Augusta

Dixtinta, deixando marca no barrio

Desde o seu local en Coia María e Itziar levan meses demostrando que unha imprenta pode ser un negocio conectado coas necesidades e actividades da cidadanía. En Dixtinta combinan un amplo abano de servizos con maquinaria de alta gama, atención cercana e activismo.

Itziar e María no seu local | Foto: Paula Cermeño

Desde xuño do ano pasado, María e Itziar son socias de Dixtinta, unha imprenta dixital situada no barrio de Coia, do que son oriúndas. Aquí realizan todo tipo de traballos de impresión; algúns dos máis demandados son a papelería corporativa, os vinilos para escaparates ou as lonas publicitarias, así como a impresión de fotografías en pequeno ou gran formato. Tamén realizan estampaxe en bolsas, camisetas ou gorras, tanto para particulares como para regalos corporativos.

Banner A Movidiña

«Temos un obradoiro pequeno, pero moi versátil», resume María, que xa tiña experiencia en artes gráficas antes de decidirse a emprender. Alén de tan amplo abano de servizos, incide na atención personalizada que ofrecen, buscando solucións para se achegar á idea inicial do cliente, o que supón unha vantaxe competitiva importante respecto ás imprentas online. Na parte de atrás do local atopamos un gran plotter de sete tintas, capaz de acadar unha calidade moi superior e cores máis vibrantes que as tradicionais máquinas de catro tintas; tamén pode imprimir en tinta branca, algo de grande utilidade na vinilaxe de cristais.

Tamén contan cun láser co que realizan traballos de corte, cruño e gravación de pezas de madeira, metal ou metacrilato; con esta máquina pódense cortar e gravar chaveiros metálicos, realizar letreiros de metacrilato con relevo, ou pirogravar en madeira. Con todos os detalles e realizada en madeira, a máscara de Merdeiro que loce no escaparate é un bo exemplo desta técnica.

A proximidade e o carácter de barrio é parte da filosofía do negocio. Nun primeiro momento, ambas as dúas emprendedoras fixeron o esforzo de presentarse a cada negocio veciño e agora recollen os froitos daquel traballo. «Non nos queremos limitar a traballar entre as nosas catro paredes, senón formar parte da veciñanza e mesmo mellorala no que poidamos», expresa Itziar. Nesta liña, colaboran co podcast vigués Radio Manoplas, primeiro axudando co deseño e agora facéndose punto de venda dos pasaportes da República Independente de Coia que expende a entidade radiofónica e acaban de pechar o patrocinio con outro podcast, Histéricas Históricas, que inclúe a estampaxe de camisetas dese proxecto feminista.

The following two tabs change content below.

Paula Cermeño

Paula Cermeño é licenciada en xornalismo pola USC, pero a súa principal ocupación é viaxar. Mentres aforra para dar a volta ao mundo, traballa como redactora e xestora cultural. Gústanlle os libros, o audiovisual, o teatro e o rock and roll, por iso é doado avistala en moitos dos saraos vigueses.
X