COSTEIRASONORA
REVISTA VERAN

A Deputación prepara actos coa muller como protagonista para conmemorar o 8M

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, deu a coñecer a programación que teñen preparada para febreiro e marzo na nova sede da Deputación en Vigo (Eduardo Chao, 17). Moitas das actividades xiran arredor da muller con motivo do Día Internacional da Muller.

Imaxe da manifestación do 8M de 2019 en Vigo. | Pablo V.

A igualdade é un dos grandes obxectivos do goberno da Deputación e na semana do 8 de marzo, ao abeiro do Día Internacional da Muller, intensificaranse os actos relacionados coa muller. Así, o 3 de marzo inaugurarase ás 20.00 horas a exposición Sempre marzo, coordinada pola poeta Yolanda Castaño, que recolle unha selección de arte plástica e poesía a cargo de 33 creadoras e creadores galegos sobre igualdade e feminismo. Un día despois, o 4 de marzo, terá lugar a actividade Letras en feminino, na que participarán autoras de narrativa e poesía coa finalidade de “visibilizar a revolución da literatura en Galicia, onde as mulleres están a ocupar grandes espazos”. Tamén enmarcada na semana do 8M,terá lugar unha sesión de cinema en feminino con proxección de Ouaga Girls, Visións e Sonita os días 5,6 e 9 de marzo, respectivamente, ás 20.00 horas na Sala de Proxeccións Dorotea Bárcenas da nova sede de Vigo. Ademais, en abril, terá lugar unha exposición, en colaboración coas asociacións feministas, centrada nos carteis que se exhiben nas manifestacións do 8M.

O día 11 de marzo, arrancará a primeira gran exposición na sala Maruja Mallo que será Muller por muller, comisariada por Rosa Sarmiento e que, a partir de fondos das coleccións públicas de arte da provincia de Pontevedra, fará un percorrido por artistas que teñen reflectido o universo feminino e seguen silenciadas.  E o 14 de abril, na Sala Rosalía de Castro, terá lugar unha nova exposición centrada, neste caso, en María Xosé Queizán, un dos grandes referentes do feminismo na nosa cidade

Ademais durante estas semanas tamén haberá outros actos culturais neste recén inaugurado espazo. O 21 de febreiro ás 20.30 horas terá lugar unha pasarela do traxe galego para poñelo en valor, amosar as súas diferentes tipoloxías e tecidos a través de pezas orixinais e reproducións fidedignas froito da investigación da asociación Sete espadelas. No marco desta pasarela, ademais, haberá unha mostra dos traballos de Elena Ferro e Paula Ojea, Premios Nacionais de Artesanía.

SONRIAS

O 24 de febreiro conmemórase o nacemento de Rosalía de Castro e en Vigo contaremos coa ‘visita’ da propia Rosalía e Modesto Brocos que pasearán polas prazas e rúas do Casco Vello ata rematar, ás 19.00 horas, cunha representación na sede de Vigo.   Ademais, entre marzo e abril tamén terá lugar na sede de Vigo a mostra “O vento nas velas” de Xurxo Lobato; celebrarase o Día do Teatro (27 de marzo), o das Artes (1 de abril), o día do Libro (23 de abril) e o da Música (21 de xuño), así como outras iniciativas impulsadas polo tecido asociativo da cidade.