VIALIA
Encordass Fiddle Fest

O xénero move os marcos

O propio corpo pode ser unha ferramenta para a linguaxe artística. Se engadimos moita maquillaxe, plumas e purpurina, é probable que esteamos ante un espectáculo de transformismo, unha disciplina baseada na ilusión do xénero que colle pulo na nosa cidade.

Cristian de Samil

O transformismo non é unha novidade en Vigo, xa que varias xeracións compartimos un referente claro. Aínda que o seu apelido artístico está intrinsecamente ligado ao lugar coa praia máis famosa da nosa cidade, Cristian Gómez Juan naceu na vila alacantina de Elda e chegou a Galicia despois de coñecer o transformismo en Madrid aos 15 anos e xirar por varios municipios de España.

A parada na cidade da oliva estaba pensada para durar uns poucos días, pero a xefa do Hotel Samil viu o espectáculo de Cristian e contratouno ben pagado. Uns anos despois, o artista comprou o baixo do hotel e construíu nel o seu restaurante teatral. «Investín cincuenta millóns de pesetas en montar un dos locais máis bonitos de Europa», explica Cristian de Samil, que ergueu o pano do local cada semana durante 24 anos, ata o 2014. Fronte ao Hotel Samil había outro local no que tamén se facían espectáculos con drag queens, o restaurante Jonathan, rexentado pola particular empresaria da noite viguesa Karina Falagan.

Cristian sospeita que se lle quixo facer sombra a Karina coa súa fichaxe. E funcionou: a primeiros dos anos noventa, Cristian tiña unha gran sona en todo o país e estaba actuando na Televisión de Galicia. Foi o primeiro transformista en saír na canle autonómica e fixo máis de douscentos espectáculos no programa Luar, onde tiña unha sección na que interpretaba artistas falecidos, tanto homes como mulleres.

Cristian de Samil | P. Vázquez

Durante a entrevista para esta reportaxe, o artista viste roupa informal e moderna: un chándal gris, unha chaqueta bomber e unha gorra; ademais, asegura que nunca leva maquillaxe na rúa. Cristian afirma que unha das claves do seu éxito foi saber separar persoa e personaxe. «Convidábanme a festas esperando que aparecese con vestido e maquillaxe, pero nunca o fixen. Se me queres ver, vai ao teatro». A pesar de abrir camiño para as drag queens actuais, Cristian prefire ser chamado transformista.

As fronteiras entre ambos os dous termos son difusas, pero hai certo consenso en falar de transformismo para referirse ás imitacións de folclóricas e actrices populares de diferentes épocas, namentres que as drag adoitan servirse dunha personaxe ficticia de creación propia e son unha disciplina máis actual, popularizada no século XXI. «Para min tamén é un xeito de separar a época en que o faciamos todo nós, a partir da foto dunha revista e sen titoriais de YouTube», apunta Cristian, que considera que algúns artistas actuais, xurdidos a raíz do éxito de programas como RuPaul’s Drag Race, atenden moito á estética e traballan pouco o fondo do espectáculo.

Marinita y sus Maromas

Marinita y sus Maromas | Cedida

Edu Domínguez, membro da única compañía de teatro drag de Galicia, comezou a travestirse cando xa existía YouTube, pero tamén prefire ser chamado transformista. Coincide con Cristian de Samil en que este termo recolle mellor o seu traballo teatral. Ou mellor aínda: travestí, «porque supón confrontar o uso da palabra con sentido pexorativo e apropiarnos dela».

Con todo, cómpre lembrar que travestí é a persoa que adoita vestirse con roupas propias do sexo contrario, sen necesidade de facer diso unha expresión artística como si implican o drag ou o transformismo. Edu non fai imitacións. A súa personaxe é sempre a da artista de cabaré Marinita, que desde hai seis anos actúa con Roberto Casal, Nicolás Otero, Caroline Sanders e Leonor Sangabriel.

Marinita y sus Maromas | Cedida

Todos son actores e actrices con formación en diferentes disciplinas que utilizan o ilusionismo de xénero como unha ferramenta máis do seu traballo, pero a base é sempre a calidade musical e cómica da representación. Baixo o paraugas de Marinita y sus Maromas, este grupo de artistas enchen cada mes o Auditorio Municipal de Teis cun espectáculo de cabaré que cambia cada vez que soben ao escenario, pero sempre cunha base de baile, moito humor e voz ao vivo. «Temos o mellor público do mundo: señoras maiores do barrio, que desfrutan da posta en escena e mergúllanse en todo o que lles contamos».

Alén da calidade artística, esta compañía sempre procura un ton crítico, como explica Edu, que inclúe nos seus espectáculos críticas á homofobia ou ao machismo, e reivindicacións á liberdade corporal e sexual, e engade sobre isto: «Ás veces é algo sutil, pero sempre está e as señoras enténdeno perfectamente».

Gala Drag King

Grey Olivera | Cedida

Existe un rei para as raíñas de pestanas longas e as boas de plumas: o drag king, a arte performativa que xoga esaxerar a masculinidade. Por terceiro ano consecutivo, Vigo acolle a Gala Drag King, que nesta ocasión se transforma nun festival con actividades previas ao desfile principal. As datas previstas son que se celebra o 26 e o 27 de xullo.

Na organización atopámonos coa intérprete Grey Olivera, cuxa identidade en escena é Aymar Note, nacido durante a pandemia. Grey apenas tivera contacto previo co mundo drag, pero as poucas opcións de entretemento fixeron que asistise a unha clase online de maquillaxe na que coñeceu a Nicolás Otero, coñecido no sector como Nico Elsker, e empezaron a quedar a través da plataforma Zoom para maquillarse e ir puíndo os seus personaxes.

Os primeiros shows de Grey Olivera foron a través da plataforma Apocalíptica Drag Show, que promove o traballo dos artistas queer galegos. Grey fala moi agradecida do seu mentor: «Nico é un dos primeiros drag kings de España, e é moi famoso dentro e fóra de Galicia». Aymar significa casa en construción. Elixiu este nome artístico «porque resumía o proceso de construír e reconstruírse unha mesma, así como a sociedade». Para Grey, o movemento drag king é máis político que o  drag queen, e realiza un espectáculo crítico coa sociedade, co que quere facer reflexionar sobre temas como a discriminación, o fascismo ou o feminismo. 

Meiga-i 

Meiga-i | Cedida

A propia natureza do transformismo lanza unha mensaxe para cidadanía. «Toda a arte ten mensaxe. Eu comunico a miña liberdade e co meu espectáculo pretendo mover os marcos das ideas preconcibidas dalgunhas persoas», alega Javier Sánchez. Porén, resístese a falar de reivindicación. «Parece que todo o que facemos as persoas que saímos da hexemonía é reivindicativo, mesmo cando simplemente estamos vivindo a nosa normalidade».

Para Javier, o drag é unha ferramenta coa que crear posibilidades. «Non é vestirme de muller, é crear unha fantasía, un xogo e un pasatempo divertido», di o responsable baixo a pel de Meiga-i, a drag pandeireteira. «Tradicionalmente, as drags queens baseábanse en copleras andaluzas, e eu quixen facer o propio cunha muller galega».

Meiga-i | Cedida

Javier recoñece que sempre parte dunha posición de inferioridade á hora de presentar o seu espectáculo e vese na obriga de facer unha explicación previa ás súas exhibicións que resulta nun labor pedagóxico. Con todo, este mozo vigués é optimista co presente e afirma: «Estamos a vivir uns anos de moito movemento con iniciativas das que moi poucas cidades poden presumir», aínda que lamenta a pouca escoita que recibe o colectivo por parte das institucións. E sentencia: «Unicamente nos falta un local especializado, como o coruñés Claro, Boba!, pero estou seguro de que chegará».

Paula Cermeño
Redactora

REVISTA MAIO
The following two tabs change content below.

Paula Cermeño

Paula Cermeño é licenciada en xornalismo pola USC, pero a súa principal ocupación é viaxar. Mentres aforra para dar a volta ao mundo, traballa como redactora e xestora cultural. Gústanlle os libros, o audiovisual, o teatro e o rock and roll, por iso é doado avistala en moitos dos saraos vigueses.