O Paseo de Cuba – A Movida
bannerRevistaOnline

O Paseo de Cuba

Da Habana chegou un barco cargado de… Deste xeito comezaba un xogo da miña infancia, no que debía levar a conta de todo o que podía vir nun barco, lembrando sempre o que xa dixeran os compañeiros de xogo e engadindo eu outra mercadoría máis.

Da Habana viñeron á nosa cidade tres vigueses de adopción que hoxe honran o noso rueiro. Ningún deles naceu en Vigo. Cada un era fillo dunha provincia galega, fixeron fortuna en Cuba e os tres acabaron identificándose coa nosa cidade e deixando a súa pegada nela. Hoxe endía levan o seu nome tres rúas que ben poderían ser unha soa, o paseo de Cuba: de Policarpo Sanz a Sanjurjo Badía, pasando por García Barbón.

Comezamos o noso paseo polo que naceu na provincia de Pontevedra, concretamente en Marín, José Policarpo Sanz. Man dereita dun rico banqueiro cubano, casou con Irene Ceballos, filla dun importante home de negocios, Juan Ceballos. Precisamente o centro de ensino que se construíu con parte da fortuna que Policarpo Sanz legoua Vigo se chama como a santa á que fai homenaxe a súa dona: o IES Santa Irene. Outro legado non menos importante para Vigo que este instituto foi a súa colección de pinturas, base da pinacoteca do Museo de Castrelos.O seu enterro en Vigo o 31 de agosto de 1891 foi  unha das maiores manifestacións de duelo que se lembran en Vigo. Daquela, a comitiva fúnebre pasaba pola rúa que hoxe leva o seu nome.

En 1984, despois de facer fortuna en Cuba e botar dez anos no seu Verín natal, José García Barbón chega a Vigo. Probablemente el fose o maior benfeitor da nosa cidade. En 1900construíu e acabou doando a Escola de Artes e Oficios, pensada para ensinar aos obreiros da cidade e, despois do incendio en 1910 do Teatro Rosalía de Castro, as súas sobriñas inauguraron un novo teatro en 1927 co nome do seu tío,o Teatro García Barbón, legado que ás veces esquecemos ao cambiar tantas veces de nome o edificio (hoxe chamado Teatro Afundación).

O outro persoeiro do noso paseo cubano, Antonio Sanjurjo Badía, naceu en Sada e,despois de marchar con 17 anos a Cuba, chegou a Vigo con 22 anos e fundou en 1863 La Industriosa, un obradoiro de fundición no que arranxaba as máquinas de vapor que ancoraban en Vigo e no que se construíu a primeira caldeira de vapor feita en Galicia, ademais de inventar unha boia lanzatorpedos (hoxe situada Museo do Mar de Galicia) para defender Vigo dun posible ataque norteamericano en 1898. Ao morrer en 1922, os obreiros da súa fábrica, para os que creara unha «caixa de previsión» para garantirlles un salario mínimo no caso de enfermidade e asegurarlles un retiro, insistiron en que unha rúa, a terceira do noso paseo de Cuba, levara o seu nome.

Antonio Giráldez Lomba
Historiador. Vicepresidente do Instituto de Estudos Vigueses

[Esta entrevista pertence á revista A movida de Febreiro. Se queres comezar a recibir un exemplar na túa casa, apoiar o noso proxecto e participar en numerosos sorteos, faite #AMOVIDALOVER nesta ligazón. ]

bannerAfundacion
Compartir
X