CAMELIAS MASCOTAS

O GFFF rende homenaxe ao filme ‘Braindead’, de Peter Jackson, e contará coa presenza da súa protagonista

Entre o 23 de setembro e o 1 de outubro celébrase a sexta edición do Galician Freaky Film Festival que este ano proxectará algúns dos primeiros filmes de terror de Peter Jackson, celebrará o 40 aniversario de The Thing e repetirá a xornada dedicada ao público infantil, o Pequefreak. Os abonos xa están á venda na web do festival.

O equipo do festival xunto ao Concelleiro de Cultura, Abel Losada, e a Deputada Provincial Ana Mejías

Diana Peñalver, protagonista dun dos primeiros filmes de Peter Jackson, será a convidada de honra da sexta edición do Galician Freaky Film Festival, que este ano rende homenaxe aos primeiros filmes do aclamado director neozelandés, pois antes de facer superproducións como O señor dos aneis, ou King Kong, o xoven Peter Jackson creou varias obras de culto que combinaban o gore, co terror, os zombies e as invasións extraterrestres.

É o caso de Braindead (que en España proxectouse co nome Tu madre se ha comido a mi perro) ou Bad Taste (Mal gusto en español), filmes que mesturan con mestría humor negro e unha chea de sangue e que se proxectarán na sexta edición do GFFF. Sen dúbida unha oportunidade única de volvelas desfrutar en pantalla grande que se redondea coa presenza de Diana Peñalver, protagonista de Braindead que charlará cos asistentes tras a proxección, coincidindo co 30 aniversario da película, estreada en 1992.

REVISTA NOVEMBRO
Peter Jackson e Diana Peñalver no Festival de Sitges de 1992 | Foto: @sitgesfestival

Tamén está de aniversario, e neste caso cumpre 40, The Thing, e o GFFF non vai deixar pasara a ocasión de proxectar un dos filmes máis famosos da ciencia ficción. The Thing é un thriller oscuro, paranormal e terrorífico dirixido por John Carpenter en 1982 que será proxectado na xornada inaugural do GFFF, o 23 de setembro no Auditorio do Concello de Vigo. Durante a inauguración tamén terá lugar a proxección de The Hunchback of Notre Dame, filme musicado en directo por Caspervek Orquestra.

Outra das confirmacións que se fixeron na presentación desta mañá é que o Pequefreak, a xornada dedicada ao público infantil terá unha segunda edición este ano. Será o 24 de setembro no auditorio do Concello de Vigo e, ademais de proxección de curtametraxes e longas de fantasía, os nenos poderán participar nun obradoiro de efectos especiais
cinematográficos e unha experiencia inmersiva de realidade virtual.

Ademais destas seisóns especiais, o festival contará cunha sección oficial formada por varios bloques de curtametraxes internacionais a concurso, encontros, faladoiros e o bo ambiente que caracteriza a este certame, que convertirá de novo Vigo na cidade de peregrinación freak.

The following two tabs change content below.

Paula Cermeño

Paula Cermeño é licenciada en xornalismo pola USC, pero a súa principal ocupación é viaxar. Mentres aforra para dar a volta ao mundo, traballa como redactora e xestora cultural. Gústanlle os libros, o audiovisual, o teatro e o rock and roll, por iso é doado avistala en moitos dos saraos vigueses.