REVISTA ABRIL

Polas paraxes da improvisación

Nas jam sessions a música xorde de xeito espontáneo. Ás veces danse sobre unhas pautas ben definidas, que poden incluír ensaios; noutros casos déixase que as casualidades dean pé a  efémeras creacións encol do escenario. En Vigo contamos preto dunha ducia de salas que apostan pola música en directo neste formato e nelas pódese escoitar jazz, reggae, ska… pasando por outras artes máis aló da música, como a poesía ou a pintura. Un espírito noctámbulo ben organizado pode nesta cidade experimentar esta forma de arte improvisada durante case toda a semana.

Botámonos a andar nas sesións dos martes en  La Casa de Arriba Aquí se celebra unha das sesións jam con máis soleira da cidade. O nivel está alto nesta cervexería que pode gabarse de levar un lustro sendo punto de encontro para veteranos e amadores do jazz. Por aquí pasan habitualmente algúns dos nomes do país con máis percorrido neste estilo, como Abe Rábade, Virxilio da Silva ou Yago Vázquez.

Para o mércores temos unha proposta singular: O café bar  Maispalá  organiza as solo sessions, nas que unha persoa soa pode introducirse no pequeno descanso das escaleiras que conectan os dous andares e facer música para encher o local.

Javier Pacheco é un dos músicos habituais das sesións improvisadas. Xunto aos seus tres compañeiros forma a Monk Blues Band, tomando o nome do bar que viu nacer esta agrupación, do que se fixo grupo residente durante case dous anos. Javier cóntanos que a principal vantaxe do formato é o dinamismo e a oportunidade de coñecer novos músicos. Agora está á fronte das jam sessions de dous destacados bares de cócteles: os mércores no Sinatra e os xoves no  Vitter.  Aínda que o termo jam aluda a unha sesión improvisada, Pacheco explica que as súas sesións están formadas por dúas partes; a primeira, que vén sendo un concerto e a segunda, que dá paso á participación dos músicos que se acheguen: «Case todo está pactado, pero ás veces danse sorpresas moi agradables». Esta dinámica de banda de base á que se engaden espontáneos predomina tamén nas citas do pub Ferry, cun estilo moito máis ecléctico, e na sala  El Contrabajo,  referencia da escena do reggae.  As dúas acontecen nas noites dos xoves.

Outra proposta para os xoves son as sesións HALO, que se celebran de forma alterna na sala Kominsky e no café La Galería. Nestas sesións (cuxas siglas proceden do sintagma en inglés High Altitude-Low Opening, propio do paracaidismo militar) foméntase improvisación máis pura, a sorpresa, o risco. De feito, hai veces en que os artistas convocados non saben con quen compartirán escenario nesa ocasión, polo que a espontaneidade está garantida.

REVISTA ABRIL

Como xa avanzamos, a idea tamén funciona fóra da música. Así o demostran os numerosos encontros de lindy hop ou swing que se celebran en diferentes prazas da cidade, e que contra o inverno inverno atopan acubillo no conservatorio Mayeusis cada xoves. A veteranía é o de menos, ten un oco na pista calquera que queira probar a dar uns pasos en compañía. E para quen manteña os folgos, o percorrido remata o domingo no pub Galo do Vento. Un vello coñecido que despide cada semana cunha xuntanza informal que inclúe poetas e que está liderada por un músico distinto en cada ocasión.

Por Paula Cermeño

[Reportaxe incluída da revista A movida de Novembro 2019. Podes vela en pdf neste enlace. Comeza a recibilas próximas na túa casa facéndote #AMOVIDALOVER]

The following two tabs change content below.

Paula Cermeño

Paula Cermeño é licenciada en xornalismo pola USC, pero a súa principal ocupación é viaxar. Mentres aforra para dar a volta ao mundo, traballa como redactora e xestora cultural. Gústanlle os libros, o audiovisual, o teatro e o rock and roll, por iso é doado avistala en moitos dos saraos vigueses.