REVISTA ABRIL

“O Vigo que non sorrí” percorre a cidade concienciando aos vigueses

Neste inverno realizouse un moi interesante proxecto fotográfico e social que tivo repercusión nacional en diferentes medios, unha iniciativa que contou co apoio de organizacións sociais da cidade. O seu autor, Aaron Díez Pujales plasmou en fotografía a súa inquietude social como el afirma “vivimos nunha cidade fermosa pero onde hai demasiadas persoas que non poden disfrutala”.

Imaxe da mostra na Praza do Rei | Fernando Laconde

Fagamos un pouco de historia, “O vigo que non sorrí” é un título ben traído a modo de réplica a aquela exposición pendurada ao longo da rúa Abeleira –barrio alto- e Príncipe “O Vigo que sorrí” que se fixera no 2015. Unha boa exposición, positiva, que pretendía promover a cidade por medio do retrato dos veciños. Daquela, o seu autor, Javier Teniente, tiña a única tenda de fotografía de autor da cidade, nun precioso baixo dun dos moitos edificios rehabilitados do barrio alto que se recuperou nestes anos. Unha zona que quizais despois do pulo institucional, fáltalle a dinamización vital que principalmente debe traer á xente de Vigo. Agora, a Galería de J.Teniente, un proxecto persoal tan meritorio e que pasou os chamados peores anos da crise, xa non está. Atrévome a dicir que se é difícil emprender, máis o é manter un proxecto.

REVISTA ABRIL

O día da presentación de “O Vigo que non sorrí”, alá por Xaneiro, a pesares da chuvia, un grupo de vigueses comprometidos coa idea andaron coas fotos en alto dende o Paseo de Alfonso ata chegar ao museo Marco. Ao finalizar este acto simbólico tiven a oportunidade de coñecer ao autor e o movemento social. Gustoume o seu traballo fotográfico, tanto no seu contido como na súa forma, é dicir, o proceso creativo ao servizo dunha mensaxe. A elección da cor, a composición e formato das fotos dábanlle forza aos retratos e as historias que hai detrás. Un traballo redondo, na miña opinión de persoa apaixonada da fotografía, que lle gusta desgranar o que observa.

Fotografías en ton sepia que alternan o encadre vertical e horizontal, os retratos directos e os espazos da cidade protagonistas da vida dos retratados. Retratos de emoción contida que relatan unha historia por coñecer e que para min resaltan a dignidade das persoas protagonistas e dos espazos, anónimos algúns outros recoñecibles. Espazos dos barrios polos que camiñamos e que son parte da nosa historia, da nosa cidade.

Ao longo destes meses, esta exposición así como outras iniciativas relacionadas co proxecto fotográfico e a visibilización da pobreza están a ter lugar en diferentes centros e asociacións da cidade. Volvín ver a exposición na Asociación Veciñal do Casco Vello, pero onde máis me impresionou vela foi na praza do Rei, ao lado do concello, na acampada contra a pobreza, diante da panificadora, ese corpo esvelto inerte que a tantos vigueses nos gustaría que resucitara. É alí onde cobraba o seu significado pleno.

The following two tabs change content below.

Fernando Laconde

O fotógrafo Fernando Laconde, cursou psicoloxía en Santiago de Compostela onde comezou a formarse na súa paixón, a fotografía perfilándoa coma ferramenta pedagóxica e comunicativa. Na actualidade, traballa diversas temáticas fotográficas, dende fotografía arquitectónica e de interiores ao retrato e moda, pasando pola fotografía documental sobre o leste de Europa.