Óliver Laxe: «O cine é unha ferramenta que emprego para coñecerme e medrar»
O director Óliver Laxe Coro (París, 1982) non deixa de recoller mostras de recoñecemento e premios alá por onde vai. De catro nomeamentos na recente XXXIV edición dos Premios Goya para o seu filme O que arde recolleuse a metade: o premio á mellor actriz revelación (Benedicta Sánchez) e mellor dirección de fotografía (Mauro Herce). Esta obra é o filme en galego con máis nomeamentos nestes premios e o máis visto en salas de toda a historia. Ademais de como realizador, Óliver Laxe destaca como axitador cultural. Coherente coa súa defensa do rural galego mudouse a vivir aos Ancares, onde ten pensado un proxecto ambicioso alén das pantallas. Puidemos falar con el pouco antes da recente gala dos Premios Goya.
Que che parece o nomeamento para Benedicta Sánchez aos Premios Goya aos seus 84 anos?
Paréceme moi ben. Por un lado está ben que estes premios apoien o talento xuvenil, pero creo que ela fixo ben o seu traballo e polo tanto merece un recoñecemento. Foi moi valente, leal, sacrificada e comprometida. Ela logra emocionar os espectadores. Iso é o que hai que premiar, non? Se logras abrir un corazón ou non.
Tanto Amador como Benedicta, protagonistas do filme, destacaron a túa amabilidade e agarimo con eles á hora de filmar. Pensas que ese bo ambiente se transmite no resultado final da película?
Eu creo que si, que todo o que hai detrás da cámara acaba por verse reflectido nas imaxes. Canto mellor sexa a intención, mellor será o resultado; en calquera dimensión da sociedade. Se hai corazón, dunha maneira ou doutra, haberá premio, sexa material ou inmaterial. Cando traballas con actores non profesionais tes que redobrar as atencións, obviamente. Ademais, penso que cada persoa que aparece no meu camiño é por algo, polo que intento estar sempre nunha postura de xenerosidade e apertura.
O que arde é a película en galego máis visto en salas da historia. Cal cres que é o motivo que levou a tanta xente a ir a ver o teu filme que non aconteceu cos demais?
Pois non sei. Filmamos cousas que acostuman a estar deostadas. Foi unha mirada desapegada e luminosa sobre algo do que non adoitamos presumir. Temos que querernos máis. Unha das cousas que máis tranquilo me deixou da película é que creo que conseguiu subirnos un pouco a autoestima.
Levas aproximadamente unha década como director, pero comentaches algunha vez que en dez anos non te vías dirixindo películas, ou polo menos saíndo da casa para facelo. E logo?
Para min ser cineasta non é unha profesión, é unha ferramenta que emprego para coñecerme e para medrar, que precisas en certo momento, pero que xa non necesitas nun momento dado e tes que pasar a outro tipo de cousas para continuar ese camiño de coñecemento. Dito doutra maneira, ás veces, máis que calmar o teu ego, o que fai a arte é incitalo. Véxome ben, con horizontes de ir pasando progresivamente a outro tipo de relación co mundo. Teño proxectos de novas películas, pero agardo que en dez anos ou así, ter menos necesidade de pedir amor a través de películas.
Texto: Pablo Vázquez Varela
Foto: Javier Martín Domínguez
[ Podes ler a reportaxe íntegra na revista A movida de febreiro. Faite con ela de formar gratuíta nos nosos puntos de distribución ou comeza a recibila na túa casa facéndote #AMOVIDALOVER ]
Pablo Vázquez
Últimos posts de Pablo Vázquez (ver todos)
- Buscamos imaxes e historias para manter viva a lembranza do Súbete ao Castro - 20 Novembro, 2024
- Elite Barber Shop: tradición e modernidade - 20 Novembro, 2024
- O “fracaso estrepitoso” do Súbete ao Castro ou como non entender a cultura local - 15 Novembro, 2024
- O Cirque du Soleil volve a Galicia cun orixinal espectáculo en pavillóns - 13 Novembro, 2024
- Reúnese Foggy Mental Breakdown, o ‘dream team’ da música viguesa - 6 Novembro, 2024