VIALIA
PLAYDOC

Vladimir Gudelj: «Se algo define o Celta é a capacidade de sufrimento»

Naceu e viviu un cuarto de século en Bosnia, pero xa leva tres décadas aquí. Despois de todo, Vladimir Gudelj (Trebinje, 1966) é celtista e vigués. É un dos xogadores da historia do RC Celta máis queridos polos seus compañeiros e pola afección, coa que sempre se mostrou agradecido. Coñecido familiarmente como Vlado, é amable e tremendamente respectuoso na distancia curta, mais garda certa picaresca que fai que a risa sexa unha constante durante toda a conversa.

Fotos: Paula Cermeño

Cando empezaches a xogar ao fútbol?

No meu país, os nenos tiñamos moitas actividades extraescolares; con seis ou sete anos empecei a practicar todo tipo de deportes: atletismo, baloncesto, balonmán, natación… de todo. No meu barrio, cando non estabamos nesas actividades, todos os nenos xogabamos ao fútbol na rúa. A miña casa estaba ao carón dun estadio de fútbol e eu era moi amigo dos fillos do utileiro que, a cambio de que limpásemos as botas dos xogadores e fixeramos outros traballos, deixábanos xogar naquel campo de herba no que xogaba un equipo de Segunda. Cando eu tiña 12 anos, viñeron ao colexio para facer unha selección e escolléronme para xogar ao fútbol e a partir de aí foi todo moi rápido: aos 16 anos entrei a xogar en Segunda División.

E a ti o do fútbol gustábache?

Encantábame. O único sitio no que me sinto feliz e contento é no terreo de xogo, en pantalón curto e camiseta, ata o día de hoxe.

E con 12 anos xa tiñas claro que te ías dedicar ao fútbol?

Nin de broma! Eu non son un deses soñadores… Simplemente desfrutaba moito no campo, pero non tiña pretensións de ser unha grande estrela nin moito menos; chegábame con adestrar e xogar cos amigos.

Como chegaches ao Celta?

Primeiro xoguei nun equipo da Segunda División da antiga Iugoslovia, alí botei un ano e medio e logo xa marchei a un equipo da Primeira, onde botei seis anos. En 1991 chamoume un intermediario e díxome que tiña unha oferta do Celta. Aquí xogaba un paisano meu, Goran Jurić, que me falou marabillas de Vigo e non me custou decidirme, foi dun día para outro.

Cal é o primeiro recordo que tes de Vigo?

O primeiro recordo é impresionante. Cheguei en avión a primeiros de xullo e lembro que facía moitísima calor. Foron recollerme ao aeroporto e baixando no coche vin o panorama da ría e da cidade e alucinei. Logo fomos a Samil ás doce do mediodía e estaba ateigada de xente. De alí fomos comer ao restaurante Puesto Piloto, en Alcabre, e a xente coa que ía pediu marisco. Como eu non sabía que era aquilo e non era capaz de comelo, pedíronme un filete nun bar do lado. Un tempo despois atrevinme co marisco, entón volvín ao restaurante e díxenlle que me puxeran o que non me comera daquela, porque quería probalo todo. Estaba boísimo!

Teño entendido que non viñas coa idea de quedar todo este tempo?

A verdade é que non. Asinei un contrato de tres anos e pensaba volver ao meu país despois, pero en 1992 comezou a guerra de Bosnia e a situación non estaba para volver alí. Fóronme saíndo ben as cousas por aquí, fun firmando un contrato tras outro, tiven as miñas fillas… e xa quedei aquí.

Como viviches a guerra de Bosnia desde aquí?

Mal. Iso non llo desexo a ninguén. Sufro vendo as imaxes da guerra de Rusia en Ucraína e as guerras doutras partes do mundo: África, Asia… Penso que unha guerra é o peor que pode pasar. Eu alí tiña a miña casa, os meus pais, os meus amigos e de repente todo estaba revolto, porque ademais neste caso tratábase dunha guerra civil e matábanse entre veciños… Todo iso é moi duro. Estiven moito tempo sen poder comunicarme cos meus pais, entre 1992 e 1996 case non era posible ir alí. Fun en 1994 porque morreu miña nai; tiven que ir por Budapest e logo facer unha longa viaxe en coche. Era moi complicado chegar á casa e logo tamén era complicado saír, porque todos os homes dos 18 aos 55 anos estaban obrigados a ir á guerra. O ambiente alí era moi triste: os homes de uniforme, as mulleres de loito polos familiares perdidos…

Entraches no Celta para arrasar: nesa primeira temporada marcaches 27 goles e xogaches un papel decisivo no ascenso do club, que daquela estaba en Segunda División. Como o recordas?

Nos primeiros cinco partidos creo que metín oito goles; eu era o primeiro sorprendido. Calquera balón que me chegaba entraba na portería, e non o podía crer. Esta carta de presentación foi moi importante para min. Tiven a boa sorte de estar nun momento ascendente, despois de subir e conseguir manternos, tamén xogamos a final da Copa do Rei, clasificámonos para xogar a UEFA. Pasamos de xogar por vilas pequenas a xogar contra equipos coma o Liverpool ou o Olympique de Marsella.

Cal é a mellor lembranza que tes das oito temporadas que botaches xogando no Celta?

Moita xente recorda os partidos, os goles… Sendo sincero, eu quedo con todo o que vivín arredor do partido. Quedo coas vivencias, co día a día.

Pero tamén houbo momentos inesquecibles no campo como aquel último partido da Liga, 22 de xuño de 1997, no que o Celta xogaba a permanencia contra o Real Madrid e ti anotaches tres goles.

Si, foi un pouco parecido ao partido que vivimos este final de temporada contra o Barcelona: o último partido da liga xogando contra o primeiro clasificado, no que non hai máis opción que saír a gañar. Daquela todo Vigo estaba implicado con nós e eu tiven a sorte de que me saíu todo ben. Foi un partido que a xente me leva recordado moito.

Que pasa co Celta, que parece que sempre ten que esperar ata o último momento?

Se hai algún termo para definir o Celta, eu penso que sería a capacidade de sufrimento. Cando parece que todo vai ben, algo se torce, pero é verdade que ao final sacamos ese amor propio, ese orgullo, e acabámonos salvando. Penso que é algo propio do carácter galego: cando chega o momento de pelexar e sacar algo adiante, aí sácase a auténtica forza para logralo.

Pero bótase en falta esa forza en partidos importantes, coma nos que houbo ocasión de gañar algún título.

Tivemos tres oportunidades de gañar a Copa do Rei: en 1948, en 1994 e en 2001, e perdemos as tres. Na Champions tampouco saíron as cousas ben. Eu penso que esta cidade necesita que o Celta gañe un título. Non é fácil, porque o Celta non ten a capacidade económica que teñen outros. Para poder competir con eses equipos, hai que facer un investimento enorme; cando se fixo tal cousa, despois houbo que afrontar unha débeda de cen millóns de euros. O Deportivo si que gañou algún título, pero mira agora onde está… Nestes momentos somos un dos clubs máis rendibles do mundo, e iso tamén o hai que valorar.

Con eses clubs que moven moitísimos máis cartos é moi complicado pensar que o Celta poida competir con eles. Non che parece inxusto como funciona o fútbol?

O fútbol está montado así. Equipos grandes coma o Bayern de Múnic, o Fútbol Club Barcelona, o Manchester City, o Real Madrid ou o Paris Saint-Germain viven noutro mundo; fan investimentos moi grandes e hai empresas que os apoian. É moi complicado que un equipo que non sexa o Atlético de Madrid, o Fútbol Club Barcelona ou o Real Madrid gañe a Liga. Nas últimas décadas conseguírono o Dépor e o Valencia, e mira como lles foi. Pero á xente gústalle xustamente iso, que un equipo pequeno consiga vencer un grande. É imposible que todos sexamos coma o Madrid.

E onde queda a deportividade?

Penso que hai un xogo xusto, hai unhas normas que se cumpren. O que acontece no fútbol vai parello ao que acontece na sociedade, non podes comparar como funcionaban as empresa hai anos a como funcionan hoxe; algo parecido é o que pasa co fútbol.

Adestradores, compañeiros e afección, todo o mundo ten moi boa opinión de ti, seica te ficheches querer!

Non sei! É certo que veño dunha familia con moitísimos valores: educación, respecto… Tamén eu era bastante de andar pola rúa, coñecía a todo o mundo, era moi sociable… Pode que todo influíse, pero falar dun mesmo é moi complicado.

E de que compañeiro gardas especial recordo?

En principio, de todos os que eran do meu país, polo idioma e pola cultura, pero tamén de moitos compañeiros de aquí. Da miña quinta, por exemplo, Merino, Mostovoi, Patxi Salinas, Sánchez… Eu non teño inimigos, polo menos pola miña parte, porque enfadarse non serve de nada.

A despedida do equipo foi un pouco fea contigo, non che parece?

Os xogadores con certa traxectoria nun equipo quizais esperamos máis claridade. Eu sóubeno por casualidade. O presidente daquela era Horacio Gómez, que dixo que quería que eu quedase. De feito, tiña un ano de contrato a máis. Pero o adestrador xa fichara outros dous xogadores para a mesma posición e eu non me sentín apoiado. Cando non te sentes feliz nun sitio, o mellor é marchar. Fun para o Compostela, onde botei dous anos. Alí coincidín con xogadores que estaban en Vigo cando cheguei, como Fabián ou Nacho, e tamén o pasamos ben alí.

Cal sería o teu once ideal da historia do Celta?

Isto é moi subxectivo. Nun século de historia, pasaron polo Celta moitos xogadores, e é importante ter memoria e mirar para atrás e acordarse de futbolistas como Hermidita, Las Heras, Nolete, Pahíño… Si que penso que Iago Aspas merecería estar nese once ideal, por todo o que lle leva dado ao club.

Que ten Iago de especial?

Carácter e calidade. En 2008 debutou cun gol que nos salvou de baixar á Terceira, logo mantívonos en Primeira División, vendémolo ao Liverpool para gañar diñeiro con el, logo volveu e outra vez nos salvou…

E ti es un dos xogadores históricos máis queridos entre a afección, mesmo hai un par de peñas que levan o teu nome. Como se pode ser tan amable?

Os xogadores son referencia para moita xente nova e inflúen na forma de ser e de actuar na vida, polo que debemos ser exemplares. Non é bo que unha referencia dun rapaz novo non sexa un exemplo no trato cos nenos ou que sexa desagradable coa xente.

O pasado 4 de xuño a afección volveuse implocar co Celta fronte ao Barça para loitar pola permanencia en Primeira. Lembras algo así?

A semifinal da Copa do Rei no ano que perdemos contra o Tenerife. O primeiro partido gañamos por 3 a 0, despois de tantos anos sen chegar a unha final. Aterramos en Peinador ás catro da madrugada e a xente rompera a rede e entrara na pista de aterraxe. Non eramos capaces de saír do avión, cheguei a casa ás oito da mañá. Era imposible pensar como estaba aquel aeroporto un mércores a esas horas da madrugada. E a final tamén foi alucinante, con máis de 25.000 persoas que se desprazaron desde Vigo.

A afección céltica é potente.

É a mellor afección do mundo nos momentos máis difíciles. Quizais non é a máis numerosa, poida que non teña tantos seareiros coma Betis, o Bilbao ou o Sevilla, pero os que están aí, están co equipo ata a morte. Cando saen as cousas ben e tamén cando saen mal. Sobre todo cando saen mal.

Con máis dez anos como delegado do club, cal é a túa función nese posto?

A miña función é, sobre todo, facer que os xogadores se sintan ben. Desde fóra parece que non, pero é moito traballo. Eu pensaba que era cousa de levantar o marcador facer cambios e xa está, pero en realidade implica moito traballo de organización, viaxes, estar moito cos xogadores…

Como pensas que cambiou o fútbol nos últimos trinta anos?

Cambiou moitísimo. Sobre todo nos últimos dez ou quince anos, por causa da tecnoloxía. Agora o fútbol é moi ríxido. O setenta por cento do rendemento do equipo depende do adestrador, e antes era cousa dos xogadores. A día de hoxe é moi difícil fichar, porque todos os xogadores son moi parecidos, cada equipo ten dous ou tres xogadores que son uns fenómenos, pero o resto son moi parecidos.

Por que?

Penso que moita culpa a teñen os adestradores, pola dependencia dos sistemas, todo funciona por automatismos. Os xogadores están fisicamente moito máis preparados, pero a forma de xogar é moi parecida.

É máis aburrido o fútbol de agora que o de antes?

Penso que agora inflúe moito a estratexia, hai moitos goles estratéxicos que nun par de xogadas deciden un partido enteiro.

Desde que ti traballas como delegado no club, que adestrador destacarías?

Aínda que non estivo máis dun ano, Luis Enrique deixou unha boa pegada. Viñamos de salvarnos ao final de temporada, e chegou el e cambiou o chip. Custoulle un pouco, pero fixo un equipo competitivo.

Que che parece a fichaxe de Rafa Benítez?

REVISTA ABRIL

Dos adestradores que pasaron por aquí, paréceme que Rafa é, con diferenza, o adestrador con mellor traxectoria. Penso que nunca tivemos un adestrador destas características así que creo que a aposta ten que saír ben.

Este é o ano do centenario…

Polo equipo pasamos moitos xogadores, técnicos e directivos, pero os seareiros sempre están aí. O celtismo vai pasando de xeración en xeración. O centenario é unha festa para a afección.

The following two tabs change content below.
Xornalista por vocación. Marchou a Londres estudar un master en Xornalismo Internacional e tras traballar varios anos en Barcelona nunha Asociación sen ánimo de lucro, decide volver ao seu Vigo natal. Na actualidade é unha das creadoras deste proxecto. O que lle permite desenvolver unha das tarefas polas que sinte maior paixón: contar historias relacionadas coa cultura e a movida da súa ben querida cidade olívica.