REVISTA ABRIL

O Festival Nun Local demostra que Vigo se move pola cultura

En Vigo hai música, hai arte, hai danza, hai teatro, hai humor, hai creatividade. En definitiva, en Vigo hai un importante movemento cultural. Isto quedou patente ao longo das catro últimas xornadas, coa celebración do Festival Nun Local que encheu de cultura a cidade. Os vigueses responderon á chamada, demostrando que pola cultura eles tamén se moven.

O pase de diapositivas require JavaScript.

REVISTA ABRIL

Durante catro días a cultura foi protagonista nos barrios de Vigo, grazas ao Festival Nun Local. Un evento organizado por un grupo de vigueses unidos polo amor ao arte, no sentido máis estrito desta frase. Voluntarios que queren amosar a tódolos vigueses o que se está a cociñar no ámbito cultural olívico. Por iso, ao longo destas catro xornadas, levaron os espectáculos a todo tipo de locais. Trátase de achegar as artes escénicas aos veciños dos barrios, que puideron ver danza nunha garaxe, un extravagante concerto de piano nunha libraría, un concerto de punk-rock nunha queixería ou danza nun hotel.

O xoves o barrio escollido foi o de Churruca. Dende ás 20:30 ata as 23:00 houbo varios concertos de música, proxección das mellores curtas do festival Primavera do Cine, danza, poesía e humor. O venres lle tocou a quenda ao barrio de Casablanca e tamén aquí houbo unha combinación de tódalas artes nos diferentes locais. A resaltar, a exposición de Laura Cochón en La Rosa Negra espazo onde tamén tivo lugar a actuación de Son Trío ‘Miña Almiña’, poemas de Rosalía de Castro interpretados en voz, chelo e piano. Na fin de semana o festival volveu ao seu punto orixinario: O Casco Vello. Durante as xornadas do sábado e do domingo sucedéronse decenas de actuacións ao longo do día. O microteatro e o humor foron unha constante en locais como a Cervexería Nós, o Papo Cheo ou o Galo do Vento. Tamén soaron ritmos doutros mundos coas actuacións do angolano Alberto Mvundi, o senegalés Mbolo Mooye Doolé ou o portugués Rui Oliveira. A programación contaba con actuacións para os pequenos como o teatro para bebés no bar Sifón ou o teatro de papel xaponés de Juste Kamishibai na Fundación Laxeiro. Un dos eventos máis concorridos foi a a actuación de Os Meninos coa intervención do colectivo Os Niguéns na cafetería Cosmos na praza da Princesa. Por último o grupo Tardis foi o encargado de pechar a edición deste ano na Coctelería Sinatra.

A resposta do público foi moi positiva, ateigando tódalas actuacións, creando un ambiente moi respectuoso e animado. Todo un recoñecemento a este festival autofinanciado, que xa pensa nunha quinta edición aínda máis grande.