres cas que fala sobre edificios, cafés e comercios da cidade que xa non existen. Comeza explicando a dificultade de acotar o Vigo vello, xa que dentro das antigas murallas non se atopaban moitas das zonas esenciais para entendermos a orixe da cidade, como o Castro ou o Berbés. E moito menos a que camiñaremos hoxe, o ensanche: desde o MARCO ata a Porta do sol; con paradas en Príncipe, a praza de Compostela, o caleixón dos Caños e o teatro García Barbón.

O recordo da muralla non limita os paseos de Feijoo nin o seu extenso coñecemento da cidade. “Será un percorrido curto en distancia, pero longo en historia. Ide avisando de que non chegaredes a cear”, bromea con intencionalidade. O escritor quere que esta tarde nos tomemos o tempo preciso para entender este anaquiño vigués de extra muros, outrora chamado o Salgueiral. Durante o percorrido, o escritor sacará a relucir décadas de investigación sobre historia e arquitectura, con detalles sobre as familias poderosas que fixeron evolucionar Vigo de vila a cidade e as rivalidades entre arquitectos.

Pedro Feijóo comeza contando a historia do edificio do museo MARCO, antigo cárcere da cidade. Neste caso o edificio segue en pé, pero só hai que xirar a cabeza para detectar que, para apreciar o pasado da cidade, deberemos confiar nas súas palabras antes que na vista. Un exemplo témolo á nosa dereita, no primeiro edificio de Urzáiz hoxe ocupado por unha entidade bancaria. Nesa parcela, estivo durante oito décadas a sede da axencia La escalera, coroada cunha cúpula luminosa. Unha modernidade que deu moito que falar nos inicios do século pasado e unha de tantas víctimas do desarrollismo do alcalde Portanet.

REVISTA NOVEMBRO

É momento de poñerse en marcha, atravesando a antiga estrada de Ourense, hoxe rúa do Príncipe. A historia da cidade podería contarse de café en café, e diso a rúa Velazquez Moreno sabe moito. Aquí estaban o Gran Café Colón, no edificio que hoxe ocupa La Casa del Libro, e o Café Colón, na esquina con Policarpo Sanz. Por fortuna, deste último aínda conservamos a súa arquitectura orixinal, obra de Jenaro de la Fuente, un dos arquitectos máis importantes da cidade. Arquitecto de facto, xa que de la Fuente era en realidade mestre de obras, o que non lle impediu erixir algunhas das construcións máis emblemáticas da cidade, como o Hotel Universal ou a Casa Bonín.

Quen si tiña estudos de arquitectura era Michel Pacewicz, un polaco a quen Sanjurjo Badía reclutou mentres se formaba en París, cando a capital francesa era o centro da vangarda e o refinamento. A el debémoslle as construcións modernistas, sempre un paso por diante dos seus coetáneos galegos, algunhas delas coroados por cúpulas, inspiradas no Sacre Coeur . Feijoo describe unha verdadeira rivalidade entre os dous arquitectos, da que somos nós, a todas luces, os grandes beneficiarios. “Había verdadeiros sopapos”, di que a emoción de quen che conta un thriller.

Despois de visitar o caleixón dos Caños, porta de entrada a un dos múltiples túneles que percorren a cidade por debaixo, e antes de rematar a visita na Porta do Sol, Pedro Feijoo insiste en pasar frente aos buratos de bala que mellan a fachada do número 6 de Policarpo Sanz. Foron producidos o 20 de xullo de 1936, cando Carreró proclamou o estado de guerra en apoio a sublevación en Madrid. Non hai placa que recorde aos 12 veciños mortos aquela tarde, por iso a función de divulgación histórica do escritor é imprescindible. Bravo, Feijoo, por sacar a nosa historia a paseo.

The following two tabs change content below.

Paula Cermeño

Paula Cermeño é licenciada en xornalismo pola USC, pero a súa principal ocupación é viaxar. Mentres aforra para dar a volta ao mundo, traballa como redactora e xestora cultural. Gústanlle os libros, o audiovisual, o teatro e o rock and roll, por iso é doado avistala en moitos dos saraos vigueses.