VIALIA
REVISTA MARZO

Amantes do running, as datas para percorrer Vigo a fume de carozo

Xa coñecemos algunhas das datas das carreiras ás que poderemos anotarnos este ano para manternos en forma e percorrer as rúas de Vigo a fume de carozo. Entre elas destacan a Vig Bay, que este ano debuta en formato maratón, a Galiexpo, a subida ao Castro, a Bootcamp ou a Bomberos Race.

Moitos dos propósitos de aninovo teñen que ver coa saúde e a forma física, polo que queremos axudarvos con este resumo de todas as carreiras que haberá na nosa cidade neste 2019. Moitas datas están aínda sen pechar e outras poderían sofrer alteracións por cuestións de última hora.

A primeira proba a teremos xa este mes, o 27 de xaneiro, coa 13ª Subida ao Castro. Quizais sexa a máis curta de todas, pero tamén a máis empinada. Tres quilómetros, 135 metros de desnivel e 523 escalóns para subir á cima do Castro, e para baixar o turrón do Nadal. Unha forma de demostrar que as costas de Vigo, e a de xaneiro, non son imposibles de superar.

A segunda parada será o 3 de febreiro na Galiexpo Running, que organiza unha carreira (a elixir entre 5 ou 10 quilómetros) desde o IFEVI cara o monte. O percorrido transcurrirá case na súa totalidade por paraxes naturais, nunha porcentaxe de 90% terra e 10% asfalto. Ao rematar haberá chocolate con churros, e con cada dorsal conseguirás dúas entradas para o Galiexpo Motor e Bike&Running desa fin de semana.

Unha semana despois é a 5+5 do Calvario, que contará con dúas modalidades: unha de 5km e outra de 10km. Todos os cartos conseguidos polos dorsais irán destinados á Fundación IgualArte. A carreira absoluta será cronometrada por chip, mentres que a dos menores, que non pagarán o dorsal, será sen chip.

O 24 dese mesmo mes teremos a I Carreira Popular de Teis, que debuta este ano cun percorrido de 10 quilómetros. Haberá catro categorías diferentes segundo a idade do participante, que irán desde os 4€ ata os 10€ de inscripción.

A que non é unha debutante, nin moito menos, é a Vig-Bay, aínda que este ano estrea modalidade. Este 7 de abril teremos a oportunidade de facer a media maratón de sempre, de Vigo a Baiona, e por primeira vez unha maratón enteira de 42km, na que habería que volver á cidade olívica. Que se di pronto.

O 5 de maio terá lugar unha nova edición da Bomberos Race na zona da Etea, unha carreira de obstáculos (parte do circuito OCRA Galicia) na que atoparemos as categorías kids, popular e elite. Será de 7 quilómetros, con máis de 25 obstáculos e moi preto do mar. Ía ter lugar o 28 de abril, pero mudouse a data pola coincidencia coas próximas Eleccións Xerais.

Banner A Movidiña

A outra carreira de obstáculos da cidade será o Desafío Boot Camp, que terá lugar na praia de Samil o 6 de outubro. Nada en 2015, na actualidade é un dos eventos deportivos e de ocio máis importantes do norte da Península.

Outras carreiras con data confirmada son a Érguete e Corre o 31 de marzo, a Happy Go Running o 28 de abril, a Holi Life (antes Holi Run) o 12 de maio, a 10K Vigo-Samil o 19 de maio, a Nocturna de San Xoán o 23 de xuño, o Triatlón Desafío Islas Cíes o 22 de setembro,

Ademais, aínda quedan por coñecer as datas de moitas das carreiras do circuito Run Run Vigo, como por exemplo  a Carreira da Cereixa (27/05), Nocturna Correndo por Vigo (9/06), 10K do Berbés (16/9), Vigo Contra el Cáncer (21/10) ou a Vigo+11 (11/11), así como a Coruxo Móvese, a 24h de Castrelos ou a Media Maratón de Vigo.