REVISTA ABRIL

Viva Suecia estará no Barbeira Season Fest xunto a outras 15 bandas de indie

O Barbeira Season Fest celebra a súa terceira edición os días 28 e 29 de agosto na contorna da praia Barbeira, en Baiona.  A última sorpresa é a presenza dos murcianos Viva Suecia, unha das bandas máis representativas do indie a nivel nacional, que se unen a un cartel que xa conta con grupos como Ladilla Rusa, Confeti de odio, Basanta ou Mujeres. A falta de anunciar a última banda da programación, os abonos do festival xa están á venta.

REVISTA ABRIL
A banda murciana Viva Suecia

A organización do  Barbeira  Season  Fest continúa anunciando os grupos que van conformando o cartel da súa terceira edición, que se celebrará en Baiona os días 28 e 29 de agosto. A última sorpresa é a presenza dos murcianos Viva Suecia, unha das bandas máis representativas do indie a nivel nacional. Viva Suecia é unha banda formada por Rafa Val (voz e guitarra), Jess Fabric (baixo), Alberto Cantúa (guitarra) e Fernando Campillo (batería), que se uniron a finais do 2013 e acadaron éxito nas radios e os escenarios en tempo record co seu pop con tintes de shoegaze. A día de hoxe teñen editado un EP con cinco temas, Viva Suecia (2014), e tres álbumes: La fuerza mayor (2016), Otros principios fundamentales (2017) e El milagro (2019).

Ladilla Rusa, Confeti de odio, Mujeres, Basanta, Tronco,  Laborde, Os Marcianos, Aiko O Grupo, Carlota, Malamute, Chef Creador, Marcelo Criminal, Valdivia e A Claridade son os grupos que, xunto a Viva Suecia, conforman, polo agora, o cartel deste ano. A organización asegura que aínda queda unha última confirmación “que remataría por redondear a proposta”. A proposta do Barbeira Season Fest inclúe, ademáis de música indie emerxente, unha aposta pola oferta gastronómica e un compromiso co entorno baixo a filosofía de “plástico 0”.

Os abonos para vivir a “experiencia Season” completa son limitados e xa están á venda na web do festival e na A Taquilla. A organización só contempla o abono completo polo de agora xa que por aforo limitado non poñerán entradas para días soltos.