CIRCO DE NADAL
CAMELIAS NADAL

O Play-doc presenta a súa edición máis galega

Sen perder o seu espíritu internacional o festival de cinema de Tui Play-Doc, que terá lugar do 23 ao 27 de setembro, aposta nesta edición por contidos cos que pretende reforzar os vínculos con Galicia.

No seu afán de promocionar e impulsar o talento galego e a diversidade da súa produción audiovisual, o festival presentou un amplo programa de títulos producidos en Galicia onde o público atopará narrativas fílmicas e aproximacións formais moi dispares. Desde directoras que exploran o desafío e o desarraigamento que provoca a emigración como é o caso de A Media Voz dirixida por Heidi Hassan e Patricia Pérez; á procura da identidade a través das tradicións máis ancestrais de Galicia na proposta de Alejandro Gándara e Olaia TubíoDorothé na Vila. Retratos do rural e a súa transformación en Santa Baia de Montes de Sabela Souto e Notas sobre a habilidade da barca do colectivo Cinema Semente, un concepto que tamén retrata Santiago D. Risco en A Miña Terra. A proposta máis experimental chegará coa produción galega da cineasta británica Jessica Sarah Rinland, que presenta Those that, at a distance, resemble another. O cineasta Xurxo Chirro traerá ao festival a súa película De Barrio na que reflexiona sobre a memoria e o seu propio recordo. Camila Kater coa súa película Carne convida o público a reflexionar sobre a relación co corpo desde a perspectiva de cinco mulleres.

Pola súa banda, Ángel Sánchez, codirector do festival xunto con Sara García, destacou “o enorme esforzo e ilusión do equipo do festival para poder celebrar esta edición tan especial” e resaltou o enorme compromiso de todos os participantes á hora de facilitar a celebración do mesmo. “Nesta edición quixemos que o festival se achegara máis ao público, por iso sairá á rúa e o espazo urbano. Tamén será testemuña do enriquecedor diálogo entre a creación audiovisual e outras manifestacións artísticas como a música, a fotografía, a danza ou a poesía”. Ademais Play-Doc chegará a máis espectadores que nunca grazas á súa colaboración con FILMIN, unha das plataformas online máis importantes de cinema baixo demanda que facilitará que a nosa programación chegue a todos os recunchos de España fidelizando novo público.

Do mesmo xeito que noutros anos o fixeron Oliver Laxe, Eloy Enciso ou Lois Patiño, nesta edición Play-Doc reedita a súa programación ‘ Coming Soon’ no que catro cineastas galegos, Margarita Ledo, Sonia Méndez, Pela del Álamo e Alexandre Cancelo, presentarán en directo ao público un breve adianto dalgunhas das películas que poderemos ver durante o próximo ano 2021. ‘ Coming Soon’ é un espazo aberto no que compartirán o proceso creativo dos seus proxectos. Este evento será seguido de maneira telemática por programadores nacionais e internacionais grazas á colaboración de AC/E Acción Cultural Española.