REVISTA MARZO

Castillo, de tocar nas rúas de Edimburgo a facelo no Náutico

Luis del Castillo, musicalmente coñecido polo seu apelido, retornou hai catro anos de Edimburgo. Alí comezou co busking, isto é, tocar na rúa, práctica que realiza desde hai uns meses no Náutico vigués. Acompañámolo unha mañá para coñecer máis a fondo a súa historia.

Hai días que camiñar pola rúa do Príncipe aseméllase a xirar o dial da radio: a medida que avanzamos podemos pasar do folk irlandés ao rock en castelán; da música clásica á ópera; do soul ao pop. Algúns son anónimos, outros máis coñecidos: Adrian Timms, Escuchando Elefantes… Non moi lonxe de alí, fronte á escultura do Nadador de Leiro, colócase Luis del Castillo.

O primeiro que chama a atención é a cantidade de material que leva consigo: guitarra, banqueta, pedaleira, monitor e mesmo sombrilla se o sol apreta. O segundo é que só toca temas propios, fuxindo das versións de bandas famosas. Por último, a súa habilidade coa guitarra e a beleza das súas composicións fan que nos paremos e quedemos un anaco a escoitalo.

Luis atópase cómodo na rúa. Fala cos hostaleiros e os vendedores ambulantes da zona, mesmo orienta a un turista británico que acaba de baixar dun gran cruceiro. “Your English is very good!” dille o señor sorprendido. O motivo é que o vigués emigrou a Edimburgo en 2014, onde traballou como buzo. “Fun alí a buscar traballo e a aprender inglés, sen expectativas de tocar”, comenta. Malia atopar traballo do que buscaba, en 2019 decidiu volver a Vigo e apostar pola música.

Antes de marchar, Castillo xa tocara en bandas locais como Septiembre e Doors of Poetry. Tamén en Escocia formou parte do grupo Black Cat Bone. O de lucir o seu apelido como nome artístico xurdiu en 2018, canso de escoitar as súas letras na voz doutras persoas: “En todas as bandas nas que estiven sempre compuxen eu as cancións, de forma total ou parcial. É un pouco raro que outros canten as túas cancións, así que me gustase ou non a mellor decisión era cantalas eu mesmo“, explica.

Luis (segundo pola esquerda) con Black Cat Bone | BCB

Foi tamén nas illas cando tocou por primeira vez na rúa, ou máis ben nun parque, en concreto nos fermosos Princess Street Gardens. Alí levou un día a guitarra, sen maior pretensión que pasar a tarde, e comezou a tocar. Sorprendeuse cando unha parella lle botou unhas moedas, e aínda máis cando ao final do día xa tiña cartos para pagar o aluguer dese mes: “Na rúa ninguén está forzado a escoitarte e ninguén te coñece. Se tocas en lugares amplos como o Náutico non molestas. Cando alguén se para a escoitarte sen ter por que é porque lle interesa, e é a mellor sensación do mundo“, engade o músico. Malia que é a súa principal forma de facer cartos, o aspecto económico non é o máis importante: “Se tivese diñeiro faríao igual. En Edimburgo tiña traballo e tamén tocaba na rúa”.

Tantas horas á intemperie tamén teñen a súa parte negativa: “Unha vez en Escocia roubáronme o móbil e Dan, un home que pedía na rúa, inmobilizou á ladroa e puiden recuperalo”, rememora o busker. Con todo, a maioría de lembranzas son boas, como cando unha persoa lle dixo que estaban buscando guitarrista para unha banda e que quería que fixera a audición. Era Ross Craig, o seu futuro compañeiro en Black Cat Bone.

Banner A Movidiña

O pasado 15 de abril Castillo estreouse en directo nesta nova etapa na Sala Kominsky. O músico agardaba a 20 ou 30 persoas, polo que ver o local rozando o cheo con mais de 80 asistentes foi unha sorpresa maiúscula: “Lembrarei toda a vida aquela noite”, di cun sorriso. O seu estilo musical móvese entre a cadencia acústica do folk, o ritmo do country e a suciedade do grunge. En directo axúdase de efectos para a voz e a guitarra, ademais dun pedal de loops que lle permite crear distintas capas por si só. O seu xogo de pés durante os concertos pouco ten que envexar ao de Neymar nos seus mellores anos.

Polo momento Castillo publicou tres temas en plataformas: ‘Make this world stop turning’, ‘Now I undertsand’ e ‘Let the moon kill the sun’. Todos eles están incluídos nun disco producido por Sergio M. Puga que verá a luz a finais deste ano. Na súa habilidade ás seis cordas dedúcense centos de horas de práctica na casa e na rúa. Algúns deses ensaios están dispoñibles na súa conta de instagram @burnthecastillo ou en Youtube.

CONSULTA A AXENDA MÁIS COMPLETA DE VIGO

The following two tabs change content below.

Pablo Vázquez

Graduado en Comunicación Audiovisual pola Universidade de Vigo, é un apaixoado do cine, da música e da fotografía. É director dos documentais 'O profesor', 'The Death: el reencuentro' e 'Cuna de músicos', ademais de coautor do libro 'Son da cidade', o que lle fixo coñecer aínda máis a escena musical viguesa. Ten traballado con distintos grupos e salas da cidade, ademais de participar nos últimos anos como Xurado Novo nos festivais de cine de San Sebastián e Novos Cinemas.