Os vixías das Rías Baixas
Un raio de luz que nos guía na escuridade e nos leva a porto seguro. Pode ser máis evocadora a figura do faro? Estas construcións, que forman parte do imaxinario colectivo como as salvagardas do mar, causan auténtica devoción. Enganchan, disque. Existen auténticos friquis dos faros que poderían falar con todo tipo de detalles das súas características técnicas, da súas historias ou das lendas que os rodean. Pero se te queres iniciar nesta cultura dos faros, as Rías Baixas ofrecen múltiples opcións. Porque as rías do sur están ateigadas de lanternas e pequenas balizas, pero tamén de maxestosos faros que, en conxunto, conforman unha ruta polas mellores paisaxes da contorna. Tres deles en especial: Cíes, Ons e Silleiro. Para visitalos, é preciso navegar polas rías, circular por estradas á beira do mar e facer algo de sendeirismo. Un plan ben completo, ou?
A nosa ruta comeza polo sur da provincia. O cabo Silleiro, á entrada da Ría de Vigo, está situado xusto entre Oia e Baiona. De doado acceso por estrada, o faro elévase 30 metros no alto dun monte rodeado dunha batería militar dos anos corenta. O edificio actual, de 1924, substituíu ao primeiro faro, situado ao pé do mar e construído en 1866. Os seus restos rehabilitaranse en breve. Desde alí mesmo divisarás o Faro das Cíes, de 1853 e segunda parada da ruta. Visitalo require coller un barco e algo máis de esforzo, xa que unha vez se produza o desembarque nas illas dos deuses, haberá que que ascender por unha ruta de 3,5 quilómetros de lonxitude e un desnivel de 175 metros. Percorrer esta senda é un dos mellores plans que ofrecen as illas Cíes. Vistas de infarto garantidas. Cambiamos de illa para visitar o terceiro gran faro da nosa ruta. Novo barco e nova andaina monte arriba cara ao Cucorro, o punto máis alto de Ons. O seu faro data de 1865 e é un dos máis grandes e de maior alcance de España. Dous consellos para a visita: levar memoria dabondo e —moi importante— tomar unha ración de polbo á feira antes de regresar á terra firme.
Na nova web de Turismo Rías Baixas hai moita máis información para preparar unha boa ruta polos faros da provincia.
Por Dani Rivera
[Este artigo pertence á revista A movida de Xuño. Se queres comezar a recibir un exemplar na túa casa, apoiar o noso proxecto e participar en numerosos sorteos, faite #AMOVIDALOVER nesta ligazón. ]