bannerPicnicSesions

Sés, Kase.O e La Pegatina encabezan o cartel do Son Rías Baixas

O festival Son Rías Baixas propón un ciclo de 12 concertos ao longo de seis días para a súa edición de 2021. As entradas para esta edición especial sairán á venda o luns 24 e o festival aprazado o ano pasado celebrarase no verán de 2022.

O festival Son Rías Baixas volve adaptarse para ofrecer unha programación musical atractiva adaptada á normativa sanitaria. Por ese motivo, a organización decidiu duplicar a duración do festival de tres a seis días e converter o evento nun ciclo de concertos. Entre o 3 e o 8 de agosto poderemos gozar en Bueu da música de Kase.O, Sés, La M.O.D.A., La Pegatina, Travis Birds, Muerdo, TéCanela, Sabela, ISEO & Dodosound, Ciudad Jara, Tu Otra Bonita e SonDaRúa.

A organización do festival anunciou tamén que o festival do ano pasado, que se tivo que anular por mor da pandemia, terá lugar no verán do 2022. Todas as persoas que teñan un abono comprado para o SonRías Baixas de 2020 poden gardalo para o próximo ano ou canxealo por crédito para as entradas do Ciclo de concertos deste verán.

Banner A Movidiña

Os concertos arrancarán o martes 3 de agosto, coa actuación de Sés, que regresará aos escenarios galegos para presentar o seu último disco, Liberar as arterias. Previamente, o dúo TéCanela avanzará, co dinamismo e bo rollo que caracteriza a Ariadna Rubio e Jano Fernández, algúns temas do seu vindeiro traballo discográfico. O mércores 4 de agosto será
a quenda de Ciudad Jara, na primeira actuación que o novo proxecto de Pablo Sánchez (líder e compositor de La Raíz) fará en Galicia, e Tu Otra Bonita, para dar a coñecer o seu cuarto álbum, Crema. Ao día seguinte, o xoves 5, ISEO & Dodosound, revisarán acompañados de The MouseHunters algúns dos seus éxitos e a música e compositora Travis Birds presentará o seu segundo e aclamado álbum, La Costa de los Mosquitos.

Xa de cara á fin de semana, o ciclo arrancará o venres 6 coa actuación de Sabela que dará a coñecer o seu álbum debut, Despedida. A noite pecharase con La M.O.D.A., que regresan ao SonRías dous anos despois para presentar Ninguna ola. O sábado 7 será o día grande do festival e terá o rap como protagonista. O mítico Kase.O subirá ao escenario do SonRías co seu Jazz Magnetism, disco do que se celebra este 2021 o seu 10o aniversario. A noite completarase co Eterno Combate do grupo de rap galego SonDaRúa. O peche desta edición terá lugar o domingo 8 de agosto da man de dúas bandas que xa
pasaron por Bueu en anteriores edicións do SonRías Baixas, con grande acollida entre o público: Muerdo e La Pegatina.

As entradas para gozar do SonRías Baixas 2021 sairán á venda o vindeiro luns 24, ás 10.00 horas, e os tickets unicamente poderanse adquirir a través da web oficial do festival, www.sonriasbaixas.info, e da plataforma dixital www.enterticket.es. O equipo do SonRías establecerá, nesta ocasión, tres tramos diferenciados de prezos, 23€, 26€ e 29€, segundo a relación de proximidade co escenario.