CAMELIAS MASCOTAS

O historiador Antonio Giráldez presenta a súa novela sobre a peste no Vigo de 1589

Antonio Giráldez é unha das voces autorizadas á hora de falar da historia da nosa cidade. Profesor de instituto, historiador, escritor e membro fundador do Instituto de Estudos Vigueses, este mes lanzou a súa primeira novela de carácter histórico, 1598: La peste en Vigo. Un libro, publicado pola Editorial Elvira, que afonda nos motivos que levaron a unha enorme redución demográfica a finais do século XVI, todo isto narrado desde a voz do prior da Colexiata, Gregorio Servido. Podes mercar aquí o teu exemplar.

Antonio Giráldez posando co seu libro diante da Igrexa dos Picos, preto do Calvario | P. Vázquez

Cando nace a túa curiosidade polo tema da peste na nosa cidade?

No verán do 2019 participei no concurso que convoca a Editorial Elvira chamado Vigo Histórico e daquela o meu pequeno relato titulábase Diario dun prior. Foi publicado, pero eu xa desde un ano antes levaba estudando as circunstancias tan terribles que vivira Vigo a finais do século XVI. E digo terribles porque unha era a peste, pero tamén os anos de fame polas malas colleitas e a pouca pesca e a guerra contra o corsario inglés Francis Drake no 1589. Son anos de fame, de guerra e de peste, que afectaron demograficamente a Vigo e á súa integridade. Interesábame moito esa sociedade e púxenme a investigar.

Por que decides facer unha novela en lugar dun ensaio histórico, como vén sendo habitual na túa bibliografía?

Eu penso que a porta de entrada á historia pode ser máis ampla se entras con máis xente, e é indudable que hai máis persoas que len novela que ensaio. Desta maneira, nesta viaxe ao pasado metín na mochila non só as ferramentas de historiador, senón tamén as que serven para facer unha trama literaria e chegar a un público máis amplo.

Cando te cruzas por primeira vez con Gregorio Servido, o prior da Colexiata, e como decides que sexa el o cronista daquela época e o protagonista do libro?

Para min escribir e investigar historia é como un crebacabezas. Precisas pezas, e as primeiras foron dous textos que atopei no Arquivo Diocesano de Tui, e ambos asinados por Gregorio Servido. O primeiro era un informe que o prior fixo para a Inquisición sobre os danos que causara Francis Drake en Vigo en 1589. Nove anos despois, este mesmo home tamén asina outro documento que vén sendo a acta pola que os clérigos da Colexiata van abandonar a vila polo brote da peste, salvo un que fica para realizar os últimos auxilios espirituais a aqueles que van morrer. Eu xa tiña a un home que era un cronista de feitos lutuosos como o ataque de Drake ou a peste.

Barallaches outras opcións?

Atopeime con outros personaxes como o capitán Gregorio Pazos Figueroa, que dirixiu unha milicia viguesa de máis de 90 homes contra o corsario inglés, ou o Conde de Gondomar, Diego Sarmiento de Acuña, que tamén acude con tropas desde Baiona. Ambos poderían ser os protagonistas, pero escollín a Servido porque estaba ao cargo da igrexa da parroquia máis vella de Vigo, a de Santa María. Tiña que coñecer moi ben aos seus feligreses. Eu o imaxino paseando polas rúas do Vigo do século XVI e saíndo ao encontro dos veciños, preguntándolles polas súas vidas, e iso xa forma parte da trama literaria.

Foi doado atopar información e arquivos daquela época?

Máis que doado ou non, foi divertido. Os arquivos son unha viaxe ao pasado. Ás veces botas varios días para atopar pouco ou nada, pero a satisfacción que tes cando levas varios días no Arquivo Diocesano de Tui, no Histórico de Pontevedra, na Biblioteca Franciscana de Santiago, no Municipal de Vigo ou no Arquivo do Reino de Galicia na Coruña e atopas un documento que paga a pena é enorme. Eu estaba no arquivo da Coruña e atopei un auténtico atestado policial. Daquelas eran alguacís, pero para nós serían policías locais. Resulta que os de Vigo levaban a peste a Cangas e formouse un alboroto no que teñen que intervir os alguacís. Os de Cangas pelexan contra os de Vigo porque non lles queren deixar entrar; e os de Vigo pelexan contra os de Cangas porque queren entrar. Son documentos que dan fe do medo que tiña a xente e das ganas de fuxir da vila. É un documento único.

Comezaches a pensar e escribir esta historia antes da chegada do coronavirus, pero finalmente decides engadir esta parte de actualidade no teu relato. Por que?

Dicía John Lennon que a vida e iso que pasa mentres ti fas outros plans. É certo que eu non tiña pensado facer nada co coronavirus, aínda que tampouco sei se o coronavirus tiña pensado facer algo con nós. O caso é que se cruzou nas nosas vidas. O que me parece incrible é que eu estaba sobrecollido co que acontecía en Vigo no s.XVI, onde o propio alcalde de Vigo (daquelas xuíz) recomendaba separarnos uns dos outros, como actualmente coa famosa distancia social (que en realidade é distancia física). O alcalde ordeaba pechar os mercados, que eran prazas abertas, para que non se concentre a xente. Igual que agora co peche da hostalería. Por último dicía que a xente afectada pola peste debía facer cuarentena nas súas casas, que se marcaban cunha cruz branca na porta. Hoxe isto último non o facemos, pero hai rastreadores. Parecíame incrible que 422 anos despois os remedios contra unha epidemia foran tan semellantes. Cheguei a pensar que o coronavirus era a peste do 2020. O relato ten un pé no pasado e outro no presente, e este tiña que ser co coronavirus.

O protagonista desa parte actual do relato amósase moi interesado no avance da covid polo mundo, por España e por Galicia e Vigo. Canto de ti hai nese personaxe?

Un sempre pon algo seu nos personaxes que escolle, pero non pretendín que ningún, sobre todo os históricos, tivera ningunha relación comigo. É evidente que ese investigador que pescuda o que está a suceder en China e despois en Europa ten algo de min, xa que eu tamén o fixen. Pero tamén do que outra xente me dixo ou do que eu lin nos medios de información e en internet. Hoxe en día para investigar non só hai que ter en conta os arquivos, tamén a exploración na rede. Para o libro consultei arquivos dixitalizados da Biblioteca do Palacio Real de Madrid na miña casa.

Como profesor de instituto, a que pensas que se debe o descoñecemento xeral que temos sobre a historia da nosa propia cidade? Que habería que cambiar?

Habería que incluíla nos plans de estudo. Hoxe en día a materia que máis se asemella á que podería incluír a historia da túa propia cidade e da túa propia autonomía é Historia de España, pero é un programa moi amplo que vai desde a prehistoria ata a Transición á democracia con só tres horas á semana. Non podes facer grandes marabillas porque os rapaces teñen que preparar os exames de acceso á universidade onde se lles pregunta por todo, e van con pouco tempo para preparar un temario tan amplo. Eu, na medida do posible, incorporo nas clases unha pequena cuña da historia de Vigo, pero sei que hai moitos problemas para facelo porque son poucas horas.

Cales son para ti fitos históricos máis importantes da historia de Vigo?

REVISTA NOVEMBRO

Tes que pensar que Vigo naceu como unha vila mariñeira, polo que todo o que teña que ver co mar foi moi importante. Por exemplo, eu sinalaría a creación do lazareto na illa de San Simón, que ten que ver co que falabamos das cuarentenas. O feito de que en España, en 1842, só houbera dous lugares para que os barcos que levasen xente con enfermidades infecciosas puidesen pasar uns días en cuarentena antes de desembarcar en algún porto, un en Menorca e o outro en Vigo, multiplicou as liñas marítimas no porto de Vigo.

Ao estar preto do mar e ao non ter murallas, Vigo estivo exposta aos ataques dos turcos no s.XVII, dos ingleses no s.XVI e XVIII ou o temor que tiñamos dunha invasión portuguesa. O feito de que finalmente se construísen a mediados do século XVII as murallas de Vigo, os castelos do Castro e onde hoxe está o Concello, foi moi relevante porque evitou que os portugueses non atacaran. Relacionado con isto, 200 anos despois a cidade medra e tiramos as murallas, ensanchando Vigo cara o leste.

Por último, Vigo xa non é aquela parroquia medieval de Santa María, senón unha asociación de Concellos. Hoxe sería Vigo + Bouzas + Lavadores. A absorción da vila mariñeira de Bouzas en 1904 e de Lavadores, terra de labregos que completaban o seu xornal nos asteleiros ou conserveiras de Vigo, vai completar a radiografía do Vigo actual. Cando o tranvía bota a andar en 1914 fai realidade esa unificación porque as liñas comunican un lugar con outro.

The following two tabs change content below.

Pablo Vázquez

Graduado en Comunicación Audiovisual pola Universidade de Vigo, é un apaixoado do cine, da música e da fotografía. É director dos documentais 'O profesor', 'The Death: el reencuentro' e 'Cuna de músicos', ademais de coautor do libro 'Son da cidade', o que lle fixo coñecer aínda máis a escena musical viguesa. Ten traballado con distintos grupos e salas da cidade, ademais de participar nos últimos anos como Xurado Novo nos festivais de cine de San Sebastián e Novos Cinemas.