REVISTA FEBREIRO

O Celta e os murais, unha relación problemática: Lula Goce e Davida denuncian malas prácticas

Esta semana coñecimos que a muralista baionesa Lula Goce, cuxas obras lucen nalgúns dos muros da cidade, denunciou ao Real Club Celta por inclumplimento de contrato. A falta de saber como avanzan os litixios, resulta curioso que esta é a segunda vez que o club celeste fai algo similar, cando hai doce anos non recolleu nin pagou un mural feito polo artista local Davida.

Davida, co mural rematado, agardando a que o Celta vaia recollelo | Cedida

En marzo de 2022 coñeciamos algúns dos actos e actividades que o Celta tiña pensado levar a cabo para celebrar o centenario da fundación do club. Algúns sa´rion moi ben, como xa famoso himno de C. Tangana ou o cartel feito por Xosé Vizoso (falecido hai uns días). Pola contra, outros correron peor sorte: un documental que nunca se fixo, o libro colectivo 100 anos de Afouteza e Corazón que si se publicou pero non está á venda, un concerto de Leiva e Iván Ferreiro que non se celebrou (finalmente tivo lugar en Pontevedra, pero sen estar relacionado co Centenario), un acto o propio día do centenario (que foi a porta pechada) e, tamén, un gran mural a cargo de Lula Goce. Este último tampouco se levaría a cabo.

Lula Goce presentando o cartel do Festival de Cine Inclusivo de Vigo | P. Vázquez

A baionesa, de fama internacional, é ben coñecida na cidade, pois varios dos seus fermosos murais decoran os muros de Vigo. Esta semana Goce anunciou que demandou ao Celta por incumprimento de contrato, xa que hai un ano que o equipo vigués decidiu unilaterlamente cancelar o acordo por non atopar un muro axeitado para realizar a obra e non obter os permisos necesarios. O Celta, pola súa parte, defende que o contrato era verbal e non vinculante, malia ter anunciado en conferencia de prensa que a realización do mural ía levarse a cabo.

Un dos murais, agora desparecido, de Lula Goce en Vigo | Juan Teixeira

Alén de como remate esta batalla legal, non é a primeira vez que o Celta actúa deste xeito. De feito, doce anos atrás, o artista local Davida ofreceulle ao club facer un mural conmemorativo do noventa aniversario para situar nalgún muro exterior de Balaídos. O primeiro que chamou a súa atención foi que, malia ser unha grande empresa e militar na primeira división do fútbol español, o Celta deixoulle claro que non ían pagar polo traballo, “só en publicidade”. Esta frase, como saberán as persoas deste eido, é ben común nas profesións artísticas. Davida, guiado seguro polo seu celtismo, aceptou e púxose mans a obra.

O mural consistía nunha imaxe de 12,5 metros de ancho na que figuraban algúns dos xogadores máis representativos da historia do Celta (Pahiño, Vicente, Gudelj, Mostovoi…) e tamén canteiráns, como Borja Oubiña, Iago Aspas, Sergio Álvarez ou Hugo Mallo. Máis ou menos por aquelas datas comezaba a falarse da remodelación de Balaídos (que máis dunha década despois aínda segue vixente), polo que o mural non podería situarse no estadio. Davida ofreceu unha solución: facer o mural nuns taboleiros e anclalos nalgún lugar da cidade deportiva da Madroa. O Celta, de novo, aceptou.

Timelapse co proceso de elaboración do mural | Cedido

Tras tres semanas de traballo, nas que Davida alugou un espazo para poder traballar e contratou a un videógrafo para que recollese o proceso creativo, o mural estaba feito. O artista vigués contactou co Celta, pero só recibiu evasivas. Comezou así unha etapa que durou anos, na que Davida trataba de contactar co club, mesmo persoándose nas oficinas, e non recibía ningunha resposta satisfactoria: “Agora estamos moi liados, tes que entendelo, fala con nonseiquén…”, rememora. Unha década despois, coincidindo co Centenario, Davida conseguiu regalar o mural. “Falando con xente celtista dixéronme que non son o primeiro nin o último ao que lle sucede isto. O que pasa é que a xente non quere problemas co Celta e non protesta. Tes que ser como Lula, que xoga en Champions, para poñer unha denuncia“, conclúe.

The following two tabs change content below.

Pablo Vázquez

Xornalista cultural, fotógrafo e musiqueiro. E vigués. Director de tres documentais e coautor de Son da cidade. O libro da música viguesa do noso século.