REVISTA ABRIL

Os festivais non paran en setembro

O verán encara a súa recta final, mais aínda temos festivais dabondo para despedilo por todo o alto. Témolos en Vigo, nos concellos veciños e tamén no resto de Galicia, por se gozamos do tempo e ganas suficientes para coñecer outros destinos.

Arizona Baby actuando no Wild Fest en 2020 | P. Vázquez

THE WILD FEST (3 e 4) – Parque Forestal de San Miguel de Oia

O festival que se celebra no Parque Forestal de San Miguel de Oia afronta a súa terceira edición con optimismo, pois o pasado ano foi un dos eventos que mellor funcionou a pesar da pandemia. A súa oferta abarca probas deportivas, mercadiño, actividades infantís, cinema ao aire libre e moitos concertos, coa banda de rock Los Zigarros como cabeza dun cartel no que tamén atopamos bandas galegas como Familia Caamagno, Susana Seivane ou Stoned At Pompeii.

TERRACEO (3, 4, 18 e 26) – Terraza do Auditorio Mar de Vigo

O maior evento da cidade na época pandémica chega ao seu fin cos últimos catro concertos: Pol 3.14 volve subirse a este escenario o venres 3, a banda local Maldito Murphy presentará novas cancións o sábado 4, o dúo de irmáns Funzo & Baby Loud traerá o seu pop urbán o sábado 18 e, para pechar esta segunda edición, a banda de inde neoyorkina Nada Surf presentarán o seu último álbum, Never Not Together, o domingo 26, ademais de repasar a súa extensa traxectoria.

REVENIDAS (9, 10, 11 e 12) – Vilaxoán de Arousa

O festival de Vilaxoán celebra esta nova edición con catro xornadas de música, gastronomía, actividades infantís e cultura mariñeira. No apartado musical, continúan coa súa firme aposta pola música alternativa galega e en galego, con propostas como Verto, Laura Lamontagne & PicoAmperio, Tanxugueiras, Los Rastreadores (Ortiga + Grande Amore) ou Boyanka Kostova. Tamén bandas de fóra como Ciudad Jara, Zoo ou Talco Maskerade.

REVOLTALLO (10, 11 e 12) – A Carballeira do Pedregal (Valadares)

A Carballeira do Pedregal de Valadares vestirase de gala os días 10, 11 e 12 de setembro para albergar a XXVIII edición do Revoltallo, o festival máis lonxevo de Vigo. Artistas como Grande Amore, Cró!, Xan Campos Trío ou Holywater encherán de música as tres xornadas, nas que tamén haberá actividades familiares. Todo isto, ademais, de balde.

CAUDAL FEST (16, 17 e 18) – Lugo

REVISTA ABRIL

O Caudal Fest volve inundar o Xardín de do Pazo de Feiras e Congresos de Lugo de indie, rock e músicas urbanas. A proposta é do máis ecléctica: de Toundra, Shinova ou Kutxi Romero a Bad Gyal, Nathy Peluso ou Sen Senra, pasando por Love of Lesbian, Iván Ferreiro ou La MODA.

MILLO VERDE (17, 18 e 19) – Praia de Cesantes (Redondela)

Este ano, despóis de moitas dúbidas e deliberacións a organización acordou poñer todo o seu esforzo en manter a edición de 2021, cun cartel conformado por Rebeliom do Inframundo, The Fat Badgers, Zeltia Irevire, La Yegros ou High Paw, entre outros.