Oito rutas para percorrer Vigo a través da literatura
Con motivo da celebración do Día do Libro a Biblioteca Neira Vilas presentou o proxecto ‘Mapa literario de Vigo’. Simulando un mapa de metro, propón oito rutas pola cidade na que cada parada está vencellada a unha novela cuxa historia transcorre nas rúas de Vigo.
Subimos na liña 8, que conecta o Berbés con Príncipe. A primeira parada é na Praia de San Francisco, emprazamento que aparece retratado na novela ‘Amor de tango’; continuamos a viaxe ata a Praza de Compostela, aquí a referencia literaria é o libro ‘Tes ata as 10’; a seguinte parada é no edificio Sanchón que aparece retratado en ‘Sombras no Ensanche’; para continuar ata o Elixio de ‘Ollos de auga’; a derradeira parada literaria desta ruta é no Museo MARCO, que aparece na novela ‘Amor de serea’. Este é un exemplo das oito rutas recollidas no ‘Mapa literario de Vigo’. Un proxecto da Biblioteca Neira Vilas que propón oito percorridos a través de novelas cuxa acción transcorre en Vigo. As diferentes rutas aparecen plasmadas nun ficticio mapa de metro de Vigo no que cada parada fai referencia a unha novela.
Pero o proxecto vai moito máis aló. Na web pódese consultar cada unha das localizacións viguesas que aparecen nestas novelas. Tamén se pode profundar en cada unha das liñas, xa que está recollido un listado con tódalas referencias bibliográficas da zona das que se teñen constancia. Pero dende a organización queren que este sexa un proxecto vivo, que vaia medrando cos novos títulos que aparezan e que teñan como espazo as rúas de Vigo. Da mesma maneira, animan a tódolos vigueses a colaborar e se alguén sabe dalgún título que quedase atrás llelo comunique.