O festival The Wild ocolle actividades musicais, maxia e busca do tesouro para os pequenos
O festival sostible The Wild, que terá lugar o 5 e 6 de setembro no Parque Forestal de San Miguel de Oia, tamén é para os pequenos da casa. A vindeira fin de semana os nenos poderán gozar das actuacións do Payaso Popín e Cé Orquestra Pantasma, pero tamén de espectáculos de maxia ou verdadeiras aventuras de orientación e busca de tesouros en plena natureza.
A fin de semana do 5 e 6 de setembro celébrase a segunda edición do festival The Wild, un evento que combina música, cinema, actividades para os pequenos, ecoloxía e natureza. Repite escenario no Parque Forestal de San Miguel de Oia, pero este ano reduce aforo e incrementa as medidas de seguridade e hixiene na procura dun evento anti-coronavirus.
Hai unhas semanas coñecemos o cartel musical do festival encabezado por Arizona Baby, Terbutalina, Escuchando Elefantes e The Broke. Máis, nesta edición os cativos tamén poderán gozar de espectáculos musicais, maxia e actividades de orientación na natureza e procura do tesouro.
O pistoletazo de saída será o sábado 5 ás 10.00 da mañá, momento no que dará comezo a Orientaventura, organizada por Territorio Comanche, un evento por equipos -de dous a cinco persoas- dirixido a todos os públicos no que poderán participar tamén os pequenos da casa. Nel, deberanse superar diversas probas e retos ao mesmo tempo que terán que orientarse coa axuda dun mapa e atopar diversos puntos de control. Xa ás 17.00 e coma colofón final do día, chegará a quenda do Payaso Popín e Cé Orquestra Pantasma, quen farán gozar aos cativos con actuacións nas que non pararán de rir.
O domingo 6 de setembro tamén haberá actividades destinadas aos rapaces. Así, ás 12.00 realizarase unha apaixonante e enérxica procura do tesouro, organizada por Territorio Comanche e, a partir das 16.30, tocará unha boa dose de maxia da man de Magia en la Manga, así coma estupendos contacontos que os nenos -e maiores- gozarán.
Debido a actual crise sanitaria e para facilitar a xestión e os trámites, poderanse adquirir as entradas a través da web de The Wild, onde tamén aparecen todos os prezos de entrada e actividades. A modo xeral, o sábado 5 de setembro a entrada ao festival custará 10 euros. E, se se quere acampar, o prezo será de 13 euros. O domingo a entrada será de balde. Doutra banda, na Orientaventura o prezo sitúase entre os 15 e os 20 euros, xa que varía en función da idade dos participantes, e tamén inclúe o acceso ao festival.
Ademais, neste ano tan atípico, marcado pola crise sanitaria provocada polo coronavirus, intensificaranse as medidas de seguridade e hixiene co fin de gozar do certame nun espazo seguro para todos os participantes, profesionais e familias. Así, redúcese o aforo en máis dun 90%, haberá zonas de desinfección con xel hidroalcohólico e medirase a temperatura no acceso ao festival. Doutra banda, o uso de máscaras para moverse polo recinto será obrigatoria a partir dos seis anos, haberá persoal cualificado comprobando que se cumpren as medidas, un sentido de circulación único e as actividades terán lugar en zonas diversificadas e separadas para manter a distancia de seguridade.