O pódcast Histérikas Histórikas despídese con tres episodios xunto a Mercedes Peón e SÉS
O pódcast Histérikas Histórikas, conducido por Priscila Retamozo, di adeus a tres anos “nas ondas” . Os últimos programas serán en xaneiro, febreiro e marzo e contarán con Mercedes Peón e Sés como convidadas de luxo. Para non quedar sen sitio, o equipo pon á venda o Carné de Histérika Histórika que ademais inclúe unha pequena sorpresa.
Hai tres anos o síndrome da impostora (“ese que sufrimos as mulleres sempre que se nos presenta unha oportunidade”) case nos deixa sen un dos pódcast máis relevantes en Vigo dos últimos anos. O produtor Franco Tedesco propúxolle a Priscila Retamozo conducir un programa no que dar voz a proxectos da cidade desde unha perspectiva feminista. Tras insistir varias veces, a politóloga aceptou e no verán de 2021 naceu Histérikas Histórikas, un pódcast gravado en directo no que Retamozo está acompañada nos micrófonos pola técnica de igualdade Amara Pérez e a ilustradora Lucía Salgueiro.
Primeiro no Café Uf e despois no local de A Morada, por este pódcast pasaron todo tipo de “proxectos da xente do barrio”. E por barrio, Priscila refírese a todo Vigo e parte do estranxeiro, nun afán de facer próximo todo o que paga a pena. O obxectivo era poñer en valor todo o que se fai na cidade. As activistas antigordofobia de Outro Conto, a cooperativa de cultura e coidados A Morada, a compañía de teatro A Panadaría, a activista pola abolición da prostitución Amelia Tiganus ou as cantantes Su Garrido e Sara Hebe foron algunhas da súas ilustres convidadas. Tamén se achegou ao micro de Histérikas Histórikas Tamara Novoa, editora de A Movida, para falar de cultura viguesa. Aquí podedes ver e escoitar o programa.
Ao longo destes tres anos, crearon un espazo de coidados no que con pausa, moito humor e perspectiva feminista falaron de case todo: dos propios coidados, de urbanismo, de ecoloxía, de arte, literatura e de ferramentas para afrontar situacións de machismo. “Falamos de temas serios desde a frescura, transformando en moitos momentos a raiba en risa. Fixemos moito aquelarre”, resume a presentadora. De todo o vivido, Priscila Retamozo quédase con “ser capaz de facelo posible e que non quedase nun soño máis”.Síntese orgullosa de ter amosado que “é posible mover á cultura desta cidade sen ningún tipo de apoio; imaxina o que poderiamos facer de contar con el”.
Hai uns días anunciaron a través da súa conta de Instagram que o programa chegaba ao seu fin. O motivo está nos compromisos laborais e persoais dos membros do equipo, que fan complicado continuar un programa que realizan de xeito altruísta entre dez persoas. A cuarta tempada contará con tres capítulos de despedida nos que participarán Mercedes Peón e Sés como convidadas o 12 de xaneiro e 2 de febreiro, respectivamente. O 1 de marzo as protagonistas serán elas mesmas: Priscila, Amara e Lucía.
Para este colofón, acaban de lanzar o Carné de Histérika Histórika, un documento físico que, ademais de servir como souvenir do pódcast, garante ter asento nos programas de despedida e unha recompensa sorpresa. Está impreso por Dixtinta e pode adquirirse por 25,00 € enchendo este formulario, que irán destinados a sufragar os gastos das convidadas.
Paula Cermeño
Últimos posts de Paula Cermeño (ver todos)
- A quen queres ver en Castrelos en 2025? - 22 Novembro, 2024
- Beldade: cociña de autora en Tui - 22 Novembro, 2024
- Stoned at Pompeii, Compañía Ártika e Fran Sieira esta fin de semana en Vigo - 21 Novembro, 2024
- Batalla de bocatas en As Cunchas: ‘Friends’ ou ‘The Bear’? - 20 Novembro, 2024
- Sukha Funk evoluciona: máis vegano e a domicilio - 18 Novembro, 2024