REVISTA ABRIL

O festival Picnic Sesións anuncia un cartel musical 100% vigués

A primeira edición do festival Picnic Sesións, que se celebrará os días 9 e 10 de setembro en Saiáns, xa ten o cartel musical ao completo, e é 100% vigués.

REVISTA ABRIL

Hai unhas semanas vos informamos do nacemento dun novo festival en Saiáns. Para conseguilo buscaron financiamento a través de subvencións, patrocinadores público e privados e duns eventos chamados Picnic Sesións. Estas xornadas tiñan lugar os domingos na zona verde de Radio Costeira (Baixada á Praia, 83), e alí realizaban actividades para a cativada, chocolatadas, xantares, obradoiros deportivos e concertos. Finalmente, o festival celebrarase nese mesmo espazo os días 9 e 10 de setembro.

A primeira confirmación no apartado musical foi The Soul Jacket, experimentada banda local de soul e rock que vén de lanzar hai ben pouco o seu último disco, K.I.C.K. Radio. O cartel complétano máis artistas vigueses de diferentes estilos: Moon Cresta descargará toda o seu power funk cheo de enerxía; Family Folks afondará na música de raíz americana coa súa mestura de folk, country e garage; High Paw traerá os mellores riddims de reggae e hip hop; Bifannah propoñerá unha viaxe ao tropicalismo brasileiro dos anos 60; e Caldo un redescubrimento do noso propio folclore. Completan o cartel a actuación infantil de Brais das Hortas, coas súas cancións repletas de humor, e Frank Drebins DJ, con picada en vinilo.

Máis aló do musical, Picnic Sesións ofrece actividades para a cativada; gastronomía galega ao puro estilo romaría, nada de comida rápida; e un certame de pintura rápida ao aire libre con nome dun importante artista local. O seu lema é “Natureza, cultura e comunidade”.

The following two tabs change content below.

Pablo Vázquez

Graduado en Comunicación Audiovisual pola Universidade de Vigo, é un apaixoado do cine, da música e da fotografía. É director dos documentais 'O profesor', 'The Death: el reencuentro' e 'Cuna de músicos', ademais de coautor do libro 'Son da cidade', o que lle fixo coñecer aínda máis a escena musical viguesa. Ten traballado con distintos grupos e salas da cidade, ademais de participar nos últimos anos como Xurado Novo nos festivais de cine de San Sebastián e Novos Cinemas.