O festival Picnic Sesións anuncia un cartel musical 100% vigués
A primeira edición do festival Picnic Sesións, que se celebrará os días 9 e 10 de setembro en Saiáns, xa ten o cartel musical ao completo, e é 100% vigués.






Hai unhas semanas vos informamos do nacemento dun novo festival en Saiáns. Para conseguilo buscaron financiamento a través de subvencións, patrocinadores público e privados e duns eventos chamados Picnic Sesións. Estas xornadas tiñan lugar os domingos na zona verde de Radio Costeira (Baixada á Praia, 83), e alí realizaban actividades para a cativada, chocolatadas, xantares, obradoiros deportivos e concertos. Finalmente, o festival celebrarase nese mesmo espazo os días 9 e 10 de setembro.
A primeira confirmación no apartado musical foi The Soul Jacket, experimentada banda local de soul e rock que vén de lanzar hai ben pouco o seu último disco, K.I.C.K. Radio. O cartel complétano máis artistas vigueses de diferentes estilos: Moon Cresta descargará toda o seu power funk cheo de enerxía; Family Folks afondará na música de raíz americana coa súa mestura de folk, country e garage; High Paw traerá os mellores riddims de reggae e hip hop; Bifannah propoñerá unha viaxe ao tropicalismo brasileiro dos anos 60; e Caldo un redescubrimento do noso propio folclore. Completan o cartel a actuación infantil de Brais das Hortas, coas súas cancións repletas de humor, e Frank Drebins DJ, con picada en vinilo.
Máis aló do musical, Picnic Sesións ofrece actividades para a cativada; gastronomía galega ao puro estilo romaría, nada de comida rápida; e un certame de pintura rápida ao aire libre con nome dun importante artista local. O seu lema é “Natureza, cultura e comunidade”.
Pablo Vázquez
Últimos posts de Pablo Vázquez (ver todos)
- Non é cidade para bibliotecas - 25 Marzo, 2025
- Sacar a lingua de viaxe - 24 Marzo, 2025
- Que queres que se faga no Teatro Cine Fraga? Estas son as peticións máis repetidas - 19 Marzo, 2025
- ACT Galicia, a canteira de intérpretes do noso audiovisual - 11 Marzo, 2025
- Novidades musicais viguesas do primeiro trimestre de 2025 - 7 Marzo, 2025