REVISTA OUTUBRO

O Museo do Mar propón actividades para grandes e pequenos

O Museo do Mar tamén quere despedir o ano con actividades tanto para maiores como pequenos. Para os primeiros, haberá unha visita dos Bolechas, contacontos de Pablo Díaz e diferentes propostas para decorar a árbore ou para buscar o tesouro. Para os segundos, haberá unha dobre proxección de O que arde, unha delas con coloquio co director Óliver Laxe.

Os Bolechas durante unha actuación pasada

OS BOLECHAS (mércores 23 e 30 ás 16:30)

Os días 23 e 30 de decembro entre 16:30 e 18:30 estará a popular familia nas instalacións do Museo do Mar. Os bonecos corpóreos estarán polas zonas de acceso gratuíto do museo para saudar a toda a rapazada que se achegue e compartirán unha divertida tarde de Nadal con todas as familias que o desexen.

BEBEN C@NTA de Pablo Díaz (sábado 26 ás 17:30)

En Beben C@ntan Pablo Díaz fará unha viaxe a través dos contos coa música como fío condutor, tratando temas e rutinas adaptadas para os máis pequen@s. Para conseguilo, axudarase de instrumentos como frautas, guitarra, harmónica, e interpretará algún dos seus temas máis populares. Unha sesión relaxada onde a fantasía e a ilusión sexan as protagonistas, e na que grandes e miúdos axuden a cantar e a entoar as melodías e retrousos dos contos e cancións. Esa mesma mañá ás 12:00 tamén estará no Centro Arqueolóxico do Areal “Salinae”. A actividade será de balde, mais cómpre reservar praza en info.museodomar@xunta.es

ADORNOS RECICLADOS PARA A ÁRBORE DE NADAL (calquera día en horario de apertura do museo)

Este ano queren facer unha árbore de Nadal diferente, polo que precisan a vosa axuda. Para iso, os máis pequenos deberán facer un adorno con material reciclado e levalo ao museo para colgalo na súa árbore. Os nenos e nenas que o traian recibirán un agasallo para toda a súa familia.

XOGO DE PISTAS PARA DESCUBRIR UN MISTERIO NO MUSEO (calquera día en horario de apertura, coa entrada ao museo)

A quenlla do museo perdeu o seu nome, as letras escaparon e espalláronse por todo o edificio. Para atopalas terás que pedir as pistas en recepción e levar un lapis para ir anotado todas as túas pesquisas. Os participantes terán premio!

CINE NO CAMIÑO: O QUE ARDE DE ÓLIVER LAXE (sábado 26 ás 12:00 e 17:30)

Xa para adultos teremos a proxección de O que arde, a multipremiada película do galego Óliver Laxe. Haberá dúas quendas: 12:00 e 17:30. Na segunda sesión estará presente o director para realizar un pequeno coloquio ao rematar. A actividade será de balde, mais cómpre reservar praza en info.museodomar@xunta.es.