REVISTA ABRIL

Gran chamamento a percorrer o Vigo queimado

A V Andaina polos montes de Vigo pretende bater récord de participantes e alcanzar os 1.500. A marcha, que terá lugar o domingo día 13, percorrerá parte dos montes queimados o pasado outubro para concienciar e pór en valor este ben natural.

O vindeiro 13 de maio os vigueses temos unha cita co monte. A V Andaina polos montes de Vigo propón catro percorridos de diferentes niveis, unha pequerruta e unha ruta adaptada para que todo o mundo participe nesta iniciativa que pretende concienciar sobre a necesidade de coidar os montes. A marcha, organizada por Montes de Vigo en colaboración coa Concellería de Medio Ambiente, aspira alcanzar os 1.500 participantes, e superar os 1.200 da pasada edición.

REVISTA ABRIL

A ruta está dividida en tres tramos e a organización propón 4 percorridos de diferente nivel para que cada un escolla en función do seu estado físico. O percorrido 1, consiste en facer a andaina completa que é a combinación dos tres tramos, cunha lonxitude de 39 Km é a opción máis exixente. Aqueles valentes que opten por esta vía sairán do IFEVI ás 8:15 da mañá e continuarán camiñando despois do xantar, un total dunhas nove horas. O segundo percorrido proposto é a combinación dos dous primeiros tramos, cun total de 31,7 km estímase que terá unha duración de sete horas e remate para a hora do xantar no Parque Forestal Monte dos Pozos. A terceira opción consiste en realizar só o segundo tramo, que ten unha lonxitude de 22,4 Km e parte da Área Recreativa do Pouso (Bembrive) ás 9:30 da mañá. A cuarta opción é un percorrido circular que parte e remata no Monte dos Pozos, cunha lonxitude de 7,3 Km que se salvarán en 2 horas e media. Por último, hai un tramo adaptado dentro do percorrido curto para persoas con mobilidade reducida e tamén unha pequerruta para aquelas familias con cativos pequenos que queiran participar.

Dende a Mancomunidade de montes fan un chamamento a cidadanía para que participen de forma masiva e deixen patenta a importancia que ten para todos o monte. De feito, gran parte do percorrido terá lugar polos montes onde máis impactou o lume, atravesando as comunidades de montes de Cabral, Bembrive, Beade, Zamáns, Valadares, Comesaña e Matamá. “Queremos que todo o mundo vexa o que aconteceu. Como en 6 horas o lume devorou o traballo que as comunidades de montes levan facendo por 25 ou 30 anos”, sinala Uxío González presidente de Montes de Vigo.

As inscricións para participar na actividade poden facerse ata o 11 de maio ao mediodía a través do 010 (986 810 260 dende móbil) ou a través do blog de Camiño a Camiño.

TRAMO

1

  • Percorrido: IFEVI – Parque Forestal de Cotogrande (Cabral) – Gorxal – Rotonda do Rebullón – Área Recreativa do Pouso (Bembrive)
  • Distancia: 9,3 quilómetros
  • Duración: 2 horas
  • Convocatoria: na Praza do Rei ás 7:00
  • Inicio estimado: 8:15 en IFEVI
  • Conecta co tramo 2

TRAMO

2

  • Percorrido: Área Recreativa do Pouso (Bembrive) – Aldea da Fraga (Bembrive) – Fonte de Friales (Beade) – Alto de Quintiáns (Beade) – Parque Forestal de Beade – Rotonda do CUVI – Montes de Sobreira (Valladares) – Polígono Industrial A Pasaxe – Monte Alba – Parque Forestal Monte dos Pozos
  • Distancia: 22,4 quilómetros
  • Duración: 5 horas
  • Convocatoria: na Praza do Rei ás 8:30
  • Inicio estimado: 9:30 en Área Recreativa do Pouso
  • Conecta co tramo 3

TRAMO

3

  • Percorrido: Parque Forestal Monte dos Pozos – Parque Forestal de Aguieira (Comesaña) – Antiga Incineradora – Parque Foresta do Maruxento (Matamá) – Parque Forestal Monte dos Pozos. Este tramo pode ser modificado en función do estado do terreo.
  • Distancia: 7,3 quilómetros
  • Duración: 2 horas
  • Convocatoria: no Parque Forestal de Beade ás 10:30
  • Inicio estimado: 11:30 no Parque Forestal do Monte dos Pozos